O proxecto conxunto de María Dolores de Cospedal e Íñigo Méndez de Vigo para que na  escola sexan honradas as Forzas Armadas vai tomando forma. Marchas militares, debuxos, xogos… Moitas son as actividades contempladas na futura materia de Coñecemento da Seguranza e a Defensa nos Centros Educativos, que será impartida en Primaria (6 a 12 anos), como alternativa para quen non queira estudar Relixión. Os contidos foron dados a coñecer polo xornal La Razón.

 

Eis algunhas das actividades que o Goberno español quer que a/os escolares leven a cabo.

1. Xogo do país democrático
Trátase dunha actividade en que se aprofunda na importancia da celebración de eleccións e de aceptar democraticamente os resultados das urnas. Aliás, diferenciase entre ‘ditaduras’ e ‘democracias’.
2. Debuxos grazas militares
No tema dous haberá que facer un debuxo despois de ver o vídeo “Grazas militares”. Tamén terán que desencriptar unha mensaxe con frases como ‘militares, grazas polo voso labor’ ou ‘son un servizo público ao servizo de España’.

 

3. Cartas de crianzas
As nenas e nenos deberán ler as cartas dunha crianza que mora nun país desenvolvido e comparala con outra misiva dunha crianza que vive nun país subdesenvolvido. Tamén cantarán o himno da Armada (quinto e sexto de primaria).

4. O xogo das cidades

Os nenos e nenas verán imaxes de cidades devastadas pola guerra para as compararen con imaxes desas mesmas cidades antes da guerra. Tamén se espera que valoren cousas tan sinxelas como teren vasos ou pratos.

5. Un desfile de plastilina

Despois de veren un desfile do Día das Forzas Armadas, os nenos e nenas deberán construir vehículos con plstilina e montar un exposicón.

6. Biografía real en banda deseñada

Terán que ler unha biografía do rei de turno en formato de banda deseñada.

7. Danza e xeografía

Deberán saber situar onde están os países en que o Reino de España ten misións militares e facer unha coreografía ao ritmo da marcha “Lexionarios dos aires”.

NOTA

Non consta que, por agora, estea previsto introducir nas aulas o himno da Lexión (O Noivo da morte).

Fonte: El Plural