“Unha xuíz francesa procesou a cinco xornalistas -tres do semanario Le Point e dous do diario deportivo L´Équipe- por un presunto delito de encubrimento da violación do segredo do sumario no caso Cofidis, relativo ó tráfico de substancias dopantes no seo deste equipo ciclista. A decisión, tomada pola xuíz de instrución de Nanterre Katherine Cornier, levantou iradas protestas por parte dos responsables de ambas as dúas publicacións.

Os feitos remóntanse a principios do 2004, cando Le Point (o 22 de xaneiro) e L´Équipe (o 4 de abril) publicaron sendas informacións coa reprodución integral das escoitas e con extractos do atestado das audicións ás que foron sometidos os corredores e o adestrador do equipo Cofidis tras se destapar un presunto caso de tráfico de estupefacientes para a dopaxe unha vez concluído o Tour´03.

A fiscalía abriu unha investigación para determinar a identidade dos autores da filtración, con toda seguridade da policía, xa que parte do contido das escoitas non fora incorporado formalmente aínda ó sumario no momento en que foron publicadas. En Francia, os xornalistas non poden ser acusados de violación do segredo xudicial e tamén teñen recoñecido por lei o dereito a non revelar as súas fontes. Pero o tribunal de Nanterre que leva o caso quere por todos os medios actuar contra os autores da filtración. A principios deste ano o tribunal ordenou o rexistro das redaccións de Le Point e L´Équipe, así como dos domicilios e intervención das axendas e os discos duros de ordenador dos dous xornalistas do rotativo. Os directores de Le Point e de L´Équipe, Franz-Olivier Giesbert e Claude Doussent, consideraron que esta nova decisión xudicial é un “ataque á liberdade de expresión” e a “as raíces mesmas da profesión” xornalística. O sumario do caso quedou cerrado o pasado agosto, co procesamento de nove persoas.