Após o final da Guerra Fría, o mellor decifrador de códigos dos Estados Unidos, xunto cun pequeno equipo da NSA (Axencia de Seguranza Nacional), comeza a desenvolver un revolucionario programa de vixilancia, capaz de recoller calquera sinal electrónico do mundo, filtralo por obxectivos, proporcionar resultados en tempo real e todo iso sen invadir a privacidade. O programa é perfecto, excepto por un pormenor: é demasiado barato. Por iso precisamente a dirección da NSA, movida por outro tipo de intereses, decide abandonar o programa (xusto tres semanas antes do 11-S).

Despois do ataque, cando a NSA comeza a vixiar en masa a/os americana/os, o decifrador de códigos abandona a axencia. Un amigo toma o mando e encarrégase de reavivar o programa a principios de 2002, para unha proba en contraste coa maior recompilación de información da NSA, baseada nos datos coñecidos antes do 11-S. Así que pon en marcha o programa, os terroristas aparecen ao instante na pantalla do computador. A resposta da NSA é parar por completo o programa. Esta é a historia de Bill Binney, un programa chamado ThinThread e como a alternativa perfecta para a vixilancia de masas foi descartada pola NSA por diñeiro.

A Good American‘ conta unha das historias máis importantes da sociedade da información e disecciona o funcionamento interno e os lazos dunha rede político-económica cuxa magnitude se estende alén dos EUA. (FILMAFFINITY)