A ONG denuncia nun novo relatorio os “fallos” do sistema de acollemento de menores migrantes sen acompañante que deriva en que as autoridades perdan o seu rastro.

“O obxectivo deste sistema de acollemento non é o desenvolvemento e integración do menor, senón que busca non incentivar a falsa idea do efecto chamada”, denuncia Save The Children.

 

 

Save the Children alerta del riesgo de colapso de centros andaluces por la llegada de menores extranjeros no acompañados                                                              FOTO: Robert Bonet

 

O número de menores migrantes que chegan sen acompañante ao Reino de España aumentou un 60,4% en 2017 a respecto do ano anterior: 2.500 nenos, nenas e adolescentes chegaron ao estado sen a compañía de familiares. En canto cada vez hai máis menores tentando atravesar o Estreito en balsa, o sistema de acollemento español “non está preparado para o/as protexer” e “prioriza o control de fronteiras sobre o seu benestar e integración”, denuncia Save The Children.

Os “obstáculos” impostos desde o Goberno á protección de menores migrantes non acompañada/os, sinala a ONG, conforman unha das causas polas que o sistema de acollida perde o rastro de centenares de menores cada ano: en 2016, 825 nenos, nenas e adolescentes “abandonaron os servizos de protección e figuran ‘en fuga’. A Administración “ignora o seu paradeiro actual”, documenta o relatorio de Save The Children “Os máis sós”, presentado nesta segunda feira en Madrid.

Entre os menores “perdida/os” en 2016, 770 eran nenos e 55, nenas. As causas da súa fuxida do sistema de acollemento son diversas en función da nacionalidade e o sexo, explica a ONG. Por exemplo, moitos sirios buscan continuar a súa viaxe migratoria para outro país europeo co obxectivo de se reuniren con familiares, ante os empecillos existentes nos procesos de reunificación familiar.

No caso de moitas das adolescentes desaparecidas, a maioría nixerianas, son extorsionadas polas redes de tráfico con fins de explotación sexual para continuaren co pagamento da débeda. O seu control sobre elas, denuncian as organizacións especializadas, aumenta cando estas mozas non achan no centro de acollemento a protección que requiren ou non son identificadas como vítimas de tráfico.

“En moitos centros non se fai unha identificación correcta. Chegan aos centros mais despois desaparecen, aleccionadas polas redes. Os fallos na súa determinación como vítima de tráfico evidéncianse no baixo número de identificacións como tal, en canto a maioría de mulleres vítimas de tráfico que entraron polo Reino de España declaran que chegaron sendo menores”, lembra Ana Sastre, directora de Políticas de Infancia de Save The Children.

Para outros nenos e adolescentes, na súa maioría marroquínos, a dura situación dos centros e o seu desexo de chegar ás comunidades autónomas onde saben que terán mellores oportunidades empúrraos a “fuxiren dos centros e viviren na rúa”, indica a ONG. É o caso dos menores que migran sós a Ceuta e Melilla, que tratan de arribar á Península escondéndose nos barcos que atravesan o Estreito cada día.

“En Ceuta e Melilla, os menores permanecen longas tempadas en centros preparados para pasar unhas semanas, amontoados e ás veces case sen poderen saír á rúa”, recolle o comunicado de Save The Children. Mais as malas condicións dos centros non se reducen ás cidades autónomas, sinalan. En Madrid ou Barcelona, a organización detectou casos de menores migrantes que prefiren vivir na rúa ante “os malos tratos que ás veces denuncian”.

Outro obstáculo: as devolucións en quente
A ONG tamén pon o foco naqueles que, aínda que chegan ao Reino de España após experimentar os numerosos perigos da viaxe, teñen prohibido ficar apesar de a lexislación española e internacional vetaren a expulsión de menores migrantes sen acompañante. “Moitos menores son devolvidos en quente en Ceuta e Melila, o que os empurra de novo á casa de saída e a confrontar máis riscos”, afirma Andrés Conde, director xeral de Save The Children.

A ONG lembra que estas expulsións automáticas, regularizadas polo Goberno en 2015 através da Lei de Seguranza Cidadá, impide de facto a identificación dos menores que logran sortear os valos de Ceuta e Melilla.

E, moitos dos menores que chegan, lembra o relatorio, son sometidos a probas de identificación de idade “de forme innecesaria” apesar de “non contaren co aval da comunidade científica”. “Estas prácticas exponos a radiacións ou a humillantes espidos integrais” apesar de “levaren consigo documentación que acredita” que son menores de 18 anos. “Debe prevalecer a presunción da minoría de idade”, esixen desde Save The Children.

Para Sastre, os empecillos detectados no sistema reflicten unha meta moi diferente ao benestar supremo e protección do menor. “Parece que o obxectivo non é o desenvolvemento destes nenos e adolescentes senón evitar que experimenten a ‘síndrome do efecto chamada’ que pesa sobre a administración”, reflecte a directora de Política de Infancia.

Para a Administración, defende Sastre, “un sistema de acollida de éxito [que outorgase unha protección real] incentivaría a migración doutros menores” sob a idea á que adoita acudir o Goberno para xustificar determinadas políticas nas súas fronteiras: o ‘efecto chamada’. “É falso. Non saen dos seus países porque aquí a/os tratemos ben, senón porque polas súas circunstancias nos seus países de orixe non achan a protección que necesitan”, sentencian desde Save The Children.

Coa meta de pór fin a esta tendencia, a ONG recomendou ao Goberno a reforma da Lei de Seguranza Cidadá para prohibir as devolucións en quente; a creación da figura dun “asesor independente e voluntario” que forme parte do proceso de acollida de menores “desde o primeiro contacto”; garantir que as probas de determinación da idade só sexan realizadas como “último recurso”; ou a concesión do permiso de traballo cando os mozos migrantes fixeren os 16 anos, entre outras medidas.

Fonte: El Diario