A petición de indulto basea-se na própria sentenza, que recoñece tratar-se de penas desproporcionadas e anima os condenados a recorreren aos “mecanismos legais previstos a fin de aminorar as elevadas penas”.

As organizacións sinalan que deve ter-se en conta que as condutas polas que son condenados estes sindicalistas “tiveron lugar no contexto do exercício do direito fundamental de greve, como acredita a própria sentenza, e no seo dun piquete numeroso integrado por diversos sindicatos”, acrescentando que do própio relato se desprende tratar-se de condutas imprevistas, non premeditadas, que se precipitaron inopinadamente nun ambiente de tensión reivindicativa, o que permite razoavelmente concluir que os condenados non han de reincidir nestas condutas.

Alarma social

Acentua-se na petición de indulto a alarma social xerada “non polos delitos axuizados, senón polas penas impostas”. Alarma constatada na manifestación en apoio dos sindicalistas condenados, “unha das maiores da história recente da cidade de Lugo, superior mesmo à manifestación de repulsa havida após o desastre ecolóxico do Prestige”.

As organizacións EsCULcA, Movemento polos Dereitos Civís e Xustiza e Sociedade solicitaron asi mesmo unha reunión con o Ministro de Xustiza para explicar-lle directamente os motivos polos que se solicita o indulto para estes tres sindicalistas.