O goberno español quer prohibir os indultos ás persoas condenadas por rebelión e sedición por ser, segundo o ministro de Xustiza, Rafael Catalá, ‘unha demanda social’ e, portanto, compre incluir estes delitos na listaxe de excepcións -ao lado do homicidio doloso, terrorismo, xenocidio, delitos contra a monarquía, tráfico de persoas, financiamento ilegal de partidos e corrupción de cargos electos. Catalá acrecenta que o goberno español concede poucos indultos. Mais, se facemos un repaso histórico, resulta que non son tan poucos, e que nalgúns casos foron escandalosos.

 

 

Con efecto, o goberno presidido por José María Aznar chegou indultar persoas condenados por responsabilidades directas en accións de terrorismo de estado (ainda que este concepto non está tipificado como delito), xuíces prevaricadores e policías condenados por tortura. Eis algúns casos.

 

Rafael Vera e José Barrionuevo, condenados polos GAL

O 23 de decembro de 1998 o goberno de Aznar concedeu indulto de dúas terceiras partes da condena de prisión ao ex secretario de estado de Seguranza Rafael Vera e ao ex ministro de Interior José Barrionuevo, condenados como responsábeis dos GAL. Barrionuevo fora condenado pola súa implicación no secuestro de Segundo Marey cometido polos GAL. Concretamente, considerouse probado que, como ministro de Interior, soubera, aprobara e proporcionara diñeiro dos fondos reservados do estado para secuestrar Marey, de que pensaban ser membro da ETA.

Indulto a un policía condenado por cinco delitos de tortura

En xullo do 1998 foi indultado o axente da policía española Francisco Tudanca Núñez, condenado catro anos antes por cinco delitos de torturas e detención ilegal e arbitraria de diversos viandantes en Madrid no 1982. A pena era de cuarenta oito anos de inhabilitación especial e cinco meses e medio de arresto.

Arias-Salgado indulta o seu irmán

No 16 de outubro de 1998 o consello de ministros aprobou o indulto de Gabriel Arias-Salgado, irmán do ministro daquel mesmo goberno Rafael Arias-Salgado. Fora condenado por un delito de falsidade documental e estafa na liquidación da sociedade da súa ex muller.

Manuel Sánchez Corbí

O tal Manuel Sánchez Corbí foi condenado o 7 de novembro de 1997 pola Audiencia de Vizcaya a catro anos de cárcere e seis de inhabilitación por torturar Kepa Urra nun descampado, antes de o transportaren detido ao cuartel de La Salve, en Bilbo. A pormenorizada descripción das súas lesións ocupaba dúas follas da sentenza. O Supremo reduciu posteriormente a condena a una ano de cárcere ainda que mantivo a inhabilitación por seis anos. No entanto, en 1999, o Consello de Ministros do primeiro goberno de Aznar, con Margarita Mariscal de Gante como ministra de Xustiza, decidiu o seu indulto e o doutros dous axentes que foram condenados xunto con Sánchez Corbí.

O indulto por groso do fin do milenio, por Ángel Acebes

No ano 2000 o ministro de Xustiza Ángel Acebes promoveu un indulto multitudinario co argumento de ser ano xubilar e acabar o milenio. Un dos moitos indultados foi o ex xuiz da Audiencia española Javier Gómez de Liaño, condenado a quince anos de inhabilitación no 1999 por un delito continuado de prevaricación no caso Sogecable. A máis, tamén foron indultados tres condenados polo caso Filesa; concretamente, o deputado do PSOE Carlos Navarro e dous responsábeis da empresa Filesa, Luís Oliveró e Alberto Flores, que viron reducidas á metade as súas penas por asociación ilícita, falsidade documental e delitos contra a facenda pública no financiamento irregular do PSOE.

Indulto a catro mossos condenados por torturas. 2012

O 23 de novembro de 2012, o goberno de Rajoy indultou catro axentes dos Mossos d’Esquadra que foran condenados por tortura e delitos contra a integridade persoal por teren espancado e ameazado no 2006 un home diante do portal da súa casa ao que confundiron cun atracador. Non se identificaran como policías e mesmo chegaron a lle introducir unha pistola na boca. Houbo un primeiro indulto que lles reduciu a condena a dous anos de prisión e, como non tiñan antecedentes, non entraron no cárcere. Mais a Audiencia de Barcelona opúxose e decretou o ingreso na prisión. No entanto, un segundo indulto rebaixoulles a pena a unha multa de 7.200 euros.

O comandante e capitán médico do Yak-42

José Ramón Ramírez García e Miguel Ángel Sáez García, comandante do Yak-42 e capitán médico do avión militar respectivamente, foron indultados parcialmente en abril do 2012 polo goberno de Mariano Rajoy. Foran condenados a dezoito meses de prisión, un ano de inhabilitación especial e unha multa de novecentos euros por teren falseado a identidade de trinta dos sesenta-e-dous militares mortos no accidente aéreo. O goberno español impuxo um indulto que afectou a pena de inhabilitación a que os condenara a Audiencia española.

Fonte: Vilaweb