Todos os anos, o Centre Delàs d’Estudis per la Pau analiza o orzamento de Defensa do Estado español. Este ano 2017, o orzamento do Ministerio de Defensa, despois de dez anos de continua diminución nos seus créditos, aumenta un 32% a respecto do ano 2016. Este colosal aumento é consecuencia das argucias orzamentarias que o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, veu aplicando a este Ministerio para ocultar o gasto militar real á opinión pública.

En concreto, o Ministerio de Facenda, de acordo co de Defensa, desde o ano 2012 decidiu non incluír o pagamento dos Programas Especiais de Armamento (PEA) no orzamento, para despois, durante o exercicio, recorrer á aprobación no Consello de Ministros dun crédito extraordinario co que facer fronte aos pagamentos deses PEA.

Desta feita levaba a cabo un engano, aparentemente o orzamento de Defensa diminuía cando en realidade aumentaba, como despois se constataba na liquidación do orzamento ao finalizar o ano, e que no decurso deses anos aumentou en máis de 2.000 millóns anuais. Sen a inclusión do pagamento de 1.824,47 M dos PEA este ano 2017, o orzamento de Defensa aumentaría un 0,6%.

Mais a incorporación dos pagamentos dos PEA non acaba coa ocultación dos gastos en defensa, pois existe outra verba, a das misións militares no exterior, á que se asigna un crédito de 14,3 millóns todos os anos, cando en realidade gasta ao redor de 1.000 millóns, que son achegados desde un fondo de continxencia, situado no programa “Imprevistos e funcións clasificadas” doutros Ministerios. Para este ano 2017, o Secretario de Defensa Agustín Conde Bajén, na Comisión de Defensa do 26/04/2017 do Congreso de Deputados, anunciou que o gasto previsto das misións no exterior sería de 1.062,5 millóns, o que significa que o aumento a final de ano non será dun 32%, senón como mínimo dun 45%.

As partidas que segundo o noso criterio deben ser incluídas como gasto militar, a saber, a seguranza social dos militares (clases pasivas); a mutua militar; os créditos en I+D para a adquisición de armas (Ministerio de Industria); a Garda Civil polo seu carácter militar (Ministerio do Interior); o CNI, dirixido por un xeneral e onde un 50% dos membros son militares; o servizo da débeda pública, é dicir, os xuros, que na parte proporcional ao gasto militar que debe ser imputada, en especial pola alta percentaxe (un 20% en 2017), que os investimentos en defensa representan ao orzamento de Defensa. Tamén a diferenza entre o gasto inicialmente aprobado no PGE e o realmente executado no final de exercicio e que segundo os anos ultrapasa o mil millóns de euros. En 2016, por exemplo, a diferenza foi dun 16%. Ademais, este ano, por vez primeira, incluímos como gasto militar as “pensións de guerra” pagadas a persoas vítimas da Guerra Civil española de 1936 a 1939, xa sexan sobreviventes que sufriron minusvalías ou os seus familiares que as perciben como un subsidio.

Entón o gasto militar español ascende a 18.776 millóns de euros, unha contía que representa 51,4 millóns diarios de gasto militar ao que cada cidadán contribúe con 404 euros ao ano da súa renda. Un gasto moi por encima do 1% do PIB que sinala a ministra de Defensa, María Dolores de Cospedal, pois eleva o crédito en defensa de España até o 1,64% do PIB e achéganos ao 2% que reclama insistentemente a Casa Branca aos seus socios da OTAN.

No apartado dedicado a analisar o I+D militar, fica demostrada a discriminación que existe entre os recursos asignados a I+D civil a respecto do I+D militar. Pois as obrigacións comprometidas en I+D militar no final de ano raian o 100% dos créditos orzados. Encanto as obrigacións contraídas en I+D civil fican moi por baixo das orzadas e son executadas nun 60% en 2015. Se a isto acrecentamos que o I+D en xeral está dividido en axudas a fondo perdido e en créditos retornabeis, e que este ano 2017, o apartado de créditos retornabeis representa un 60% do total de recursos dedicados a I+D. Entón, os recursos en I+D civil terán un grao de cumprimento moito menor que os de I+D militar, pois estes son concedidos na súa totalidade e benefician do mecanismo establecido nos PEA de non retorno dos créditos até seren entregadas as armas.

Un orzamento que este ano 2017, continúa coa tónica de anos anteriores de aplicar fortes axustes na maioría dos ministerios. En total produciuse unha redución de 14.250 millóns a respecto do ano anterior, cun crecemento practicamente nulo en todo o gasto non financeiro, que aumenta un paupérrimo 1,3% a respecto do ano anterior. Entretanto, priorízase o pagamento en armamentos de nula necesidade social que só beneficia as empresas militares. Cando doutra banda, o crecemento do PIB en 2016 foi dun 3,2% e para o ano 2017 prognostícase entre un 2,5% e un 3% de aumento. É dicir, que segundo os prognósticos do Goberno, estamos a emerxir da crise e no entanto preséntase un orzamento moi regresivo no social. Encanto no ámbito militar aparecen novos programas de armas, xa anunciados, non aprobados polo Goberno, mais con créditos orzamentarios consignados, 86,2 millóns en 2016 e 69,5 en 2017. Trátase dos blindados Piraña 8×8 dun custo previsto de 1.600 M€, unha nova Fragata F-110, 800 M€ e catro avións UAV Reaper por un valor de 160 M€. Quer dicir, que os PEA continúan aumentando o seu número, os seus custos e, en consecuencia, as débedas.

Pere Ortega, Xavier Bohigas e Xavier Mojal

Fonte: Rebelión