A Audiencia Nacional española volveu a condenar a 15 anos de prisión a Iñigo Zapirain, Saioa Sánchez e Beatriz Etxebarria por un ataque en 2006 nunha oficina do INEM de Bilbo. O Supremo anulara unha sentenza anterior e ordenara repetir o xuízo porque non se investigaron as denuncias de tortura. Neste novo fallo, o tribunal especial pon en cuestión a «fiabilidade» do Protocolo de Istambul, o mecanismo avalado pola ONU que permite certificar a credibilidade dos testemuños de tortura.

Zapirain-sanchez-etxebarria            O primeiro xuízo a Etxebarria, Sánchez e Zapirain, en novembro de 2015. (EFE POOL)

 

A Sección Segunda da Sala do Penal da Audiencia Nacional española condenou a 15 anos de prisión Iñigo Zapirain, Saioa Sánchez e Beatriz Etxebarria por un ataque contra unha oficina do INEM en Bilbo en 2006, en que resultaron feridos dous ertzainas, e polo que se lles atribúe un delito de «estragos terroristas».

Trátase da segunda sentenza sobre estes feitos ditada pola AN despois de que o Tribunal Supremo anulase a primeira (en que eran condenadas á mesma pena) por non ter sido admitida a práctica dunha proba psicolóxica de Zapirain en aplicación do Protocolo de Istambul en relación coa investigación de torturas.

A defensa presentou como elemento corraborador da veracidade da denuncia o relatorio pericial subscrito por dúas peritas licenciadas en psicoloxía en base ao Protocolo de Istambul, empregado no ámbitol internacional para certificar a credibilidade das denuncias de tortura.

Etxebarria non ratificou as declaracións

A Audiencia Nacional castiga os tres e sostén que «nada avala» que Zapirain fose «forzado a declarar pola Garda Civil», aínda que admite que outra das condenadas, Beatriz Etxebarria, «non ratificou as declaracións prestadas en sede xudicial».

Precisamente, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos condenou en 2014 o Estado español por non investigar a denuncia de torturas brutais de Etxebarria, cuxo caso foi mesmo recollido no Relatorio anual do Comité Europeo.

Na súa sentenza, a Sala destaca que «a declaración xudicial se prestou decorrido un certo tempo desde as declaracións practicadas ante a Garda Civil, de modo que o detido tivo ocasión para reflectir sobre as súas consecuencias, sen que poida afirmarse que non existiu solución de continuidade entre unha e outra declaración».

En segundo lugar, advirte que «non pode manterse que o detido non tivese coñecemento do alcance da súa declaración, pois o xuíz expresamente lle preguntou se comprendera os seus dereitos,e el respondeu afirmativamente». E en terceiro lugar, acrecenta, «tampouco pode afirmarse que se tratase dunha ratificación case rutineira da declaración emitida no atestado, pois nela describe de maneira detallada a súa intervención nos numerosos atentados que foron atribuídos ao comando Otazua ao que pertencía».

Por último, a Sala destaca que, para finalizar a declaración, Zapirain «recoñeceu de maneira rotunda ter recibido un trato policial correcto, o que corroboran o sete rexistros forenses emitidos durante o período de incomunicación».

Protocolo de Istambul

A Sala indica que non cuestiona nin a cualificación profesional e técnica das peritas nin a realidade do diagnóstico de tensión postraumática, aínda que apunta que pode obedecer a «diversas causas» e engade que «é conveniente efectuar algunhas consideracións sobre a fiabilidade do método utilizado».

Sostén que «non constan criterios de refutabilidade, empregándose fórmulas motivadoras ou de xustificación rituais» e que se «unimos o tempo decorrido desde os feitos e o interese do examinado en manter unha determinada versión dos feitos podemos afirmar que o relatorio non é concluínte canto á credibilidade das manifestacións do acusado sostendo que foi o desexo de protexer a súa parella ante as ameazas de violación o que o impulsou a recoñecer a súa participación nos feitos, tanto en sede policial, como na súa posterior declaración ante o Xuíz Central».

A Sala explica que o testemuño «se contradí radicalmente» co manifestado polo médico forense, «de cuxa profesionalidade non hai motivo algún para a dúbida» e que tampouco o avogado de oficio «apreciaron ningunha irregularidade».

Por iso, o tribunal considera que «carece de fundamento a sospeita de ilegalidade que se pretende introducir a respecto das declaracións policiais, despois ratificadas no Xulgado».

«En conclusión, non cabe admitir, porque nada o avala, que o agora acusado fose forzado a declarar por parte da Garda Civil. Pola contra, habemos de concluír que el mesmo prestou declaración como imputado con todas as garantías ante a Policía Xudicial, quizá influído polo estado de conmoción en que se achaba, e despois ratificouna con plena conciencia ante o xulgado competente, nunha declaración non rituaria, mantendo con absoluta clareza as imputacións relativas á súa participación e á do resto de acusados», conclúe o tribunal.

Fonte: Naiz