A finais de xullo de 2017, World Socialist Web Site -WSWS- denunciou que desde abril recibían menos visitas no seu portal, pois o seu sitio non aparecía nos resultados de procura de Google. Non era coincidencia. Outros portais de esquerda tampouco están entre os primeiros resultados do buscador, reducindo así a súa visibilidade. Están neste caso sites como: Wikileaks, Alternet, Counterpunch, Global Research, Consortium News e Truthout. O director editorial, David North, de WSWS cualificou isto como unha censura política.

A que se debe? Un buscador funciona cun algoritmo que examina a información na Web e fornece resultados ao usuario. O algoritmo de Google contén unha serie de parámetros descoñecidos e fixados pola empresa; isto fai que o resultado dunha procura poida aparecer entre os primeiros ou últimos lugares. En abril de 2017, foron anunciadas mudanzas no seu servizo de procura ao que serían agregados parámetros para identificar e non presentar sitios con información falsa e tergiversada.

Google, segundo Bloomberg News1, traballa con The Washington Post e The New York Times para determinar que sitios comparten noticias falsas. Con todo, o diario estadounidense foi criticado por promocionar unha publicación dun grupo anónimo ProporNot. Este portal presenta relatorios onde acusa 200 sites de emitiren noticias falsas. A pesar de Washinton Post ter publicado unha nota editorial asegurando que non validaba o relatorio, 14 destes sites acusados non aparecen entre os primeiros resultados de Google e están a recibir menos visitas direccionadas desde este buscador.

Algoritmo google 2017

Quere garantirse a calidade da información que consomen os usuarios. Mais descoñécese como catalogan eles un site, a que características debe responder para ser considerado como enganoso. Certamente, os portais con información alternativa están a ser silenciados por ofreceren puntos de vista diferentes.

Pola súa banda, a Wikipedia ataca as noticias falsas creando un portal Wikitribune onde se ofrecerán noticias verificadas. Será xestionado por xornalistas voluntarios e non terá publicidade. Con achegas da comunidade e o traballo xornalístico construiranse relatos alternativos ás noticias falsas.

Como afirma Javier Tolcachier : “as proclamas constitutivas das novas narracións incluirán apartados referidos á participación popular para refundar a democracia, os bens comúns para acometer novos camiños na economía, a cidadanía universal e a redefinición do equilibrio ambiental para evitar a depredación irracional”. A única forma de construír discursos alternativos é mediante a participación cidadá e a democratización de todo tipo de coñecemento.

*****

Ante esta situación, os Diálogos por unha Internet Cidadá. A Nosa América rumbo ao Foro Social de Internet buscan a construción dunha axenda rexional de accións e propostas de políticas públicas para a democratización do espazo virtual. Participa nesta iniciativa Diálogos por unha Internet Cidadá. Así as persoas poderán recuperar o control da Internet. O evento terá lugar o próximo 27, 28 e 29 de setembro en CIESPAL. As inscricións están abertas na páxina www.internetciudadana.net

Artigo publicado en Alai (26/09/2017)