Nun documento secreto elaborado a finais de 1984, a central de intelixencia dos Estados Unidos denominou os membros da banda paramilitar “vixiantes antiterroristas” e salientou que mediante os seus asasinatos lograran diminuír a “capacidade operativa” de ETA.

Homenaje a Santiago Brouard en el Parlamento Vasco asesinado por los GALHomenaxe a Santiago Brouard, asasinado polos G.A.L., no Parlamento Vasco en novembro de 2015. Fonte: Eusko Legebiltzarra

 

Christian Olaskoaga era bailarino. Ou mellor dito, quería selo durante o resto da súa vida. Contodo, as súas pernas e os seus brazos deixaron de moverse un 18 de novembro de 1984. O GAL, a banda paramilitar que dicía loitar contra ETA, cribouno de balazos nun estacionamento de Biriatu, alén da fronteira. A súa idade: 22 anos. O seu ‘delito’: absolutamente ningún. Nin era de ETA nin tiña intención de selo, mais os pistoleiros non o tiveron en conta á hora de matalo. Despois dixeron que se enganaran. Tanto tiña. O caso terminou arquivado e os seus asasinos, impunes.

En canto o GAL acababa coa vida e os soños daquel bailarino -tamén feriu o seu irmán Claude-, un dos organismos de intelixencia máis poderosos do mundo elaboraba un relatorio secreto sobre as actividades dese grupo paramilitar español. Aquel mesmo novembro de 1984, a Oficina de Análise Europea da CIA redactou unha minuciosa análise sobre a denominada ‘loita antiterrorista’ que impulsionaba o PSOE desde A Moncloa.

España: Terrorismo vasco e resposta do goberno era o título dese documento, en que aparecía a clasificación de ‘secreto’. De feito, aínda hoxe existen partes do relatorio que continúan censuradas.

Segundo puido comprobar o xornal electrónico El Salto, ao longo das súas 24 páxinas hai cousas asombrosas. Nun tramo do documento, a CIA reférese aos membros do GAL como ‘vixiantes antiterroristas españois’ e salienta que ‘o asasinato de membros de ETA en Francia’ privara ‘ETA de bases operativas’ alén da fronteira.
‘O grupo vixiante anti-ETA coñecido como GAL -que as embaixadas de Estados Unidos en Madrid e París informan pode ter vínculos cos servizos de seguranza españois- sementou medo e confusión entre os terroristas e axudou a reducir a súa efectividade operativa. O impacto colectivo destes factores foi erosionar a popularidade, as capacidades e o apoio ao terrorismo de ETA”, sinalaba.

 

Portada del informe ‘España: terrorismo vasco y respuesta del Gobierno’ que la Oficina de Análisis Europea de la CIA redactó en 1984Capa do relatorio: España: terrorismo vasco e resposta do Goberno que a Oficina de Análise Europea da CIA redactou en 1984- Arquivo El Salto

Cando a CIA elaborou este relatorio, o GAL levaba actuando polo menos 11 meses. Até ese momento, ‘tomara represalias contra coñecidos e supostos terroristas e activistas (sic) de ETA’ en territorio francés, o que ‘sementara o medo e a desorganización nas filas dos etarras fuxitivos’. Após destacar que os seus operativos eran ‘de procedencia incerta’, subliñaba que ‘moitos observadores públicos e da prensa sospeitan fortemente que o grupo pode contar co respaldo do goberno español’.

‘Aínda que a táctica de combater o terrorismo con terrorismo non é nova, os terroristas están aínda máis á defensiva xa que saben que saír de España non garante a seguranza’, apuntaba a central de intelixencia dos EUA.  Con efecto, as actividades do GAL centráronse nos vascos que fuxiran a Iparralde (o territorio de Euskal Herria que se sitúa sob administración francesa), onde moitos conseguiron mesmo a categoría de refuxiados.

O PAPEL DE FRANCIA
Precisamente, o documento sinala que ‘o aparecemento dos vixiantes do GAL’ permitira axilizar a ‘cooperación francesa con Madrid’. A respecto diso, sinala que París ‘expresou publicamente a súa irritación’ polas accións do grupo paramilitar español no seu territorio, á vez que ‘ordenou batidas policiais’ no País Vasco francés e ‘aumentou a política de recolocación irregular dos activistas vascos no norte de Francia’, en alusión aos desterros e deportacións. De feito, destacaba que ao longo de 1984 o goberno de François Mitterrand xa expulsara a ‘uns 30 supostos líderes de ETA a países da América Latina e África’.

En calquera caso, a CIA lanzaba unha advertencia sobre a repercusión que as actividades criminais dese grupo podían ter sobre o Executivo de Felipe González. ‘De se confirmar a suposta participación de Madrid, as credenciais democráticas do goberno español e do Partido Socialista veríanse seriamente embazadas’, alertaba. Algúns parágrafos máis adiante, sinalaba ademais que ‘se se fixer evidente que Madrid patrocinara as accións de vixilancia dos GAL, a simpatía por ETA aumentaría notabelmente entre os vascos’.

 

Página del informe ‘España: terrorismo vasco y respuesta del Gobierno’ que la CIA realizó en 1984Unha das 24 páxinas do relatorio España: terrorismo vasco e resposta do Goberno que a CIA realizou en 1984.

Apesar de todo iso, o servizo secreto dos EUA prognosticaba que a banda paramilitar continuaría desempeñando ‘un papel no declinio de ETA’, xa que os seus membros fuxitivos ‘veranse obrigados a seguir movéndose para evitar tanto á Policía como aos GAL’.

DIÑEIRO PARA ‘INFILTRARSE EN ETA’
No seu relatorio, a CIA analisaba tamén o polémico Plano ZEN (Zona Especial Norte) que impulsionara o goberno de González para ‘erradicar o terrorismo’. A central de intelixencia americana destacaba que se asignou un orzamento de 110 millóns de dólares para cubrir os distintos puntos dese plano represivo, que incluía a compra de ‘novos vehículos encubertos, armas, helicópteros e barcos’, así como a ‘renovación das instalacións policiais no catro provincias vascas’ (é posíbel que incluíse Nafarroa nesa definición) e a compra de ‘material para a formación de membros das forzas de seguranza españolas en métodos antiterroristas’.

Así mesmo, o Plano ZEN tamén permitiría destinar diñeiro público a outras materias represivas, como os ‘esforzos para infiltrarse en ETA’, a ‘preparación e distribución de propaganda anti-ETA’ ou a elaboración dun ‘recenseamento das provincias vascas para permitir que as autoridades identifiquen máis facilmente os colaboradores, as células terroristas e as casas de seguranza’.

No seu documento, a CIA sinalaba que ETA contaba na altura con 500 membros, a ‘maioría dos cales se cre que teñen a súa base en Francia’. ‘Algúns expertos en terrorismo español manteñen, contodo, que a finais de 1983 a organización contaba con apenas 200 membros activos’, matizaba. O GAL, como admitía o servizo secreto americano, estaba disposto a acabar con todos eles, fosen ou non de ETA.

DANILO ALBÍN

Fonte: El Salto Diario