A CIA e o Pentágano víronse obrigados a publicar 274 documentos que revelan as condicións do centro de detención clandestino da CIA  en  Cobalt, perto de Cabul. e as brutais técnicas aplicadas nos interrogatorios. James Mitchell e Bruce Jessen, os psicólogos que deseñaron o réxime de tortura no seu artigo “Como responder á resistencia de Al Qaeda ás técnicas de interrogación”, conseguiron eludir o xulgamento.

AI pide a Obama no dejarle abierta la cárcel de Guantánamo a Trump

 

Rahman en calcetíns e cueiros; o supervisor preocupado por unha posíbel hipotermia.

Rahman é sometido a 48 horas de privación do sono, malos tratos, duchas de auga fría e outras torturas, mais continúa a non ceder.

Sometido a condicións de baixas temperaturas e un mínimo de comida e sono… confundido pola deshidratación e o cansazo.

Unha mensaxe por cabo recomenda o uso de privacións na contorna de maneira continua xunto a interrogatorios 18 horas ao día.

Un lingüista da CIA pregunta a que temperatura ten lugar a hipotermia.

19 de Novembro ás 22:00 horas

Control de garda – Rahman está vivo

23:00 horas

Control de garda – Rahman está vivo

20 de novembro ás 04:00 horas

Control de garda – Rahman está vivo

08:00 horas

Control de garda – Rahman está vivo

10:00 horas

Control de garda – Rahman está morto

Había 20 celas na prisión; cada unha delas, unha caixa de betón. En 16 delas os prisioneiros estaban encadeados a unha argola de metal fixada na parede. As catro restantes tiñan como obxectivo privar de sono os ocupantes, de pé e encadeados polos pulsos a unha barra por cima das cabezas. Os que estaban nas celas “normais” tiñan un caldeiro de plástico; os outros levaban cueiros. Cando non había cueiros os gardas improvisaban alternativas con fita americana, ou encadeábannos espidos. As celas non tiñan aquecemento, permanecían escuras como breu día e noite, con música a todo volume 24 horas ao día.

“O ambiente era moi bo”, declarou John “Bruce” Jessen a un investigador da CIA en xaneiro do 2003, dous meses despois de interrogar nas instalacións un prisioneiro chamado Gul Rahman. “Desagradábel, mais seguro”.

En novembro do 2002, Jessen, un dos dous psicólogos asalariados que deseñaron as “Técnicas de Interrogatorio Melloradas” da CIA, pasou 10 días na prisión secreta perto de Cabul, Afganistán. Cinco días despois da súa partida acharon morto por hipotermia Rahman, espido da cintura para abaixo e encadeado ao frío chan de cimento.

En agosto, a familia de Gul Rahman e as de Mohamed Ben Soud e Suleiman Abdullah Salim, dous sobreviventes do centro clandestino de detención da CIA en Afganistán, chegaron a un acordo extraxudicial con Jessen e James Mitchel. A demanda contra os psicólogos da CIA buscaba unha indemnización por tortura.

Ao resolver a disputa, Mitchell e Jessen evitaron un xuízo que levase á luz dun xulgado estadounidense o que aconteceu na prisión “Cobalt”, o seu nome en chave, mais coñecida polos seus prisioneiros como “a escuridade”.

Con todo, moita información que os demandantes esperaban que fose mostrada ante un xurado foi feita pública en 274 documentos que a CIA e o Pentágono foron obrigados a desclasificar e publicar durante a entrega de probas antecipadas contemplada no dereito procesual americano, no cal se pode esixir a presentación de probas antes da celebración do xuízo.

Estes documentos, a maioría previstos para servir como probas no xuízo, ofrecen a mellor descrición até o dia de hoxe das calamidades polas que pasaron os tres homes naquela masmorra da CIA, e de como tiveron a mala sorte de que as súas vidas se cruzasen co apoxeo e a queda de James Mitchell e Bruce Jessen, os homes que deseñaron o réxime de tortura.

Dos soldados trasladan a un detenido en un campo de prisioneros de Guantánamo. Foto: Wikimedia

 

“Fixemos unha lista”

O camiño para lograr que un psicólogo admitise traballar para a CIA e ser quen desenvolveu os mecanismos de interrogación comezou un ano antes, nos inicios do 2002, cando Jessen e Mitchell escribiron un artigo intitulado “Como responder á resistencia de Al Qaeda ás técnicas de interrogación”.

O artigo viu a luz, con modificacións, por primeira vez durante o xuízo e desenvolvía métodos para recoñecer se os prisioneiros utilizaban técnicas de resistencia e “estratexias para elaborar contramedidas”.

O artigo estaba baseado nunha lectura de ambos os profesionais do Manual de Manchester, un guía para extremistas que inclúe unha sección sobre os brutais interrogatorios que os recrutas poden experimentar nos centros de detención dos réximes autoritarios. O manual combina consellos como “ficar tranquilo tanto mental como psicoloxicamente e manterse alerta”, con instrucións prácticas sobre como responder ás torturas.

No seu artigo de contramedidas, Mitchell e Jessen toman todos estes consellos como estratexias de resistencia. Repetir sempre a mesma historia, pedir un avogado, queixarse polas condicións de detención, pedir atención médica, denunciar as torturas: todo isto, segundo estes profesionais, “revela que os membros de Al Qaeda de alta exposición teñen un nivel sofisticado de adestramento de resistencia”.

O feito de o artigo comezar coa advertencia “Non somos expertos na cultura árabe nin na organización de Al Qaeda” non afectou o entusiasmo con que foron recibidas as súas ideas.

Durante a primavera do 2002, ambos os psicólogos tentaron vender as súas técnicas para vencer a resistencia dos combatentes de Al Qaeda, Jessen ao Pentágono de Estados Unidos e Mitchell á CIA. Acompañaron as súas presentacións con ilustracións en PowerPoint onde utilizaban o que eles chaman “a metáfora do círculo”, un diagrama que expuxeron como “unha forma efectiva de pensar o comportamento de resistencia”.

Na súa declaración previa ao xuízo, Jessen insistiu en que os métodos de interrogación que el e Mitchell presentaron para vencer as técnicas de resistencia non incluían tormentos físicos e que se axustaban á Convención de Xenebra. Con todo, en abril, Jessen deseñou un “esbozo de explotación” que incluía meter os prisioneiros en celas insonorizadas en centros de detención secretos que estaban fóra do alcance da Cruz Vermella, a prensa, os Estados Unidos e os observadores internacionais. Uns meses despois, “Jim e eu entramos nun cubículo”, lembrou Jessen na súa declaración. “El sentou fronte a unha máquina de escribir e xuntos fixemos unha lista” que se converteu nas técnicas avanzadas de interrogación da CIA.

 

Abu Zubaydah, preso de Guantánamo torturado por la CIA // Departamento de Defensa de Estados Unidos
Abu Zubaydah, preso de Guantánamo torturado pola CIA // Departamento de Defensa de Estados Unidos

 

Abu Zubaydah

As mensaxes da CIA que se presentaron durante o xuízo establecen unha crónica da aplicación destas técnicas durante os interrogatorios aos que a CIA someteu Abu Zubaydah, que sufriu 83 veces a técnica de “waterboarding“, un afogamento simulado. Mitchell uniuse aos interrogatorios unhas semanas despois de Zubaydah, que foi capturado en marzo no Paquistán, fóra levado ao primeiro centro de detención clandestino da axencia en Tailandia, e moitos dos intercambios entre o seu equipo e as oficinas da CIA fan pensar que o caso foi unha proba piloto das técnicas.

Unha serie de intercambios sobre o deseño das “caixas de isolamento” ten títulos como “comentarios sobre o posíbel impacto psicolóxico da caixa de isolamento durante o procedemento con AZ” e “Máis comentarios sobre a construción e outros detalles da caixa de isolamento adicional que se utilizará durante o interrogatorio a Abu Zubaydah”.

Outros relatorios describen en pormenor como estas técnicas foron utilizadas en sesións de interrogatorios, e o seu efecto demolidor e deshumanizante. Nunha parte dun relatorio de seis páxinas descríbese o “sexto día da fase agresiva” do interrogatorio a Abu Zubaydah, que tivo lugar o 9 de agosto de 2002. “Os interrogadores sinalaron a pequena caixa e dixéronlle ‘xa sabes o que facer'”.

“Ás 10 da mañá, o suxeito sentou no chan e meteuse só na pequena caixa, sen protestar e sen requerer maiores instrucións”, escribiu o equipo de Mitchell. Durante as seguintes oito horas, Abu Zubaydah pasou por diferentes caixas de isolamento e foi atirado contra a parede, unha técnica coñecida como “walling“. Cando montaron a estrutura para o “submarino”, outra vez o interrogador dixo ‘xa sabes o que facer’. Dixeron ao prisioneiro que podía pór fin ás torturas confesaba o que os interrogadores querían saber, di o relatorio, mais “o suxeito choramingou e dixo que non sabía nada”.

Oito días despois, un relatorio enviado desde o centro de detención clandestino en Tailandia celebraba o éxito da “fase agresiva” de tres semanas no interrogatorio a Abu Zubaydah, cuxo obxectivo fora “inducir o suxeito á impotencia total, a submisión e a cooperación” e “chegar ao momento de crebar calquera tipo de vontade ou capacidade do suxeito a resistir ou negarse a dar información”. Segundo escribiu Mitchell no telegrama, o proceso “pode ser utilizado como modelo para futuros interrogatorios a prisioneiros de importancia”.

Mentres Mitchell escribía isto, acababa a construción do centro de detención de Cobalt, perto de Cabul.

Un mes despois, cando os primeiros prisioneiros pasaban as súas primeiras 24 horas de escuridade, unha circular interna da CIA describía o rol que os dous psicólogos terían no programa avanzado de interrogatorios da axencia. “Tanto Jim como Bruce poderán realizar a avaliación directa, chamada exame de estado mental, aos prisioneiros logo de seren capturados”, dicía a circular. Isto permitía “determinar os mellores métodos de presión física e psicolóxica para conseguir que este individuo entre nun estado de cooperación canto antes”.

Para cumpriren cos requisitos das técnicas avanzadas de interrogación, os interrogadores da CIA e o Pentágono debían ler o artigo de contramedidas, ver a presentación en PowerPoint e participar de xornadas de adestramento nestas técnicas.

“Ola, Jim! Gustoume moito a conferencia,” comeza un correo electrónico que recibiu Mitchell após unha reunión con “un bonito grupo” de interrogadores, psicólogos e psiquiatras de Guantánamo. A persoa que escribiu o correo quéixase de Guantánamo, onde “os prisioneiros manexan todo o que acontece no campo e os interrogadores teñen pouco ou case ningún control” e onde “non se pode aproveitar o shock da captura, sorprender ninguén (excepto os interrogadores) nin desenvolver o sentimento de impotencia (excepto nos interrogadores). A persoa pede ao psicólogo que mande copias do artigo a Guantánamo. “Está claro que ti e Bruce tedes que vos involucrar para as cousas se fagan ben”.

 

Imagen del film "The Stuff of Life", realizado por AI Reino Unido, que simula la técnica de tortura del waterboarding (ahogamiento simulado) © Amnesty International

Imaxe do filme “The Stuff of Life”, realizado por AI Reino Unido, que simula a técnica de tortura do waterboarding (afogamento simulado) © Amnesty International

Mohamed Ben Soud

Seis meses despois, en marzo e abril de 2003, Mohamed Ben Soud e Suleiman Abdullah Salim convertéronse en dous dos 39 prisioneiros vítimas das técnicas avanzadas de interrogación desenvolvidas por Mitchell e Jessen para os centros de detención secretos da CIA.

No mes seguinte á morte de Gul Rahman, foron incorporados dez quentadores a gas no pavillón da prisión, mais pouco mudou a respecto do que Jessen chamou as “noxentas” rotinas de Cobalt. Salim e Ben Soud permanecían na escuridade, encadeados todo o día á parede ou a unha barra sobre a súa cabeza, a miúdo nus, en celas onde non se lles permitía durmir. Durante as sesións de interrogatorios tamén foron sometidos a métodos como golpes, “walling“, sumersión en auga xeada e foron sometidos a horas de encerramento en caixas de isolamento.

Durante o xuízo, Jessen e Mitchell argumentaron que, como eles non interrogaron directamente Ben Soud e a Salim, non eran responsabeis do tratamento que recibiron.

Con todo, Cobalt fora deseñado seguindo as súas instrucións para un centro de explotación ideal, e despois da morte de Rahman todos os interrogadores debían recibir adestramento sobre as técnicas de Mitchell e Jessen. As experiencias de Ben Soud e Salim parecen dar inicio a unha época en que os “interrogatorios avanzados” volvéronse rotineiros.

Compensacións económicas, si; responsabilidade, non

En outubro de 2006, interrogadores da CIA, psicólogos e responsabeis revisaron todas as Técnicas de Interrogatorios Melloradas e prepararon unha nova lista para presentar ao Congreso en relación coa recentemente promulgada Lei de Comisións Militares. Un dos documentos desclasificados rexistra que catro técnicas foron eliminadas, entre elas tres das que Salim e Ben Soud sufriron en Cobalto.

No seu libro Interrogación Mellorada, Mitchell fai mención a esta revisión. “Case de maneira unánime, todos decidimos que para o proceso de condicionamento tan só eran necesarias dúas técnicas: o ‘walling‘ e a privación do sono”, escribe Mitchell. “O resto, aínda que daban bos resultados ocasionalmente, non eran esenciais. Bruce e eu tamén cremos que algunhas, como a nudez, as labazadas, a inmobilización da cabeza, a manipulación de dieta e o isolamento en espazo reducido, eran completamente innecesarias”.

Ningunha autoridade da CIA ou do goberno de George W. Bush que aprobaron e promoveron os métodos de Mitchell e Jessen o admitiron e os seus papeis no apoio aos programas dos Centros de Detención Clandestinos continúa a ser un enigma obscurecido por seccións omitidas nos documentos que se fixeron públicos.

Moitos dos oficiais da CIA que participaron no programa de tortura dos Centros de Detención Clandestinos foron contratados despois por Mitchell Jessen e Asociados, que seguiron facturando millóns de dólares á CIA por servizos de interrogación moito despois de o programa ter chegado ao seu fin.

O acordo ao que se chegou a semana pasada constitúe o primeiro recoñecemento oficial de que durante os “interrogatorios mellorados” nas instalacións clandestinas da CIA houbo prisioneiros lesionados, alén de ser a primeira indemnización a vítimas do programa de torturas da CIA posterior aos atentados do 11 de setembro. Nun comunicado publicado cando tivo lugar o acordo, Mitchell e Jessen din: “os abusos sufridos polo Sr. Rahman, o Sr. Salim e o Sr. Ben Soud son lamentabeis”, ao tempo que negan calquera responsabilidade en relación cos malos tratos aos dous homes que sobreviviron á tortura.

Con todo, 15 anos despois de que Gul Rahman morrese de frío nunha cela escura, as probas reunidas no proceso previo ao xuízo desvelaron a brutalidade e inutilidade das tácticas levadas a cabo por Mitchell e Jessen, negadas rotundamente pola CIA hai xa máis dunha década.

Larry Siems
15/10/2017 – 20:32h

Traducido de inglés para español por Lucía Balducci e Mariña Leiva – El Diario (15/10/2017)

Orixinal en The Guardian