O Delegado do Goberno español na Galiza, Sr. Villanueva, responde ao escrito de 10 de outubro en que EsCULcA lle requería información sobre unha noticia publicada en La Voz de Galicia. Segundo este xornal, axentes da Garda Civil terían levado a cabo xestións para determinar se un profesor de historia do IES Pino Manso do Porriño fixera “comentarios de odio” no decurso dun debate sobre a situación en Catalunya.

EsCULcA preguntaba ao Sr. Villanueva se en verdade se producira tan insólita intromisión da Garda Civil no labor docente deste profesor e, en caso afirmativo, se as pescudas foran iniciadas de oficio ou como consecuencia dunha denuncia.

A resposta do Sr. Villanueva chegou a volta de correo. O Delegado do Goberno confirma a EsCULcA que a Garda Civil abriu unha investigación e que esa investigación foi iniciada sen mediar denuncia, “ante as distintas informacións e comunicacións por parte de pais de alumnos do I.E.S Piñeiro Manso (sic) á Garda Civil do Porriño, referidas a determinadas actuacións realizadas por parte dun profesor do centro que poderían ser constitutivas dun delito de odio”. Informacións e comunicacións, informais segundo todos os indicios, que levaron a que “membros deste corpo se dirixiron á dirección do centro para trasladar esta preocupación dos comunicantes e proceder á aclaración do asunto”.

Un exceso de celo profesional que, ao que parece, nada xustificaba pois, conclué o Sr. Villanueva, “Como consecuencia da devandita reunión na que por parte da dirección se comunica que non existe ningunha irregularidade, a Garda Civil non realizou ningunha xestión nin investigación a maiores”.