Din que o pasado 1 de Outubro comezou a primeira Ciberguerra da Unión Europea. Non é desatinado. Non porque Anonymous respondese con ataques á actuación do goberno. O goberno cualificou a ocupación por parte da Garda Civil do Centro de Telecomunicacións e Tecnoloxía da Información (CTTI) da Generalitat de “golpe decisivo” contra o referendo, porque desarticulaba a posibilidade dun voto telemático. Non foi o único golpe que tivo lugar pensando na Rede.

Primeiro, as principais operadoras españolas recibiron a orde de controlaren e bloquearen o tráfico dun número de páxinas web, e daquelas páxinas futuras que puideren referirse ao referendo. Outra orde obrigou Google a retirar a aplicación “onvotar1oct@gmail.com” de Google Play e, con ela, todas as que estivesen vinculadas ao mesmo desenvolvedor. A garda civil rexistrou as oficinas da Fundación.CAT onde se aloxaban os dominios e detivo Pep Masoliver, responsábel de proxectos tecnolóxicos.

La Guardia Civil ha detenido al director de Estrategia del CTTI en su casa  A Garda Civil detén o Director de Estratexia do CTTI na súa casa (Fotografía El Diario)

Cando entraron no CTTI para “bloquear e suspender os servizos informáticos susceptibeis de seren utilizados no referendo suspendido polo Tribunal Constitucional”, desactivaron 29 aplicacións pertencentes a diferentes departamentos do Govern. Tamén foi detida moita xente.

Detiveron David Franco, xefe da área de Tecnoloxías da Información e Telecomunicacións do CTTI; Josuè Sallent, responsábel de Estratexia e Innovación; David Palanques, responsábel da oficina técnica de proxectos e Jordi Puigneró, o presidente. Tamén detiveron Rosa María Rodriguez Curto, directora de T-Systems, a empresa de servizos informáticos da Generalitat e Xavier Puig, responsábel de tecnoloxías da información e Comunicación. Detivéronos con cargos de malversación, prevaricación e desobediencia.

Masoliver e Sallent foron detidos na súa propia casa e os axentes confiscaron o seu teléfono móvel e o da súa muller. O titular do xulgado de instrución 13 de Barcelona, Juan Antonio Ramírez Sunyer, ordenara os rexistros mais non os arrestos. Estes foron decisión da Garda Civil.

Obrigados a dar as señas

O portavoz do goberno español, Méndez de Vigo dixo que o referendo fora “anulado” ao cortar a arteria do CTTI, onde estaban aloxados os servizos informáticos da Administración. Mais a actuación da Garda Civil estaba deseñada para desarticular todo o operativo técnico da administración pública catalá. Durante a detención pediuse aos informáticos daren as señas dos equipos. E estaban obrigados a dalas ou cometeren un delito de desobediencia. Tamén están obrigados a gardar segredo da investigación. Todo isto foi posíbel grazas á Lei de Axuizamento Criminal, máis coñecida como a lei Torquemada.

Tamén será posíbel deter aquelas persoas que teñan compartido nas redes imaxes da Garda Civil. “Se as que o fan son menores, pode haber responsabilidade penal do menor e responsabilidade civil dos pais”, explica Carlos Almeida, avogado especializado en delitos informáticos e Internet.

“Abusos e censura estatal”

“Gustaríame que as Cortes e o Goberno fósemos pioneiros en saber abordar os dereitos dixitais”, dicía non hai moito a vicepresidenta do Goberno Soraya Sáenz de Santamaría. Neste caso non o foron: o bloqueo de dominios e a detención de técnicos non é sen precedentes, é unha práctica habitual en lugares como a China ou a Turquía. Por ese motivo, a actuación do goberno foi criticada por organizacións como a Electronic Frontier Foudation (EFF) e a Internet Society por atentar contra a liberdade de expresión.

“A censura gobernamental en Internet está prohibida polo Artigo 19 da Declaración Universal de Dereitos Humanos e polo Artigo 10 da Convención Europea de Dereitos Humanos -declaraba a Electronic Frontier Foundation– que garanten o dereito de todos a recibir e impartir información e ideas independentemente das súas fronteiras. A censura da libre expresión por parte do goberno español durante o período do referendo catalán é tan selvaxemente desproporcionada e sobredimensionada que a violación destes preceptos parece case indiscutíbel”.

En Catalunya multiplícanse as queixas. Eduard Martín Lineros, conselleiro delegado da Fundación puntCAT, escribiu ao presidente do ICANN -a Corporación de Internet para a Asignación de Nomes e Números- para denunciar a orde do goberno de censurar páxinas con dirección .cat por motivos políticos. Jordi Puigneró, o secretario do Goberno para a Sociedade da Información, a Ciberseguranza e a Sociedade Dixital, escribiu ao comisario TIC europeo e vicepresidente da Comisión Andrus Ansip para denunciar “os abusos e a censura estatal en materia de acceso a internet “. Ansip dixo que a avaliarían.

Eurodeputados de ERC e PDeCAT levaron o caso ao Parlamento de Bruxelas esixindo medidas para impedir “a vulneración dos dereitos fundamentais en España “. Tamén houbo outro tipo de baixas. Andreu Veá, presidente executivo da Internet Society en España, dimitiu despois de 15 anos na xunta directiva e 8 anos como presidente “pola politización á que se quixo involucrar na nosa asociación e que a partiu en dúas”.

Artigo publicado en msn (05/10/2017)