O que mantén a Forn en prisión, segundo declara expresamente o Tribunal Supremo, é a súa ideoloxía. Se iso non é un preso de conciencia, paréceselle moitísimo.

 

Forn: el ingreso en prisión de Sánchez y Cuixart no debe modificar la vía del diálogo

 

O movemento independentista catalán está a pór a proba a solidez do sistema democrático español. E, por agora, a nosa democracia vai ficando moi prexudicada. O Goberno, os xuíces e a estrutura do Estado non parecen levar ben que o sistema constitucional de 1978 sexa garantista dos dereitos de todos; mesmo de quen desde dentro do propio sistema aspira a modificar o modelo territorial.

A tolerancia do noso sistema de liberdades non é compartillada por quen ten que aplicalo e aseguralo. De repente temos que ver como se desenvolve unha aplicación do art. 155 da Constitución manifestamente inconstitucional que acaba co concepto mesmo de autonomía; os xuíces perden a súa neutralidade e ditan ou retiran ordes europeas contra persoas acusadas de graves delitos segundo sexa a súa conveniencia política; o propio Tribunal Constitucional salta as normas que o encadran e dita resolucións que non pode ditar, guiado polo afán de evitar determinadas consecuencias políticas… Toda unha serie de disparates constitucionais que só poden explicarse se o que se está defendendo non é a Constitución e a democracia senón tan só a unidade de España.

Neste panorama -especialmente desolador para quen non apoia a independencia de Cataluña mais si a vixencia do sistema democrático de liberdades- destaca a discusión acerca de se en España hai presos políticos. A pesar do seu enorme valor simbólico, é unha discusión inútil. Non está claro o que é un preso político e segundo o concepto que se use pode concluírse tanto que non os hai, como que leva anos habéndoos. Cando un grupo de persoas desobedece a policía para parar un despexo, están a facer política, aínda que poidan ir ao cárcere por iso. Así aconteceu hai décadas cos insumisos ao servizo militar, moitos dos cales pasaron longas tempadas en prisión. Sempre houbo presos que se consideran políticos e xuíces que os encarceran porque cometeron un delito.

Así que non merece a pena falar de presos políticos se o que se quere é denunciar unha situación obxectivamente contraria aos dereitos fundamentais. Porque o que si resulta do todo antidemocrático e contrario ao sistema democrático de liberdades é que ninguén resulte privado de liberdade exclusivamente pola súa ideoloxía. Non polos seus feitos, senón polas súas ideas. E iso é precisamente o que está a pasar nestes momentos con algúns dirixentes independentistas cataláns.

Comezamos a sospeitalo cando a Audiencia Nacional ordenou o ingreso en prisión de todos os conselleiros cesados do goberno catalán menos do único que se desmarcou politicamente da declaración de independencia. Tivemos máis indicios cando á presidenta do parlamento catalán e a outros o Tribunal Supremo lles esixiu unha declaración de que non compartillaban as ideas independentistas unilaterais para os deixar saír de prisión. Mais se alguén tiña algunha dúbida, o Auto que acaba de ditar o Tribunal Supremo sobre a liberdade do ex-conselleiro Forn disípaas todas.

Joaquín Forn está -como os demais- en prisión provisoria, á espera de xuízo. Conforme á doutrina do Tribunal Constitucional, a prisión provisoria non pode ser usada como castigo nin como modo de presión a un sospeitoso. Só pode ditarse se hai risco evidente de fuga, de que destrúa probas ou de que vaia volver cometer o delito. En ningún caso máis. Por iso, o señor Forn solicitou se posto en liberdade, especialmente agora que renunciou á acta de deputado e ninguén pode pensar sequera que poida volver participar nun delito de rebelión como o que se lle imputa. O Tribunal Supremo, nunha decisión do xuíz Pablo Llarena, decide que debe continuar en prisión e xustifícao en que o investigado mantén o seu ideario soberanista. Esa ideoloxía, nun contexto en que aínda hai quen defende a independencia de Cataluña, permite ao xuíz apreciar que pode reiterar o seu delito mentres en Cataluña haxa unha maioría soberanista.

Así, independentemente de como se vista a decisión, o que mantén en prisión esta persoa, segundo declara expresamente o Tribunal Supremo, é a súa ideoloxía: “o convencemento que mantén posibilita unha reiteración do delito que resultaría absurda en quen profese a ideoloxía contraria”. O xuíz non se inhibe de aludir ao ideario disidente do señor Forn para o manter en prisión. Se iso non é un preso de conciencia, paréceselle moitísimo.

A decisión do xuíz é unha auténtica barbaridade democrática que pon España á altura dos países que reprimen as ideas. Noutro contexto político dubido moito de que se atrevese a aludir de maneira tan directa á ideoloxía como motivo da perda de liberdade, mais nestes momentos os xuíces e o Estado no seu conxunto están a lanzar a mensaxe de que todo vale para parar o independentismo. Os dirixentes independentistas aparentemente xa non gozan do goce dos seus dereitos fundamentais.

En circunstancias normais unha decisión como esta sería anulada sen dúbida polo Tribunal Constitucional. Mais neste caso, nin sequera este último garante dos dereitos ten unha mínima aparencia de independencia. Fronte ao soberanismo o poder do Estado exércese practicamente sen límites xurídicos. E como non paremos isto o que está en xogo non é o territorio español, senón a democracia mesma.

Joaquín Urías – exletrado do Tribunal Constitucional e profesor de Dereito Constitucional

Fonte: El Diario