Junqueras: "Tendremos que tomar decisiones, no siempre fáciles de entender"

 

A razón pola que o xuíz Pablo Llarena decidiu non cursar a euroorde solicitada pola Fiscalía Xeral do Estado, a fin de que o President Puigdemont fose detido en Dinamarca e posto a continuación a disposición do Tribunal Supremo, é a mesma pola que ese xuíz instrutor ordenou que non seguise o seu curso a euroorde ditada no seu día pola xuíza Carmen Lamela antes de que se pronunciase sobre a mesma a xustiza belga.

E esa razón non é outra que a imposibilidade de convencer a ningún xuíz nun Estado democrático de dereito digno de tal nome de que a conduta de Carles Puigdemont -e de todos os membros do Govern ou da Mesa del Parlament-, é constitutiva do delito de rebelión.

O delito de rebelión en que se sustenta a querela admitida a trámite en primeiro lugar pola Audiencia Nacional e posteriormente polo Tribunal Supremo é un delito imaxinario, é dicir, un delito que existe na imaxinación dos xuíces de instrución que admitiron a trámite as querelas e adoptaron as medidas cautelares sobradamente coñecidas. E tamén na imaxinación dos xuíces da Audiencia Nacional e do Tribunal Supremo que resolveron os recursos contra esas medidas cautelares. A capacidade fabuladora dos Maxistrados dos nosos dous máximos órgaos xurisdicionais parece que non ten límites.

E dentro de España non os ten, xa que ninguén pode revisar as súas decisións. Poden botar a voar a súa imaxinación e cualificar de violencia accións que todo o mundo, literalmente todo o mundo, puido ver que foron completamente pacíficas ou darlle un valor de proxecto para un golpe de estado a documentos dunha inconsistencia manifesta desde esa perspectiva ou de imputar as cargas da Policía Nacional e Garda Civil ordenadas pola vicepresidenta do Goberno ao vicepresident del Govern...

Mais fóra de España, nas democracias europeas, a imaxinación dos nosos Maxistrados si ten límites. E o Xuíz Pablo Llarena sábeo. Sabe perfectamente que non pode convencer ningún xuíz de que hai argumentos xurídicos que avalen a cualificación como rebelión da conduta de Carles Puigdemont. Sabe que o xuíz dinamarqués ou o belga non se ía a rir diante del, porque os xuíces europeos adoitan ser persoas educadas, mais que por dentro as gargalladas estaban cantadas.

Nesta ocasión, ademais, se se cursaba a euroorde non se podía ordenar posteriormente a retirada e, en consecuencia, o risco de que a Xustiza Española fose desautorizada xa non se podería evitar. Xa a retirada da primeira euroorde foi un golpe para o prestixio da xustiza española. Ese tipo de condutas son as que diminúen o crédito dun país.

Mais é que, ademais, caso cursar a euroorde e non ser atendida pola xustiza dinamarquesa nos termos en que foi formulada, é dicir, polo delito de rebelión, xa non se podería seguir a causa por tales delitos contra todos os demais querelados, co que viría abaixo toda a estratexia construída para perseguir penalmente o nacionalismo catalán, como apuntaba o pasado día 13 Elisa Beni no seu artigo El Supremo se hace bola.

Creo que tería sido moi positivo que un xuíz belga ou un xuíz dinamarqués puidese pronunciarse, após ouvir todas as partes, sobre a cualificación da conduta do President como delito de rebelión. As persoas que pensamos que non existe tal delito, teriamos que comer o que estamos a dicir e escribir caso algún destes xuíces coincidir coa opinión dos xuíces da Audiencia Nacional ou do Tribunal Supremo.

Lamentabelmente non vai ser así. O control da imaxinación dos nosos xuíces unicamente será posíbel, se todo segue o curso que cabe prever, cando, unha vez que se ditou sentenza, poida ser interposto recurso ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.

O custo para entón deste delito imaxinario pode resultar insoportábel. Mais nesas estamos.

Fonte: El diario