Os incidentes relacionados coa islamofobia no Reino de España experimentaron unha tendencia á baixa nos últimos anos mais, en compensación, as expresións de odio através da Internet, sobre todo nas redes sociais, chegaron a niveis alarmantes, segundo revela o Relatorio elaborado pola Plataforma Ciudadá contra a Islamofobia, apresentado na Casa Árabe de Madrid no pasado 2 de marzo.

 

 

“A islamofobia en España rexistra ano a ano unha evolución non negativa, mais o ciberespazo é a nai de todas as treboadas e o é tamén da islamofobia”, declarou a presidenta da Xunta Islámica, Isabel Romeu, durante a presentación do Relatorio sobre a Islamofobia en España 2017 na sede de Casa Árabe en Madri

De acordo co documento, elaborado pola Plataforma Cidadá contra a Islamofobia (constituída polo Centro Cultural Islámico de Valencia, o Movemento contra a Intolerancia e a Xunta Islámica), en 2017 rexistráronse no Reino de España 546 incidentes islamófobos, dos cales 160 producíronse ‘na rúa’ e 375 en Internet (269 en redes sociais e 96 en páxinas web).

No que di respecto dos incidentes na rúa, cuxa tendencia é á baixa, máis da metade rexistráronse ‘máis un ano- na Catalunya, sobretodo en forma de ataques a mesquitas ou negocios vinculados a persoas musulmás (con especial virulencia nos días posteriores aos atentados terroristas de Barcelona e Cambrils) e mediante campañas políticas contra a apertura de mesquitas.

“Na Catalunya, algúns partidos gañan votos co discurso do odio”, lamentou Bárbara Ruiz, do Centro Cultural Islámico de Valencia. “Unha novidade agradábel é que, cada vez que hai manifestacións contra as mesquitas organízanse contramanifestacións a favor da convivencia”, engadiu.

Lembremos que tamén o último Relatorio da Comisión Europea contra o Racismo e a Intolerancia (ECRI) denunciou os discursos racistas que se producen na esfera politica, pondo como exemplo o caso de García Albiol, líder do Partido Popular na Catalunya.

As principais vítimas destes actos, segundo o relatorio da plataforma cidadá, son as mulleres musulmás (incluído un ataque a unha muller grávida en Málaga) debido ao uso do pano, o hiyab. “España non é un país intolerante, mais algunhas persoas necesitan aprender educación e respecto aos demais”, denunciou Esteban Ibarra, do Movemento contra a Intolerancia.

En todo caso, os datos máis alarmantes están relacionados co rápido aumento do chamado ciberodio. O 70% dos casos recolleitos no relatorio consisten na proliferación de mensaxes e boatos islamófobos na Internet, sobretodo nas redes sociais e en páxinas electrónicas, en que se “deshumaniza, estranxeiriza e difama as persoas musulmás, o Islam e os refuxiados”. “A propaganda precede á acción e o dano que se fai non é só aos musulmáns, senón á sociedade no seu conxunto”, advertiu Aurora Ali, da Plataforma.

Neste sentido, sorprende, a flagrante inacción dos poderes públicos. Máis ainda cando é notorio que noutras ocasións a expresións críticas con determinados colectivos (corpos e forzas de seguranza do estado p.ex.) é perseguida con saña, apesar de non constituíren en modo algún eses colectivos comunidades vulnerábeis, como estipula a lei.

Por todo iso, a Plataforma reclama, entre outras medidas, que se aprobe unha Lei orgánica de protección integral contra os delitos de odio e unha Lei xeral contra toda forma de discriminación e intolerancia. “Estas medidas son urxentes, os partidos políticos non poden ignorar o problema”, advertiu Ibarra. “Toda a extrema dereita de Europa está aglutinada sob a bandeira da islamofobia e os que impulsan o odio saben moi ben o que perseguen, fracturar á sociedade”, engadiu.

Eduardo González

Fonte: The Diplomat