1. O artigo 16 da Constitución española garante a liberdade relixiosa (e, por tanto, a liberdade en materia de relixión).

2. Para o caso do sistema educativo iso implica a inconstitucionalidade de calquera pretensión de impoñer ou obrigar a cursar a materia de relixión (da relixión que sexa), como si ocorría, a obrigatoriedade, na época do réxime franquista.

3. Na LOMCE tanto en primaria como en secundaria obrigatoria a materia de relixión aparece como opción alternativa á de Valores éticos, debendo cursar o alumnado unha delas obrigatoriamente (sendo voluntaria a opción, evidentemente).

4. No Bacharelato, a materia de relixión non se presenta nesta alternativa con Valores éticos, senón que se presenta como unha materia optativa, ao mesmo nivel que a Antropoloxía, a Robótica, a Psicoloxía, os Métodos estatísticos e numéricos, etc. A diferenza, de habela, entre unhas e outras é das horas académicas a cursar semanalmente (Relixión unha hora, Psicoloxía tres horas, Antropoloxía dúas horas, etc.).

5.  A organización da optatividade na LOMCE establece que o alumnado poderá elixir as materias que desexe, coa limitación de seis horas en primeiro e oito en segundo (e coa limitación de só poder cursar unha materia das “optativas autonómicas” (de “libre configuración autonómica”).
5.1. Se un alumno selecciona, en 1º de Bacharelato unha materia de 3 horas, máis unha materia de libre configuración autonómica de 2 horas, NON TEN OUTRA OPCIÓN que cursar relixión (ou RENUNCIAR a esa materia de dúas horas e escoller outra: ou sexa, non cursar o que desexa, ter que modificar a selección que se adaptaba aos seus intereses formativos).
5.2. Mesmo habendo materias de 1 hora de libre configuración autonómica, a situación non variaría, pois, como diciamos, legalmente non pode cursarse dúas materias de libre configuración autonómica, polo que terían que escoller relixión, se a selección previa fose algunha de dúas horas de libre configuración autonómica.
5.3. En moitos centros non hai materias de libre configuración autonómica de 1 hora, polo que, aínda sen elixir previamente unha materia de 2 horas de libre configuración autonómica, se teñen que completar cunha materia de 1 hora NON TERÍAN MÁIS REMEDIO que cursar relixión (ou, para non cursar relixión, ter que modificar a selección que se adaptaba aos seus intereses formativos).
5.4.  En 2º de Bacharelato, se alguén elixe unha materia de 4 horas e outra de 3 horas, verase na obriga, para completar as 8 horas, de escoller relixión OBRIGATORIAMENTE. Naturalmente, podería haber algún centro que dispuxese dalgunha materia cunha hora de carga lectiva de libre configuración autonómica, pero, de non haber ese caso, que seguro que non o hai en moitos centros de ensino, a opción -a ausencia de opción, en realidade- está clara.

6. Conclusión do anterior: pode darse o caso de que alumnado se vexa na obriga de cursar obrigatoriamente a materia de relixión, por ser a única materia dunha hora existente que pode cursar, dada a combinación previamente elixida. E esta obrigatoriedade pode, pois, ser imposta, sen que o alumnado desexe facelo voluntariamente.

7. Enténdese que, para ser fieis á constitución, o alumnado non PODERÍA en ningún caso verse na OBRIGA de ter que cursar esa materia, ao ser de formación confesional, e estando impedida tal IMPOSICIÓN pola Constitución.

8. Podería pensarse que se supera a obxección anterior co seguinte razoamento: “As posibles combinacións, por definición, supoñen renuncias en todo caso” . E pode ofrecerse unha casuística. Conclusión: “A materia de relixión non se impón a ninguén”.
8.1. Efectivamente, pode facerse unha selección que non lles IMPOÑA esa obriga, pero non estamos ante situacións de excepcionalidade, senón diante de numerosas combinacións; en varias opcións -non unha nin dúas- hai a obriga de, ou MODIFICAR esa selección previa (non cursando materias que desexaban cursar) ou OBRIGATORIAMENTE cursar relixión católica.
8.2. Ademais, o razoamento non é válido: é falaz. E isto por asentarse nunha premisa falsa. Pártese, para que o argumento teña algún sentido non discriminatorio ideoloxicamente, nunha equiparabilidade entre as materias, que son “iguais” substantivamente. Pero non é o caso. Matemáticas, Historia, Economía, Lingua Castelá, Física e “semellantes” son “iguais substantivamente”. Pero non é o caso da relixión católica. A relixión católica é unha materia de adoutrinamento, pois remite a unha confesionalidade e, por  tanto, a unha crenza. Non se trata de Historia das relixións, nin de Cultura relixiosa, nin de filosofía da relixión, por exemplo, senón de “Relixión católica”. Ou sexa, as primeiras son materias científicas e a relixión non o é. Fe, ideoloxía, confesionalidade, adoutrinamento, son conceptos incompatíbeis con cientificidade ou filosofía.

9. En conclusión,  si hai, en certas situacións, unha obrigatoriedade de cursar a materia de relixión, sendo materia confesional que se presenta, ilexitimamente, dentro dun marco optativo científico (ou filosófico), como se fose unha opción “máis” resultado de opcións previas. Non é unha opción “máis”; nin se trata dun paradigma científico (sendo outros, por exemplo, o sunismo, o xudaísmo, o anglicanismo, o cristianismo ortodoxo, o adventismo, etc.), senón dunha confesión relixiosa; isto é, trátase dunha materia confesional, de conciencia, que non pode poñerse á par das materias científicas ou filosóficas, como “produto dunha posible combinación, que resulta nunha renuncia, debido á oferta académica do centro”. Non é o caso.
Obrigar a “optar” por relixión católica, sexa cal sexa a combinación previa, viola flagrantemente a constitución, a liberdade de conciencia e a liberdade relixiosa.

10. O alumnado debería dispor dalgunha materia alternativa á relixión de atoparse con que a elección previa de materias require completar a optatividade cunha materia dunha hora.

11. Obviamente, como o cálculo non é tan complicado de realizar, a situación é ben coñecida polas autoridades académicas. Mesmo é doadamente pensábel que está provocada intencionadamente. Se a preocupación fose pola necesaria formación en cuestión de relixiosidade, a alternativa non adoutrinante está ben clara, sería algunha das anteriormente sinaladas (ou unha combinación): Historia das relixións, filosofía da relixión ou cultura relixiosa, por exemplo.

12. A situación tamén é coñecida pola valedoría do pobo.

13. Cal é a resposta de ambas as dúas institucións?: asubían.

Fonte: Praza Pública