“Levaba sen tomar un tratamento de vital importancia para a súa saúde polo menos 5 anos, por problemas diversos e non concretos. Ao non entendernos pola súa deficiencia auditiva, aviso ao Sr. xefe de centro, D. Juan, quen me axuda de intérprete e grazas ao mesmo consigo explicar a necesidade de iniciar o seu tratamento. A día de hoxe, o resultado clínico do tratamento é espectacular” (servizos médicos dun centro penitenciario).

 

Resultado de imagem para personas presas sordas

 

Se Antonio estivese na rúa, isto non tería acontecido. Carmen, a súa irmá, teríalle explicado, mediante lingua de signos, que se non toma o tratamento prescrito polo médico, nunca poderá curar. “Antonio foi sancionado a permanecer un fin de semana en isolamento en cela”, cóntanos Carmen desesperada. Ao parecer, houbo unha orde dun funcionario e non a cumpriu. Os feitos encádranse nunha falta grave prevista no artigo 108 D) do Regulamento Penal. Mais Antonio é xordo, Antonio non ouviu a orde.

Cando unha persoa atravesa os muros da prisión, fica da súa identidade para pasar a ser suxeito tutelado pola Administración Penitenciaria sob unha relación chamada de especial suxeición onde unha das partes, a persoa, está subordinada á outra parte, a Administración, durante toda a condena coa obrigación de cumprir co estrito réxime penal, sob ameaza de sanción e co “dereito” de formar parte dun tratamento penal cuxo obxectivo é a reinserción social (artigo 25.2 CE).

Neste conxunto de dereitos e obrigacións do sistema penitenciario, as nosas prisións non contan na actualidade con medios suficientes para garantir os dereitos das persoas xordas. Algo tan evidente como dispor de intérpretes nunha Administración Pública vólvese unha quimera. Hai escasos días que a CONFEDERACIÓN ESTATAL DE PERSOAS XORDAS (CNSE) daba a noticia de que finalizara o prazo para as Administracións Públicas incorporaren en todos os lugares onde a cidadanía teña a necesidade de interactuar, a lingua de signos e as tecnoloxías que facilitan o seu uso, de acordo co RDL 1/2013 de 29 de Nov.

Antonio e outras 170 persoas aproximadamente, viven día a día situacións de trato inhumano e degradante nos nosos cárceres; permanecen vagando por patios masificados, con grande hostilidade ao seu redor sen seren capaces de transmitir posibeis abusos ou ameazas.

Imaxinemos a chegada a prisión; no módulo de ingresos entrégase o folleto informativo (sen ter en conta o elevadísimo porcentaxe de analfabetismo na poboación penitenciaria) e explícanse as normas, os dereitos e os deberes do centro; os obxectos permitidos, prohibidos; como formular peticións ou queixas. Antonio non o entende, Antonio é xordo e é analfabeto. Lévanmp á súa cela e aí cae no esquecemento.

Nas primeiras semanas, o equipo técnico (psicóloga, traballadora social, educador) observa e realiza entrevistas para proceder á clasificación (1º, 2º ou 3º grao) ao que corresponde un réxime de vida determinado (pechado, ordinario ou semiabeerto). Non poden comunicarse con Antonio. Non hai entrevistas. O seu dereito á progresión en grao non existe. E o tratamento penitenciario? Ese conxunto de actividades culturais, educativas, deportivas e terapéuticas encamiñadas á consecución dos fins de reeducación e reinserción ao que se ten dereito segundo a CE e a LOGP? Directamente, as persoas xordas son excluídas.

Resultado de imagem para sordos carceles españa

A práctica das contencións mecánicas está permitida no noso sistema penitenciario, apesar de o Defensor del Pueblo, na súa condición de Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura, establecer no seu guía de boas prácticas en contencións mecánicas o obxectivo de alcanzar unha política de “ceros suxeicións” e un sistema organizativo institucional que as considere como un último recurso. Para iso o Defensor del Pueblo establece unha serie de recomendacións pondo o acento na necesidade de realizar “manobras previas de diálogo”, “debe esgotarse a vía do diálogo durante o tempo suficiente como para considerar que non existe outra alternativa”, “a persoa que for inmobilizada ha de ser acompañada nun primeiro momento por unha persoa que lles explique o motivo da medida”.

Antonio non ouve unha orde, os funcionarios pensan que está resistíndose, lévanno á galería. Antonio comeza a pórse nervoso porque non entende o que acontece, os funcionarios tamén. Non saben o que facer. Antonio resístese e tenta zafarse, deciden suxeitalo e proceden a inmobilizalo vendo que non existe outra alternativa.

Pasan os días, os meses e os anos e Antonio é cada vez máis hostil ao medio penitenciario. Que tería pasado cun intérprete que lle traducise a primeira orde? Ou que intervise na galería explicando a situación?

Desde a APDHA, denunciamos a constante vulneración de dereitos e as devastadoras condicións de cumprimento das penas privativas de liberdade á que son sometidas as persoas xordas. Non se dispón de intérpretes de lingua de signos nos centros penitenciario e non existe, a día de hoxe, ningún convenio que permita dispor de profesionais especialistas.

Non podemos deixar de denunciar o abandono por parte da Administración Pública e salientar que as medidas contra a discriminación e de acción positiva previstas na normativa nacional e internacional non poden ser deixadas en mans do voluntariado, cuxa actividade non poderá substituír as administracións na prestación de servizos públicos, algo ao que están obrigadas por lei.

MARTA HORNO HIDALGO e MARTA GARCÍA APARICI, ÁREA DE CÁRCERES DA ASOCIACION PRO DERECHOS HUMANOS DE ANDALUCÍA (APDHA)

Fonte: Derecho Penitenciario