É constitutiva do mesmo delito a conduta do President Puigdemont que a do xeneral Franco?

 

En España sabemos ou, mellor dito, deberiamos saber moi ben que é o delito de rebelión. Fomos testemuñas do maior delito de rebelión da historia europea: o 18 de xullo de 1936. Un delito que, ademais, segue proxectando a súa presenza sobre o noso sistema político. Pois non se pode esquecer que nese delito tivo a súa orixe a Restauración da Monarquía, que sería a institución que dirixiría o proceso de transición das Leis Fundamentais á Constitución. A ese delito de rebelión débese tamén a composición do Congreso dos Deputados e o Senado, que foron definidos na Lei para a Reforma Política, última das Leis Fundamentais e que as Cortes Xerais elixidas o 15 de xuño de 1977 limitáronse a incorporalos á Constitución. E tamén a Audiencia Nacional aprobada mediante Decreto-lei o mesmo día que se suprimiu o Tribunal de orde Pública (coa Constitución de 1978 non se puido crear a AN mediante Decreto-lei, xa que a creación de órganos xudiciais está vetada para tal categoría normativa).

Hai moitas cousas máis no noso ordenamento constitucional e no sistema político que teñen a súa orixe no delito de rebelión. Deberiamos, en consecuencia, saber moi ben en que consiste e deberiamos saber que a conduta dos membros do Govern e da Mesa do Parlament non pode ser constitutiva do devandito delito. É constitutiva do mesmo delito a conduta do President Puigdemont que a do xeneral Franco?

A retirada da eurorde contra o President Puigdemont é un recoñecemento evidente de que é así. A imposibilidade de xustificar dunha maneira obxectiva e razoábel ante a xustiza dun dos países fundadores das Comunidades Europeas, varios decenios antes de se constituir a Unión Europea, que o President e os demais Conselleiros tivesen cometido tal delito, é o que hai atrás da rectificación por parte do xuíz do TS da decisión tomada pola Xuíza da AN.

Esta rectificación debería conducir a unha rectificación na cualificación das condutas de todos os membros do Govern e da Mesa do Parlament por parte do TS. O que non se pode xustificar como rebelión ante a xustiza dos países da Unión Europea, non se pode cualificar de tal ante a xustiza española.

E con todo, ocorre todo o contrario. Continúa a ser practicada a instrución como se estivésemos diante dun delito de rebelión, que non existe nin pode existir na realidade, mais que, polo visto, existe na imaxinación do xuíz instrutor.

O delito que está a investigar o xuíz Pablo Llanera é un delito imaxinario. Non existe na realidade. Só existe na súa imaxinación. Non hai nada nas condutas investigadas que encaixe no tipo delituoso da rebelión. Por iso tivo que retirar a eurorde.

Un delito imaxinario é moito máis perigoso que un delito real. Porque non ten límites. O delito real ten límites. Os termos en que está tipificado no Código Penal, dos que se derivan a natureza das probas esixibeis para a destrución da presunción de inocencia dos investigados. Todos estes límites desaparecen, cando o delito é o resultado da imaxinación de xuíz.

A imaxinación dos seres humanos non ten límites. E aínda que a natureza humana dos xuíces sexa unha natureza singular, nisto non se diferencia da dos demais. Como consecuencia diso, a investigación do delito imaxinario de rebelión pode estenderse sen límites, alcanzando á dirección de practicamente todos os partidos nacionalistas cataláns e dando valor de indicio susceptíbel de se converter en proba a case calquera cousa.

Polo que comezamos a saber pola información que transmiten diferentes medios de comunicación é o que comeza a ocorrer. As consecuencias desta maneira de investigar son imposibeis de prever con exactitude. Mais si podemos prognosticar sen moito risco que van provocar unha desfeita no interior do sistema político catalán formidábel e aínda maior na relación entre Catalunya e o Estado.

Se cadra hai quen pensa que a “volta á normalidade” esixe a criminalización previa da conduta dos dirixentes dos partidos nacionalistas durante estes anos. E a criminalización polo delito de rebelión. Que sen esa criminalización, o nacionalismo catalán acabará “voltando aos malos hábitos”. Se cadra este foi o sentido último do recurso ao art. 155 CE.