Por fin aparece a bicha. Ninguén quería nomeala mais, ao negar o PSOE a vía do 155, a norma seguinte, que agardaba a súa quenda agachada, é a Lei de Seguranza Nacional do 28 de setembro de 2015 (LSN). Durante a Xª Lexislatura de maioría absoluta do PP, o PSOE, baixo dirección de Rubalcaba, desapareceu como oposición (cando máis falta facía) e só se materializou para acordar co goberno os pomposamente chamados “asuntos de Estado”, o máis típico destes, a seguranza nacional. A norma foi aprobada finalmente sendo xa SX Sánchez, na súa primeira vida. Eran outros tempos que talvez non estivesen para cuestionar herdanzas envelenadas. Mais agora estano.

Non é cousa de analizar a lei. Palinuro dedicoulle un par de entradas: El movimiento nacional (16 de xaneiro de 2015) e Cuidadito con moverse (17 de xullo de 2015), porque a norma fai pulsaren as veas e tremeren os pulsos. Basta con concluír que é unha especie de ilusión de retorno instantáneo a unha concepción xacobina, centralista da política nacional sempre que se invoque a súa imprecisa seguranza.

Xa na tramitación parlamentar, Tardà pediu incluír unha disposición que salvagardase os parlamentos autonómicos das provisións da lei. Non foi aceptada. Asegurouse, con todo, que a LSN concibíase, a imaxe e copia da dos EUA, en referencia a perigos e ameazas procedentes do exterior. A propia LSN determina que os seus obxectos (entre outros) serán “a ciberseguranza, a seguranza económica e financeira, a seguranza marítima, a seguranza do espazo aéreo e ultraterrestre, a seguranza enerxética, a seguranza sanitaria e a preservación do medio ambiente.” Aparentemente moi concreto mais, no fondo, moi impreciso. Por iso insistiuse en que en ningún caso estaba pensada en contra das CCAA e moito menos de Cataluña; por favor.

A primeira vez que se invoca é contra o independentismo catalán

Agora a serio. Esa lei é un puro disparate. Quere situarse entre o art. 155 e a lexislación de excepción, a modo de cortafogo e o único que fai é fundilas nunha única norma. A respecto do art. 155 precisa a forma e alcance das ordes do goberno central á CA díscola. E faino de modo que mete medo: en caso do que a LSN chama “xestión de crise”, os competentes en materia de seguranza nacional son todos os órgaos do Estado central (incluídos os delegados do goberno) mais non as CCAA. Deposítase toda a autoridade no presidente do goberno, que preside o Consello de Seguranza Nacional. O presidente pode nomear unha autoridade funcional nunha CA, por exemplo, que substituirá calqueroutras. Estaremos de acordo en que “autoridade funcional” é un termo menos rudo que “vicerrei”, “comendador”, “preboste”, “procónsul” ou “prefecto”.

Respecto da lexislación de excepción, a propia LSN recoñece que os traballos do seu órgao especial, o Consello de Seguranza Nacional, servirán de fundamento para a aplicación da lexislación de excepción. É dicir, a LSN é un estadio anterior a algún dos estados de alarma, excepción e sitio. É ou non un disparate?

Sen dúbida, o recurso a esa LSN que xamais se empregaría contra Cataluña pretende conseguir a eficacia represiva da lexislación de excepción, mais ás agachadas, de civil, por así dicir. Sobre todo para os efectos de non dar pretexto aos simpatizantes estranxeiros do independentismo catalán para faceren unha campaña das que Franco chamaba “antiespañolas”. Mais iso é farto improbábel. A LSN move demasiada artillaría, vai facer máis desfeita do previsto e provocar unha intensificación da reacción nacionalista, non só dos indepes.

E é que a ver como se explica á comunidade internacional que, mentres se decide se se inhabilita ou encarcera ou desterra o goberno da Generalitat, os seus poderes serán exercidos por unha autoridade funcional.

E, sobre todo, como se explica á devandita comunidade que a tentativa de os cataláns exerceren o dereito do voto (como reclama un 75% deles), atenta contra “os dereitos e liberdades, así como o benestar dos cidadáns, (ou) a subministración dos servizos e recursos esenciais” que a lei di protexer.

Orixinal aquí.