A Comisión Europea lembra á Xunta de Galicia e ao Estado español a necesidade de actuar cando se dan casos de apoloxía pública dos crimes de guerra, en relación á ditadura franquista. Así, respondeu á denuncia realizada a finais do verán pola eurodeputada galega Lídia Senra en relación ás declaracións públicas efectuadas pola Fundación Francisco Franco en que aseguraba que ser a responsable de xestionar as visitas guiadas ao Pazo de Meirás era para ela “unha honra e unha excelente oportunidade para mostrar ao gran público a grandeza da figura” do ditador.

 

Pazo de Meirás

No escrito emitido esta semana, a CE aclara e lembra que a Decisión Cadro da UE relativa á loita contra o racismo e a xenofobia (2008/913/JAI) obriga os Estados membro a tipificar como delito a apoloxía pública dos crimes de guerra. Ademais, especifica a CE, é competencia das autoridades do Estado investigar, procesar e xulgar os casos individuais de delitos de incitación ao odio. Unha actitude que, segundo Senra, “é o caso da actitude da Fundación Franco”, non só polas declaracións públicas que ven realizando, senón tamén por estar beneficiándose economicamente da xestión dun Ben de Interese Cultural (BIC) como é o Pazo de Meirás, que non só foi regalado a Franco durante a Ditadura a través de ‘doazóns’ forzosas que tivo que facer o pobo, senón que ademais agora está a servir para financiar aos defensores da mesma.

“O Goberno do Estado e a Xunta de Galicia non poden seguir eludindo a súa responsabilidade. Coa súa permisividade están sendo cómplices da apoloxía do franquismo que está a facer a Fundación”, declarou a eurodeputada galega. Para Senra, a actitude mantida por ambas administracións “evidencia a súa falta de compromiso na defensa dos dereitos humanos e a falta total de respecto cara as víctimas do franquismo”.

É por iso que reclamou que a Fundación Francisco Franco deixe de ser inmediatamente a responsáel de xestionar as visitas do Pazo de Meirás e tamén que a familia Franco devolva estas propiedades ao patrimonio público, xa que leva anos incumprindo a lei. Así, Senra lembra que o Pazo de Meirás foi declarado BIC no ano 2011, o que obriga aos seus propietarios a abrir ao público o complexo catro veces por mes como mínimo, algo que a familia Franco non cumpriu.

Fonte: Galicia Confidencial