Após a celebración da cimeira do G6 en Sevilla (Alemaña, Francia, Reino Unido, Italia, Polonia e Reino de España), as organizacións que forman parte de Migreurop España denuncian a irresponsabilidade de unir terrorismo e inmigración como se fosen un mesmo concepto, a falta de respostas para evitar mortes na Fronteira Sur e o reforzo da cooperación con terceiros países no control dos fluxos migratorios, independentemente da súa traxectoria na protección dos dereitos humanos.

Resultado de imagem para migrantes

As organizacións que compoñen Migreurop España Andalucía Acolle, Asociación Pro Derechos Humanos de Andalucía (APDHA), CEAR, Elin e SOS Racismo– sinalan que o binomio que centrou a cimeira do G6 foi unha idea desafortunada, porque esta vinculación supón un perigo importante para a convivencia e só alimenta os discursos de odio, os sentimentos de rexeitamento social contra a poboación migrante e un aumento dos radicalismos.

Nesta cimeira tampouco se presentou ningunha iniciativa para reforzar a protección das persoas migrantes nas fronteiras. Neste sentido, compre lembrar que a última sentenza do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos condenou o Reino de España polas devolucións en quente, o que testemuña que non se está actuando acorde á lexislación internacional na Fronteira Sur. Ao mesmo tempo, máis de 2700 persoas morreron no que vai de ano no seu intento de chegaren a Europa, segundo os datos facilitados pola OIM.

Así mesmo, estas entidades consideran moi grave que a política migratoria europea se centre principalmente en reforzar a cooperación con terceiros países de orixe e de tránsito, obviando as múltiplas denuncias sobre violacións dos dereitos humanos que sofren persoas migrantes e refuxiadas. Migreurop España volve lembrar que é necesario pór en marcha de forma urxente vías legais e seguras e unha mudanza na focaxe da política migratoria que teña en conta as causas reais da mobilidade humana e priorice a vida das persoas.

Ademais, na cimeira indicouse que esta cooperación con terceiros países vai traducirse nun maior control nas fronteiras marítimas e terrestres. Neste sentido, desde Migreurop España xa se denunciou en múltiplas ocasións que esta política de control de fronteiras é un total fracaso e que estas deberían centrarse no respecto dos dereitos a migrar das persoas.

Por último, os membros do G6 non abordaron a súa responsabilidade a respecto da acollida de persoas refuxiadas a pesar do seu incumprimento. A UE tan só logrou trasladar unha de cada catro persoas a que se comprometeu, mentres que o Reino de España, apenas superou o 11% de cumprimento destes acordos. As organizacións de Migreurop España recalcan que estes datos só reflicten que houbo unha absoluta falta de compromiso político coas persoas refuxiadas.