Nove activistas da memoria histórica, militantes do BNG, accederon ao balcón da Casa Cornide o pasado 26 de setembro e desde el despregaron unha faixa co texto “Que nos devolvan o roubado. #FranquismoNuncaMais”. Unha acción xemelga da toma do Pazo de Meirás e co mesmo fin: pedir a restitución ao patrimonio público dos bens espoliados durante a ditadura polo tirano, agora no poder dos seus herdeiros.

 

Un momento da acción simbólica

 

Os 9 de Cornide serán xulgados o vindeiro 18 de xullo, data que evoca o golpe de estado de 1936, após seren denunciados por un neto de Francisco Franco, Jaime Martínez-Bordiú, que lles atribuía un delito contra o honor. Finalmente, o cargo que se apresenta contra eles —a vista vai decorrer no xulgado número 4 da Coruña— é o de delito leve de coaccións.

A diferenza da toma simbólica do Pazo de Meirás, as pesquisas arredor da acción na Casa Cornide non foron consideradas como un causa complexa durante a instrución, polo que o xuízo se vai realizar a unha altura relativamente temperá, apenas 10 meses despois dos feitos.

“A denuncia baséase nunha falsidade. A de que entramos na casa e intimidamos as persoas que alí viven (un matrimonio con dúas fillas). Radicalmente falso. O único que fixemos foi pendurar unha faixa desde o balcón”, di a Sermos Galiza Bieito Lobeira, un dos acusados —tamén na causa do Pazo de Meirás—. Os activistas subiron nunha escaleira ao miradoiro da casa.

Os 9 acusados son: Armando CarrilElvira BlancoCarolina FernándezAndrés LópezSalvador GonzálezManuel Francisco MéndezÓscar Calvo e o devanditoBieito Lobeira. Todos eles ascenderon até o balcón. Tamén é obxecto da denuncia —por achegarlles a escaleira- Daniel Carballada.

No atestado policial, ao que tivo acceso Sermos, afírmase que estas persoas mantiveron unha “ocupación inconsentida” do balcón e alégase que non abandonaron “a finca até tres horas despois de que fosen requeridos para o facer”.

O BNG emitiu un comunicado de imprensa en que expresa o seu apoio aos activistas denunciados. “Co acto simbólico e pacífico na Casa de Cornide non fixeron outra cousa que defender a dignidade do pobo galego, a dignidade das vítimas da ditadura que aínda non recibiron xustiza, nin foron compensadas, nin a súa memoria restituída, e defender os valores máis elementais dunha democracia que se prece”, di o Bloque.

Fonte: Sermos Galiza