Unha das persoas que se concentraron ante a Delegación do Goberno en València o pasado 11 de outubro para protestar contra a “impunidade” coa que actuaran os agresores de ultra dereita contra manifestantes dous dias antes (9/10/2017) e «a pasividade da policía», foi detida logo de a manifestación se disolver. Chámase Amparo. Ten 62 anos e vive en Vilamarxant, mais viaxa asiduamente a València para acudir ás distintas manifestacións que convoca o colectivo de “yayoflautas”.

O pasado 9 de Outubro un grupo de ultras agredía distintos manifestantes que participaban na marcha reivindicativa que percorre cada ano as rúas de València.  Ante as críticas dos presentes naquela convocatoria, que se preguntaban como era posíbel que durante os incidentes non houbese nin unha única identificación nin ningún arresto, unhas 48 horas despois de producirense as agresíóns tivo lugar a primeira detención.

 

Unha das persoas que protestou polo que considera “impunidade” dos ultras de extrema dereita, Amparo, xuntárase o pasado día 1 de outubro a un grupo de persoas se congregara na praza do Concello de València en apoio ao referendo catalán para condenar a violencia policial que se viviu durante esa xornada en Cataluña.

Segundo relata a Levante-EMV, ese día había nos arredores «un grupo de persoas con bandeiras de España, que viñan provocar». «Eu estaba coa miña faixa e a miña bandeira republicana. Había varios matrimonios con fillos e as súas bandeiras. Achegueime e poida que nalgún momento lles chamase ´fachas’, mais non agredín ninguén e non odio ninguén. Se non os coñecía!», explica Amparo.

Menciona o odio porque precisamente é o delito de que é acusada agora, xunto co de lesións. Polo primeiro pode corresponderlle unha pena de entre un e catro anos de cárcere, así como unha multa. Tamén é o mesmo delito que se imputa ao ultra detido na cuarta feira, poucas horas antes de Amparo ser detida, após agredir manifestantes na marcha do domingo.

“Isto é a lei mordaza. Veñen a polos yayoflautas, que non deixamos de saír á rúa a reivindicar e loitar polos nosos dereitos”, defende Amparo.
“Se despois de toda a violencia que se viu en València estes días a máis perigosa son eu, é que temos un problema”, lamenta a detida. O seu arresto foi levado a cabo ás 21.00 horas, segundo o parte de detención. “Entraron dous policías á paisana ao bar onde estabamos os yayoflautas tomando algo despois da concentración. Estaban a servirme cando me comunicaron que debía ir a comisaría”, conta a afectada.

Foi cunha amiga. “Se chegan pillarme soa seguro que me reteñen máis tempo, mais como ía acompañada soltáronme logo”, sostén Amparo. En comisaría confiscáronlle unha pulseira. “Xa ves, a miña arma asasina é unha pulseira”, ironiza, á vez que asegura que non bateu en ninguén co complemento. “Nin ten arestas nin nada”.

Segundo a informaron, aquela parella a que chamou «fachas» interpuxo unha denuncia contra ela por agresións. «Saio en moitos vídeos e fotos das concentracións, por iso recoñecéronme os policías», sinala. O que máis lle preocupa non é a detención en si, senón a posibilidade de cárcere. “Ademais puxéronme como agravante ter sido a instigadora, a que alentou o resto de manifestantes para agrediren a parella”, relata.

“Queren asustarnos”
“Eu só dixen o que pensaba. Trátase de defender os dereitos fundamentais, como o de expresión. Levaba a miña faixa coa lema ´Rajoy dimisión por malo´. Xa ves ti que ofensivo e insultante é iso”, lamenta a afectada.

Do artigo publicado en Insurgente (13/10/2017)