O documental A cifra negra solicita relatos con sentenza firme dos delitos máis invisibilizados do Estado español: as vulneracións dos dereitos humanos perpetuadas polas institucións. Rexistráronse máis de 7.500 denuncias desde 2004.

 

Escena ficción motín de Quatre Camins                                                        Recreación do motín de Quatre Camíns –  RAQUEL ANDRÉS DURÀ

 

“Ao osiño xa verás como o van pór. Até que o poñan a catro patas. Arránxanlle o ollo”. Xesto sexual incluído. Son os comentarios que trocaron tres policías españóis que custodiaban a Audiencia Nacional de Madrid antes de enviaren o videpresidente do Goberno catalán, Oriol Junqueras, á prisión.

Foron cazados polas cámaras e o balbordo conseguiu que se abrise unha investigación interna; até hoxe, non se soubo nada. Como foi despois a convivencia do catalán cos axentes na furgoneta que o transportou até Estremera? Non o sabemos, aínda que outros consellers xa afirmaron ter recibido “malos tratos” no transporte.

Son anedotas que tiveron una certa repercusión mediática pola relevancia política dos detidos, mais non deixan de reflectir que as forzas de seguranza do sistema español teñen lugares opacos, sen ningún tipo de control, en que se debuxa unha escena de persoas con poder absoluto fronte a outras completamente vulnerabeis, fisicamente arrestadas e psicoloxicamente decaídas diante da incerteza do seu futuro próximo.

 

O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos condenou en oito ocasiones o Reino de España por non investigar torturas

Os malos tratos, abusos e torturas das forzas do estado existen. Así o demostraron varias sentenzas xudiciais. Contodo, a opacidade do sistema sementa a dúbida sobre se se denunciaron todas. É a premisa da que parte o durísimo documental A cifra negra da violencia institucional que se está presentando estas semanas por varias cidades do estado español. A idea de que só se ve a punta do iceberg. É viábel que denuncie un preso o seu carcereiro, sabendo que despois terá que voltar con el? Analiza os suburbios da democracia dos que tan pouco se fala.

 

La cifra negra            A cifra negra da violencia institucional é un documentario de Ales Payá – RAQUEL ANDRES DURÁ

 

O seu director, o eldense Ales Payá, explica que a idea xurdiu hai anos porque viviu “en primeira persoa” o “fenómeno da violencia institucional” en varias manifestacións. Relata como nunha delas un grupo de policías o alxemou e, apesar de non ofrecer resistencia, un “coñecido cabo”  “encheuno a pancadas no xeonllo”, “sen ningún motivo”.

Conta que daquela un dos axentes deixou que liberarse dun brazo para coller o porrete que o atacaba e poder detelo. “Pregunteille que por que o facía. Ía partirme a perna. Estiven dúas semanas coxo”, asegura. A gota d’agua foi o desaloxo de Praza Catalunya en Barcelona perpetrado polos Mossos d’Esquadra o 27 de maio de 2011: “As persoas maiores non daban crédito. Entón deime conta do descoñecemento da xente sobre o uso excesivo da violencia institucional”.

Apesar da crueza da súa historia, afirma que é unha nimiedade en comparación coas que escoitou e filmou para o documentario. A Coordinadora para a Prevención e Denuncia da Tortura (CPDT) rexistrou 7.500 denuncias por torturas e malos tratos de funcionarios desde 2004. O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos condenou en oito ocasiones o Reino de España por non investigar torturas.

Máis datos que desvela a longametraxe: nun estudo realizado polo sociólogo Pedro Cabrera en que participaron 1.668 persoas presas procedentes de 46 cárceres de todo o estado, 703 manifestaron ter sufrido abusos ou malos tratos, aínda que só 206 os denunciaron. Deles, 34 chegaron a xuízo. En dous casos, o funcionario foi condenado e en 23, foi o preso denunciante o que resultou condenado por ser contradenunciado polos funcionarios. “É evidente que as vulneracións se dan, sobre todo, nos espazos onde menos control hai”, apostila Payá.

O RELATO EN PRIMEIRA PERSOA DE 30 VÍTIMAS
O documentario resgata 30 protagonistas que denunciaron no seu día, moitos casos arquivados por falta de probas e pouca vontade para investigar o acontecido; as poucas condenas, doutra banda, adoitan ter a sorte de recibir o indulto. Arranca coa historia dun mozo que foi maltratado en 2004 por dous gardas civís, vestidos á paisana, nun automóbel nos arredores de València. Este caso descubriuse por acaso grazas a que un dos axentes tiña un micrófono oculto porque estaba a ser investigado por tráfico de drogas.

Tamén aparecen protagonistas do motín da prisión de Quatre Camins en 2004 e as torturas que denunciaron ter sufrido a seguir. Un caso da Garda Urbana de Badalona de outubro de 2005 en que mallaron nun mozo e unha moza menor de idade por engano. A brutalidade das torturas que recibiron Unai Romano e Martxelo Otamendi. As agresións nos valos de Ceuta e Melilla. Os abusos sexuais a inmigrantes nos Centros de Internamento de Estranxeiros (CIE). A morte de Íñigo Cabacas a mans da Ertzaintza cando celebraba a vitoria do Athletic Club de Bilbao.

A longametraxe denuncia as consecuencias do uso de bolas de goma: necrose no corazón, perforacións no pulmón ou 30 persoas cegadas dun ollo.

Non deixa de lado os abusos nas cargas policiais das manifestacións que non só ‘disolven’ as persoas concentradas, senón que ás veces arremeten sen compaixon contra elas, como foi o caso do mozo Yago Parra, que perdeu o coñecemento na mobilización Rodea o Congreso do 29 de setembro de 2012. Nin a morte de Ramón Barrios no centro de menores de Santa Teresa de Calcuta, en Madrid en 2011.

A longametraxe denuncia as consecuencias do uso de bolas de goma: “Necrose no corazón, perforacións no pulmón ou 30 persoas que ficaron cegas dun ollo”. E mesmo os obstáculos e asedios a fotoxornalistas que tentaron rexistrar as actuacións policiais na rúa.

 

Sentencia delito torturas BadalonaPormenor da sentenza por un delito torturas en Badalona RAQUEL ANDRÉS DURÀ

Os relatos humanos vanse tecendo con datos con rigor xornalístico e con escenas de ficción baseadas en sentenzas firmes. Canto aos casos que foron arquivados, móstranse vídeos de manifestacións en que se ven claramente as agresións, mais nunca houbo consecuencias contra os axentes porque non foi posíbel identificalos.

AA TORTURAS QUE FICARON NO TINTEIRO
Hai máis feitos que Ales Payá e a súa compañeira no roteiro e montaxe, Cristina Garés, deixaron no tinteiro. Nun caso, un agredido “sufrira moito e non quería revivir o episodio porque xa demostrara os feitos”. “Puxéronlle unha pistola na cabeza, mexou por riba del, fixéronlle pensar que ía morrer no momento. Viviu manías de persecución durante o longo proceso xudicial, pensaba que era seguido pola policía por denunciar os feitos. Pasouno moi mal”, explica o director.

No CIE de Málaga denunciáronse abusos sexuais a internas de policías nacionais. Finalmente non se demostrou porque “a maioría delas foron deportadas e ficaron moi poucas para poder testemuñar”. Payá concertara unha entrevista con algunha vía Skype, mais coincidiu coa sentenza que absolveu os axentes e, afundidas, finalmente preferiron non falar.

PARTICIPA UN POLICÍA CONTRA A ‘RECOMENDACIÓN’ DOS seus SUPERIORES
No documentario non quixo participar o Ministerio de Interior “que sempre se limitou a esconder o problema baixo a alfombra” e só hai unha fonte policial, o secretario xeral do Sindicato Unificado de Policía (SUP) en València, Roberto Villena. Segundo Payá, “recomendáronlle que non participase”.

Tendo en conta o delicado tema que trata, o documentario sufriu algún tipo de censura? “Censura houbo, mais non é demostrábel”, sostén o director. Refírese a que se presentou en “máis de 120 festivais” e só tivo cinco seleccións: o Festival de Cinema e Dereitos Humanos de San Sebastián-Donostia (2018), o Festival de México Contra o Silencio Todas as Voces (2018), o Festival de Cinema e Dereitos Humanos de Barcelona (2017), o Festival de Cinema Crítico de Carabanchel e Aluche (2017) e o BccN Barcelona Creative Commons Filme Festival (2017).

O filme, desde logo, non deixa ninguén indiferente. E abre moitas dúbidas e preguntas. Entre elas, unha que arde no máis íntimo do pensamento: E se me pasa a min? Que podo facer se me agriden os que teñen que defenderme? Quen me protexerá?

ESTA QUINTA FEIRA 19 PROXÉCTASE EN MADRID
A partir das 18h na Cineteca, realizarase unha presentación do director Ales Payá e coloquio con Jorge del Cura, portavoz da Coordinadora para a Prevención e Denuncia da Tortura e Carlos García Castaño, avogado e coordinador do Servizo de Orientación Xurídica Penal do ICAM. As próximas cidades en proxectalo serán Donosti, o día 22 no marzo do 16ºFestival Internacional de cinema e dereitos humanos, o 27 e o 3 de maio en Zaragoza e o 28 en Palencia.

Fonte: El Salto Diario