O colectivo de activistas que despregaron unha faixa sobre a fachada da coruñesa Casa Cornide non recebeu aínda notificación dos motivos aducidos por Jaime Martínez-Bordiú Franco na súa petición de aprazamento.

 

Un momento da acción

 

Un delito de coaccións. Ese é o cargo que pesa sobre o/as 9 militantes do Bloque que o pasado 26 de setembro protagonizaron unha acción simbólica na Casa Cornide, un dos bens da familia Franco cuxa adscrición ao patrimonio público demanda a formación soberanista dentro da súa campaña a prol da restitución das propiedades espoliadas durante a ditadura. O acto consistiu no despregamento dunha faixa desde o balcón do inmóbel en que se lía a lenda “Que nos devolvan o roubado. #FranquismoNuncaMais”.

Jaime Martínez-Bordiú Franco, neto do ditador, interpuxo a querela contra as e os activistas nacionalistas, a quen atribuía un delito contra a honra e a invasión pola forza na Casa Cornide. En declaracións a Sermos Galiza, Bieito Lobeira —dirixente do Bloque que participou na acción— negou a acusación do parente do ditador. “A denuncia baséase nunha falsidade. A de que entramos na casa e intimidamos as persoas que alí viven (un matrimonio con dúas fillas). Radicalmente falso. O único que fixemos foi pendurar unha faixa desde o balcón”, dixo.

O xuízo ía ir pola vía rápida —a diferenza da toma simbólica do Pazo de Meirás a causa non foi cualificada de complexa durante a súa tramitación xudicial— e ficara en principio axendado para a pasada cuarta feira 18 de xullo, unha data de especial simbolismo para o fascismo español, ao sinalar a efeméride do golpe de estado de 1936. Porén, foi aprazado por petición do neto de Franco, sen que fose fixada aínda nova data e sen que até agora os denunciados saiban que motivos aduciu o denunciante.

Fonte: Sermos Galiza