Entidades sociais de Vigo denuncian que as 40 prazas para persoas sen abrigo do albergue municipal resultan claramente insuficientes para acoller todas as que buscan refuxio, unha situación agravada coa vaga de frío destes días. Cada noite fica alguén fora por falta de espazo a pesar de o albergue ter máis espazo para instalar liteiras ou colchóns. O problema é que ese espazo, correspondente á antiga igrexa, está ocupada por pasos da Semana Santa.

.

Colectivos sociais da cidade entenden que é que haxa persoas que dormen á intemperie mentres que unha parte do espazo está ocupado por imaxes

Unha destas entidades, Os Ninguéns, remitirá esta mesma semana un escrito ao Concello e ao Bispado (ao que aínda pertence a zona da igrexa onde están instaladas as imaxes) para pedirlles que se poñan de acordo e permitan ocupar ese espazo en momentos de emerxencia como os actuais. «Imos dirixirnos ao bispo para que teña xenerosidade e deixe trasladar as imaxes a outras igrexas. Desta feita ficaría un espazo para utilizar con carácter provisorio en momentos de urxencia como o de agora, coa vaga de frío. Poderían ser instaladas vinte ou trinta liteiras e colchóns e evitaríase que a xente durma ao relento», explica o portavoz e educador social Antón Bouzas.

Colectivos sociais e políticos da cidade reclaman medidas de emerxencia urxentes antes de que morra alguén na rúa, e para evitar que as persoas sen teito se refuxien en edificios en ruínas.

A acampada situada xunto ao Concello desde hai once meses para reivindicar melloras sociais acolle as persoas que cada noite fican fóra do albergue municipal. Con todo, os seus responsabeis cren que durmir nunha tenda de campaña sobre o asfalto non é unha solución e remiten as persoas afectadas aos servizos sociais para que lles dean unha solución. Ademais do albergue municipal, existe o dos Irmáns Misioneiros dos Enfermos Pobres de Teis, a seis quilómetros do anterior. O problema xa non é facer esa distancia a pé, senón chegar alí e atopar o cartaz de completo, como acontece estes días.

Fonte: La Voz de Galicia