“É un feito grave e as persoas agredidas merecen xustiza”, asegura o director de Amnistía Internacional no Reino de España, Esteban Beltrán, que insiste, no entanto, en desvincular o acontecido con calquera actividade terrorista. A Amnistía tamén preocupa que “tres dos acusados leven máis dun ano e medio en prisión”, xa que considera que “a detención á espera de xuízo debe ser unha medida excepcional”.

 

Juicio sobre la agresión de Alsasua en la Audiencia Nacional

 

Amnistía Internacional solicitou que sexan retirados os cargos de terrorismo contra oito mozos acusados de agrediren e ameazaren dous gardas civís e as súas parellas na madrugada do 15 de outubro de 2016 no bar Koxka de Alsasua. E reafirmouse na súa petición após asistir como observadora ao xuízo que se celebrou na Audiencia Nacional até a pasada sexta feira. “É un feito grave e as persoas agredidas merecen xustiza. Mais non é terrorismo”, explica Esteban Beltrán, director da organización que enviou á vista dous representantes precisamente por cuestionar as garantías do proceso.

Durante o xuízo ficou acreditado, na súa opinión, que non se cumpre ningunha do tres condiciones que establece a Organización de Nacións Unidas (ONU) para considerar determinadas accións como actos terroristas: “a intencionalidade de causar morte ou graves danos físicos, intimidar ou atemorizar a poboación, ou obrigar un goberno ou unha organización internacional a facer algo”. Por iso, asegura Beltrán, “os cargos nunca deberían ser considerado terrorismo”. Mais precisamente esa consideración é a que fixo que as peticións de penas para os mozos oscilen entre os 12 e os 62 anos de cárcere, e que tres dos acusados -Jokin Unamuno, Adur Ramírez de Alda e Oihan Arnanz- leven en prisión provisoria máis de 500 días.

A xuízo de Amnistía Internacional, existiron varios elementos de “preocupación” que son os que motivaron a súa presenza no xuízo en calidade de observadora. “Un deses elementos é que en España se está aplicando unha lexislación que amplía de forma desproporcionada o concepto de terrorismo”, explica Beltrán. O caso dos acusados de Alsatsu é, así, “exemplificador da ambigua lexislación antiterrorista, que fala por exemplo de alterar a paz pública e ninguén sabe o que é exactamente”. É esa normativa plasmada no Código Penal e modificada polo PP a que “pode facer que un acto grave, que ten a ver cunha disputa nun bar, se converta nun atentado practicamente en colaboración con banda armada”.

A prisión provisoria
A Amnistía Internacional tamén preocupa que “tres dos acusados leven máis dun ano e medio en prisión”, xa que considera que “a detención á espera de xuízo debe ser unha medida excepcional” e debe estar dirixida a “evitar o risco de fuga” e un “perigo na poboación”. Neste caso lamentan, ademais, “que non houbese unha revisión periódica” desa prisión provisoria en que están Unamuno, Ramírez de Alda e Arnanz.

Ao reivindicar a “garantía dun xuízo xusto”, Amnistía Internacional estaba así mesmo preocupada polo feito de o tribunal presidido por Concepción Espejel non ter aceptado “probas e testemuñas” presentadas pola defensa dos acusados. Entre outras, o vídeo gravado por un dos procesados, Iñaki Abad, que finalmente si foi admitido pola sala, e que desmonta a versión dun dos gardas civís agredidos, a quen se pode ver cunha camisa branca impoluta, aínda que el dixo durante o xuízo que, como consecuencia da agresión, a prensa presentaba numerosas marcas de pontapés.

Así, a pesar de que ao final si foron admitidas algunhas desas probas, Beltrán explica que a organización que dirixe quere esperar a sentenza para realizar unha valoración máis precisa acerca das garantías coas que se celebrou o xuízo, e sobre a proporcionalidade que se aplicará no caso de o fallo ser condenatorio.

Ante a disolución de ETA, anunciada a semana pasada, Beltrán explicou que en Amnistía Internacional promoven a posta en marcha dunha “axenda común de dereitos humanos” entre Euskadi, Nafarroa e a administración central. Dentro dese plan considera imprescindíbel unha modificación lexislativa que impida no futuro unha atribución de delitos terroristas como a que se realizou aos acusados de Alsatsu. O seu, asegura, “é un exemplo de que hai que mudar a lexislación antiterrorista por ambigua, por imprecisa e por inxusta”.

A suposta relación co terrorismo
Ao longo do xuízo, a Fiscalía argumentou a vinculación dos feitos co terrorismo en base a un relatorio de intelixencia elaborado pola Garda Civil en que se relaciona os acusados co movemento Alde Hemendik que busca a saída dos corpos e forzas de seguranza do Estado de Euskadi e Nafarroa, ao considerar que esa era unha estratexia de ETA. En concreto, a acusación baseouse nun único documento incautado nun gaztetxe (casa da mocidade) de Olazti en 2000 que constituía un “manual práctico” desa estratexia. A que segundo o Ministerio Público seguirían os mozos procesados ao agrediren supostamente dous gardas civís e as súas parellas a altas horas da madrugada.

Os acusados negaron reiteradamente a súa participación no ataque, rexeitaron formar parte de ningún movemento político e aseguraron non ter ningunha animadversión á Garda Civil, unha versión ratificada polas testemuñas presenciais que declararon durante o xuízo. Mais as vítimas si identificaron os procesados como os autores da agresión, aseguraron recibir unha malleira e describiron un clima de “medo” e de “odio” aos gardas civís na localidade navarra que sería o xerme do ataque.

Iñigo Aduriz

Fonte: El diario