A Audiencia Nacional desbotou os recursos para que se segregasen as causas da Operación Jaro I (9 persoas imputadas de Causa Galiza) e Operación Jaro II (3 imputadas de Ceivar) e que se tratasen penalmente por separado. A petición dos avogados das persoas encausadas non prosperou, optando a AN por manter fusionadas ambas nun único proceso. Unha decisión que non deixa de xerar inquedanza entre os afectados cando se veñen de facer dous anos da Operación Jaro I.

“Vaise a un ‘macrosumario’ contra o independentismo organizado, un proceso que lembremos que aínda está aberto polo que pode haber novas detencións”, indican a Sermos Galiza desde os encausados. Polo de agora son 12 as persoas implicadas. “As acusacións son nalgúns casos de até 17 anos de prisión, non é una brincadeira”, indican. Sitúan este escenario nun “clima xeral” no que desde o Estado español están a desenvolver unha “ofensiva” contra o independentismo, nomeadamente en Catalunya.

A fusión destas dúas causas nunha supón misturar dúas causas penais distintas que teñen como única relación que as persoas encausadas nas mesmas son independentistas. Ademais, supón, que se van prolongar as “investigacións”, o que implica alargar o “limbo”penal e vital no que se atopan as persoas encausadas.

Fonte: Sermos Galiza