Hai mais de vinte anos, un pequeno gatiño de meses sentou no xeonllo da miña parella, a súa cara de pánico foi tal que mereceu unha foto de carrete.  Hoxe temos dous gatos na casa que dormen na cama, soben por el, mórdeno e fan del un pandeiro. Nestes anos foi perdeu o medo ao contacto cos animais.

Fuximos do descoñecido. As enfermidades mentais son algo do que as persoas escapan polo medo que produce o propio descoñecemento. Resulta máis doado pensar que alguén é un delincuente que un enfermo, inclusive para o avogado que o defende, a quen o sistema non lle pon nada fácil as cousas. Ás veces case nos obriga a facer unha especie de prediagnóstico, difícil de corroborar se o enfermo non ten recursos ou se a súa familia non colabora.

Eu crieime cunha tía avoa esquizofrénica. Nos cincuenta, fora sometida a electroshock, unha terapia da que case se pode dicir que daquela estaba de moda. Como consecuencia, a miña tía avoa quedara un pouco infantilizada. Como non había nenos na casa, ela era o máis parecido para min a outra nena. Tiña crises terríbeis. Cando estaba ben, había só unha norma básica: “non quedar con ela a soas”.  Norma que de adolescente incumprín, porque xa sabía interpretar o seu comportamento mellor que ninguén da familia.

Sigo tendo, en parte, esa facilidade, adquirida moi pronto, e esa debilidade. Ás veces, no traballo, resulta doloroso comprender que non podes facer nada, pero compénsase cando sacas adiante un caso e consegues solucionar o conflito xurídico no que o enfermo se meteu, a causa da súa enfermidade, e que inicie unha terapia.

Pero por que hai que loitar en solitario? Pois, para empezar, porque, cando estamos ante asuntos de asistencia ao detido, contamos con moi poucos medios.

No Xulgado de Garda de Vigo non hai nin sala de espera. Había unha que compartíamos cos familiares e foi substituída por un despacho para unha soa persoa. Agora só hai cadeiras, nun corredor, sen intimidade, para as familias dos detidos. Eu rebélome, en privado, e sento na sala de espera do Imelga (Médico Forense), que queda ao lado e que moitas veces está baleira e silenciosa. Desde hai un tempo, polo menos, facilítannos copias dos autos. Até hai ben pouco, deixábannos ver os expedientes só durante un minuto. Agora dispoñemos dun certo tempo, segundo o  apurado que ande o día e dependendo do Xulgado de Garda que toque. Neste tempo, debemos cubrir os impresos das gardas, requisito imprescindíbel para cobrar. Non temos wifi nin mesa e apenas contamos cuns minutos para falar cos detidos, despois de ver os autos. Neses minutos, os detidos están esposados e cun policía a cada lado. Nestas condicións, non queda máis remedio que procurar que as declaracións sexan breves e cometer poucos erros.

Cando chega unha persoa con problemas, salvo que esteamos ante alguén que, de forma moi patente, parece vivir “noutro mundo”, as leis penais non axudan nada a súa curación, ao seu control, nin polo tanto a que a sociedade estea máis segura. O habitual é ignorar estes problemas de saúde e interpretalos como problemas de orde público.

O Código Penal establece requisitos moi estritos para determinar que persoas non poden ser castigadas penalmente, cando concorren causas psicolóxicas.

En primeiro lugar, existe a presunción de que todos somos imputábeis, de que a maioría das persoas estamos dentro dos patróns psiquiátricos de normalidade. Iso significa que unha persoa con dificultades psíquicas ten a carga da proba da súa enfermidade. Aínda que é lóxico, a falta de rixidez con que se aplica este principio dificulta obviamente, a defensa, xa que non é o máis habitual que esa persoa admita padecer unha enfermidade psiquiátrica. Ás veces, pode non ser consciente e os avogados podemos tardar en darnos conta. O segredo profesional “átanos” a unha sospeita que non podemos corroborar, sobre todo se estamos no ámbito civil. Que fas, por exemplo, ante un cliente con demencia senil, que ten razón no fondo, pero co que resulta imposíbel tratar, porque cada día quere unha cousa distinta?

En segundo lugar, o Código Penal require que para que o investigado poida ser declarado exento de responsabilidade penal, non poida comprender a ilicitude dos feitos que comete ou actuar conforme a esa comprensión.

Todo o que non sexa unha incomprensión case absoluta da realidade convértese, ao sumo, nunha circunstancia atenuante, que reduce a pena, pero que non serve, por exemplo, para aconsellar o internamento nun centro psiquiátrico.

Demostrar a existencia dunha enfermidade mental é moi difícil para unha persoa que non teña familia, que non tivese tratamentos anteriores e, sobre todo, que non teña importantes recursos.

Os informes dos forenses resultan sintéticos de máis, quizais porque teñen poucos recursos e quizais tamén porque se axustan a un código penal que só contempla, como dixemos, a variante de que a persoa sexa consciente ou non da bondade ou maldade dos feitos que cometeu e non entra a valorar a inexistencia dun trastorno na capacidade de autocontrol. Esta mecánica tan simple deixa enormes lagoas. A realidade psiquiatrica é moitísimo máis complexa, e de querer impartir algo de xustiza, obriga a rebuscar historiais clínicos e a elaborar complexos informes periciais que dificilmente se elaboran de oficio.

A miña experiencia particular lévame a confiar só nuns poucos psiquiatras. Un non vai a xuízos, porque sente a incomprensión da lei aos seus pacientes. Outro fai un magnifico traballo. Horas de dedicación e esforzo, investigación de antecedentes, ás veces para nada. Aínda que neste labor hai moito de vocacional, pois os seus honorarios en moitos casos non compensan as horas que lle dedica, aínda así a investigación dá lugar a uns enormes custes económicos que poucos se poden permitir.

Hai anos, vivín un caso no que o acusado era capaz de diferenciar o ben do mal, pero, segundo un dos profesionais que o trataban, tiña unha lesión no lóbulo frontal do cerebro, apreciábel visualmente nas probas médicas. Aínda que o acusado podía diferenciar o ben do mal, a lesión producíalle distorsións que lle impedían tomar a  decisión adecuada, feito este que non se deu por probado, apesar da pericial dos profesionais dun centro de rehabilitación de drogodependencia. Naquel momento eu non sabia moito das funcións do lóbulo frontal, máis alá das explicacións do meu perito. Casualmente desde que comecei a escribir este artigo unha persoa coñecida tivo un accidente e por “proximidade” aprendín que os enfermos nas UCIS con inflamación próxima ao lóbulo frontal teñen que estar atados, xa que é está a parte do cerebro que controla os “impulsos involuntarios” e os pacientes poden facer ou dicir cousas actuando de forma reflexa, non sei se con consciencia, pero desde logo sen vontade.

A UCI pode ser un caso extremo. Pero até que punto afecta un tumor?, como me comentaba esta semana unha colega a quen lle condenaron a prisión a un cliente, en tratamento psiquiátrico, en pleno cambio de pastillas, e cun tumor cerebral. Cliente que noutro arrebato e durante a fase de apelación escribiu unha carta ao Xulgado pedindo que o castigasen. Non é isto unha proba da súa falta de cordura? Non o é proba da falta de cordura dos axentes que intervimos na xustiza en modo automata?

Certo que, en casos así, moitos xuíces costuman a ser máis razoábeis que as leis, pero non sempre e non se pode dicir o mesmo da fiscalia, que segue unhas instrucións, e aínda que hai casos particulares, o sistema non lle pon facil ser razoables, xa que no fondo a carreira fiscal faise con victorias no curriculum e a prensa está meténdose nos casos de forma moi superficial e irresponsábel.

Cales son as consecuencias de todo isto?

Existen persoas con enfermidades mentais que, aínda sen resultaren estritamente perigosas –a priori non o sabemos– acaban sendo condenadas. Ás veces, a condena mesmo se dá por conformidade, para non obrigar o cliente/paciente a pasar por un xuízo, que o psiquiatra recomenda que evites.

Pero esta persoa non vai a ser, desde ese momento, un paciente, senón un cidadán con antecedentes penais. Tomando a medicación todo pode ir ben.  Pero, un factor endóxeno ou esóxeno pode facer preciso modificar esa medicación. Nese caso, esa persoa non é consciente e pode volver “cometer un delito”, porque non terá ninguén que o vixíe nin que comprobe se está ben, non foi obrigado a iso. Só terá unha nota nos seus antecedentes penais. Manter a base de datos de antecedentes penais resulta máis económico que controlar os enfermos psiquiátricos.

Ana Mosquera

Fonte: Sermos Galiza