Agora mesmo, catro persoas están a ser xulgadas, acusadas de mútiplos delitos relacionados cos protestos na inauguración da presidencia de Donald Trump en 2017. Son parte dun grupo de 59 acusadas que se enfrontan a penas de até 60 anos de cárcere se son condenadas. Perto de 230 persoas foron arrestadas o 20 de xaneiro (20E) de 2017, cando a policía cercou un protesto anarquista e antifascista, rodeando un cuarteirón e arrestando todas as persoas que conseguiron apañar.

 

Manifestación antiTrump en Washington

 

Naturalmente, moitos transeúntes e mesmo algúns blogueiros de dereitas foron tamen apañados. A policía deixou marchar algúns baseándose no aspecto, e outro grupo conseguiu escapar do cerco. Todas as persoas que ficaron foron acusadas de organizar unha conspiración e levar a cabo disturbios, culpadas das roturas de escaparates de grandes comercios, que foron esnaquizados durante o percorrido do protesto.

Se isto soa como un intento de crear un precedente legal para o castigo colectivo é porque o é. Segundo o procurador e os policías, calquera que tivese participado nun protesto anarquista era parte dunha conspiración e responsábel de calquera dano producico na beira ou perto do protesto.

Inicialmente, máis de 200 persoas arrestadas enfrontábanse a cargos e a un período prolongado en prisión. O primeiro grupo de seis persoas foi a xuízo o pasado novembro, incluíndo algunhas que actuaron en calidade de médicos ou xornalistas independentes (no entanto, un xornalista con vínculos fascistas que estaba no lugar non foi arrestado e nunca foi ameazado con acusacións similares). O procurador argumentou que a súa mera presenza no lugar era suficiente para ser acusado. Despois de un xurado ter absolvido estas persoas de todos os cargos, outras 129 foron excluídas do caso, e o Estado centrouse nas 59 restantes. 58 están a ser xulgadas agora ou irán a xuízo nos próximos meses; xente que ten que pór as súas vidas en compaso de espera, acordar cada mañá e ir durmir cada noite coa ameaza de 60 anos encerrada nunha gaiola pendendo sobre a cabeza.

A procuradora, Jennifer Kerkhof, que gaña un salario considerábel engaiolando xente, quere vender a idea de que os restantes acusados son os verdadeiramente responsabeis dos danos causados durante os disturbios do 20E, aínda que os peores danos foron producidos despois de estas persoas teren sido xa arrestadas. Após terse queimado coas absolucións despois das súas extralimitaciones iniciais, a Procuradoría abandona agora o principio do castigo colectivo, mais aínda está no centro do proceso. Aínda usa a participación na organización dun protesto como proba de culpa. Nun turbio movemento deseñado para gañar un precedente, xuntaron o grupo do xuízo actual con tres acusados de actos específicos de destrución -baseándose en vídeos pouco nítidos en que non é posíbel ver os rostos- e cun a quen acusan de ser un organizador.

 

Loitar contra a rotura de xanelas ou a queima de limusinas convértese en prioridade para o Departamento de Xustiza, en canto os desastres industriais e os ‘accidentes’  laborais, que matan millares, fican impunes

 

Non vou dicir que este é un xuízo político, porque a estas alturas deberiamos darnos conta de que todos os xuízos son políticos. Os anarquistas que danan propiedades das empresas e organizan xardíns comunitarios son repetidamente tratados como terroristas, en tanto os membros da extrema dereita, que van deixando un rastro de cadáveres máis longo que os jihadistas domésticos, apenas reciben un puxón de orellas. Os portavoces policiais nos medios afirman regularmente que os antifascistas que avogan pola autodefensa comunitaria son tan malos como os racistas que disparan contra igrexas negras e queiman mesquitas. A algúns traficantes de drogas caen cadeas perpetuas, en canto outros, responsabeis de moitas máis mortes, continúan recibindo primas corporativas.

Os anarquistas que organizan un protesto no decurso do cal é danada a propiedade empresarial son acusados de conspiración: todos os que estaban alí son culpabeis, argumentan os procuradores. Os fascistas que organizan un protesto en que prometen por antecipado partir cranios e tratar brutalmente os seus inimigos, que acaban matando unha persoa e ferindo por volta de 50, son tratados como manifestantes lexítimos, e só unha pequena parte deles responsabeis polos múltiplos actos de brutalidade son arrestados. Loitar contra a rotura de escaparates ou a queima de limusinas convértese en prioridade para o Departamento de Xustiza, en tanto os desastres industriais e os ‘accidentes’ laborais que matan millares fican impunes. Don Blankenship, o barón do carbón que fixo millóns en grande parte mediante prácticas que puxeron en perigo os traballadores e destruíron o medio ambiente, foi un dos poucos que foi a prisión. Matou 29 traballadores e estivo recluído en terceiro grao durante un ano. Marius Mason cumpre 22 anos en primeiro grao por levar a cabo accións de sabotaxe contra a propiedade de xente como Blankenship.

TOMADA DE POSE
O 20 de xaneiro de 2017, a clase política desenvolveu o tapete vermello para dar a benvida ao novo xefe executivo, un racista e misóxino declarado con vínculos con grupos fascistas. Os republicanos e os demócratas esquecerían o seu rexeitamento por principios ao home que supostamente era eticamente inadecuado para ocupar o Despacho Oval. Nun piscar de ollos aprenderían a cooperar, ansiosos de conseguir financiamento para as campañas ou a aprobación da lexislación que mellor garante os seus intereses. Os medios usaríano para vender xornais e tempo de publicidade, arremetendo contra el mais ao mesmo tempo normalizando o espectáculo. E o día da inauguración todos os hoteis e restaurantes, propiedade de xente que pronto recibiría grandes vantaxes fiscais, abriron para aproveitarse do público.

Varios millares de persoas decidiron que protestar aceptando esta nova realidade non era suficiente, tendo en conta todo o que Trump estaba a facer para normalizar o racismo manifesto e a violencia de xénero. Algunhas persoas querían tomar as rúas e expresaren a súa raiba dunha forma contundente e sen permiso. Outras bloquearon puntos de entrada para impediren que os partidarios de Trump desfrutasen do desfile. Algunhas atacaron uns poucos comercios que beneficiarían co novo presidente. E moita xente cubriu a cara para esconder a identidade, para protexerse tanto da vixilancia e represión policiais como do bullying cibernético en que participa sistematicamente a alt right, publicando os datos persoais dos seus inimigos para os expor ao acoso e a agresión.

De feito, os perigos da represión policial e os ataques neofascistas van da man. Departamentos de policía en todo o país estiveron colaborando con racistas de extrema dereita, protexendo as súas reunións á vez que dirixían a violencia cara aos contramanifestantes antirracistas. De Charlottesville a Sacramento, acusaron de agresión as vítimas de apuñalamentos ou malleiras fascistas. Os dereitistas, con todo, reciben lixeiros cargos de ‘agresión’ por disparar contra manifestantes, como en Seattle. E policías de California foron sorprendidos traballando xunto a neofascistas para identificar, acusar e atacar manifestantes antirracistas.

A policía e os procuradores no caso do 20E tamén colaboraron con fascistas e racistas. O departamento de policía de Washington DC deu os nomes e direccións de todas as persoas arrestadas a unha organización de extrema dereita, que os puxo na internet, facilitando o acoso e posibeis ataques. E a pouco escrupulosa [procuradora] Kerkhoff presentou como proba un vídeo editado polo dereitista radical Project Veritas, famoso por numerosas manipulacións, incluída unha operación fracasada que tiña a intención de producir acusacións de abuso falsas e desacreditar o movemento #MeToo.

O bloco negro e os outros manifestantes contundentes do 20 de xaneiro arruinaron o desfile de Trump. Non é por acaso que o Departamento de Xustiza fai agora destas acusacións unha custosa prioridade. Mais así como os medios se situaron como gardiáns da democracia, saltando sobre Trump por outras indecencias e producindo decenas de artigos cada vez que entra en Twitter, non montaron un grande escándalo sobre este caso. The Washington Post mencionou o xuízo varias veces, mais sobretodo da perspectiva da acusación. Non criticaron as extralimitacións do Departamento de Xustiza ou detallaron a colaboración policial coa extrema dereita ou outros impactantes elementos do caso.

 

PETER GELDERLOOS
Tradución para español: EDUARDO PÉREZ (El Salto Diario)