Primeiro foi a sorpresa da detención; logo, o medo no cárcere; e agora, indignación e rabia mesturadas cun cadro depresivo que tenta superar nun centro psiquiátrico. Miguel Martínez, a única persoa que pasou por prisión relacionada coa vaga de incendios que arrasou case 50.000 hectáreas en Galicia a mediados de outubro pasado, leva máis de mes e medio vivindo un “pesadelo”. Por vez primeira fala para un xornal, tras a súa detención e posterior posta en liberdade baixo fianza, a semana pasada, despois de cinco semanas encerrado no Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar, onde, di, pasou “medo”. Miguel non elude a súa responsabilidade: queimou, por unha imprudencia, apenas unha hectárea cando tentaba asar chourizo e castañas nunha leira que ten nos Blancos (Ourense). É responsable do 0,002 por cento de todo o que ardeu en Galicia na última onda de incendios, un total de 49.171,59 hectáreas, segundo os datos ofrecidos pola Xunta de Galicia. Ese lume pode custarlle até cinco anos de prisión.

 

Miguel Martínez, primeiro detido trala vaga de incendios a mediados de outubro de 2017 en Galicia

Miguel Martínez, primeiro detido trala vaga de incendios a mediados de outubro de 2017 en Galicia | Fonte: Telemiño.

 

Un día despois da súa saída de prisión o pasado 27 de outubro, Miguel —funcionario de Xustiza nos xulgados de Vigo— concedeu unha entrevista aos seus compañeiros ecoloxistas de Radio Cerna de Adega (Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza). Agora, por primeira vez fala coa prensa con declaracións exclusivas para Galicia Confidencial.

Alí, en prisión, viviu un auténtico “pesadelo” que non esquecerá.

“No cárcere hai todo tipo de xente. E o cárcere non é prato de bo gusto. Eu atopeime con problemas, porque son axente xudicial e alí había xente que me ameazaba e dicíame: «Vouche meter o chourizo polo cu». Alí pasei medo. Andaba acolloado buscándome a vida”, revela por vez primeira sobre a súa experiencia en Pereiro de Aguiar.

Neste tempo, dende a súa liberación, Miguel volveu coñecer o que é verse privado de liberdade de novo. O pasado venres era ingresado nun centro psiquiátrico debido á depresión que sofre dende hai tempo e que se agudizou trala súa detención, a súa estancia en prisión cautelar sen fianza e o linchamento público que favoreceron determinados medios de información, contrarrestados polos grupos ecoloxistas do país, que dende o primeiro momento saíron na defensa de Miguel, un home vencellado desde hai catro décadas ao Movemento Ecoloxista da Limia (MEL).

Miguel fala con nós camiño dun restaurante chinés, do que “tiña ganas, farto da comida do cárcere”, dinos en conversa telefónica, acompañado pola súa muller e o seu fillo nunhas horas de permiso para estar coa súa familia logo do seu ingreso nunha área de psiquiatría, onde está sendo tratado da súa depresión.

A conversa esténdese preto de 40 minutos nos que Miguel desafoga con vehemencia toda a súa “indignación” e dos que tan só podemos transcribir unha parte a petición do propio entrevistado. Nós respectamos o off the record e a gravación, na que por momentos o propio entrevistado se confesa “moi allterado” e “dorido” polo que viviu, non será publicada: “Por favor, non publiques isto porque me pode prexudicar de cara ao xuízo” é unha petición constante de Miguel na charla, temoroso das consecuencias que poidan ter as súas duras e firmes afirmacións sobre todo o acontecido desde o momento que o lume prendeu na súa leira até agora.

O seu avogado recomendoulle ser prudente. E así o fai. Pero na confidencialidade expresa toda a “rabia” que, di, lle xerou esta situación, e que estoupou o mesmo día que lle notificaron que a Audiencia Provincial de Ourense emitira un auto, tras un recurso presentado pola súa defensa, no que decretaba liberdade baixo fianza de 2.500 euros para Miguel porque non observaba “elementos que fagan temer” que poida haber unha reiteración delitiva nin de fuga, e tampouco prexuízo para o avance da investigación. Así lembra Miguel aquel momento:

“Estiven todo este tempo no cárcere pensando que ían manter a prisión provisional até o día do xuízo; estaba intranquilo, loxicamente. Cando me notificaron que me concederan a liberade baixo fianza, lonxe de sentir alegría sentín unha rabia moi grande, tan grande que me puxen malo e me tiveron que levar á enfermería, e alí dicíanme os funcionarios: «Pero a ti que che pasa? Danche a liberdade e estás así? Como te pos con esa ansiedade?». Pero non era ansiedade, era rabia. A rabia ao preguntarme por que estiven corenta días no cárcere”, relata o protagonista.

“NON SON UN TERRORISTA”

Agora, malia os seus problemas de saúde derivados da súa depresión, di estar “tranquilo” á espera do xuízo, no que agarda que “as probas que hai” demostren que non é un incendiario. Con todo, non evade a súa responsabilidade no fogo iniciado na súa leira: “O que me teña que caer, que me caia”, asume.

Pero Miguel segue sen entender por que entrou no cárcere. Ou máis ben tenta comprender os motivos que o levaron a ser a única persoa que acabou cos seus ósos en prisión trala vaga de incendios de outubro pasado. “Eu non son un terrorista”, declara.

Miguel aproveita a nosa conversa para recordar cales son os que considera os “verdadeiros” problemas e causas dos incendios en Galicia e como atallalos: “Hai vinte anos que Mauel [García] e máis eu viñemos dicindo nas mesas sobre os lumes que había que cambiar de política forestal, que plantasen carballos, castiñeiros…, que fixesen pradarías, que limpasen os montes todo o ano; fixemos unha inciativa lexislativa popular para que cambiasen o sistema de produción de árbores, etc., etc., etc.”

Salienta, ademais que a propia fiscal delegada para delitos mediambientais, Carmen Eiró Bouza, “dixo que en Galicia o problema do lume era diferente ao doutros países, que en Galicia sempre se queimou, que en Galicia a xente queima”. Con isto, engade, “non xustifico que iso estea ben, pero sempre se queimou por diferentes motivos”.

Por isto, non comprende que agora a versión da Xunta de Galicia sexa que existe unha presunta trama terrorista arredor dos incendios.

“Agora saca o outro [en referencia ao Goberno galego] unha esquela a unha páxina dicindo que somos terroristas e que, polo visto, quedamos todos polo Whatsapp. Ese día [o 15 de outubro, cando se desatou a enorme vaga de lumes] debín empezar eu… Ás doce da mañá empezaría eu e logo chamaría a outro que estaba na Gudiña e a outro que estaba en Salceda… Iso do terrorismo é mentira. Hai unha cultura triste, mala, errónea de lumes —que non todos son iguais—, e logo, aínda por riba, hai unha moi mala política forestal, pésima. Recórdoche que no ano 2006 pasou exactamente o mesmo. E digo eu: logo, dentro de dez anos, ao mellor volven quedar todos polo Whatsapp para facer outra como pasou aquel día. En broma, pero é así”, afonda Miguel ironizando sobre a versión dada pola Xunta de Galicia para explicar as vagas de incendios.

Sobre o acontecido o 15 de outubro, reitera que “foi un accidente” e asegura que non calibrou ben os riscos, como xa explicou a Radio Cerna de Adega, á que confesou que “non era consciente do perigo” que podía supoñer facer un fogo “moi pequeniño” na súa leira nesa época do ano, en pleno outono. Agora engade na súa conversa con Galicia Confidencial: “Aquel era un día moi malo; cando cheguei alí [a leira familar nos Blancos] non había vento e había nubes… Aínda que tampouco era o típico día de inverno, e dixen, pois fago un pequeno braseiro para un chourizo e unhas castañas… E disparouse”.

Miguel insiste en que asume a súa responsabilidade, pero tamén en que foi unha “imprudencia” e que fixo “todo o posible” por apagar o lume: “Eu non nego que acendese un braseiro… Foi un mal momento, un momento parvo. Pasou o que pasou… E que vou facer? Voume matar por iso? Intentei apagalo, pero non puiden, porque o lume entrou na xesta e xa foi imposible. Pero non había un vento tolo, como se di por aí… E date conta de que só ardeu unha hectárea. Ti sabes canto é unha hectárea? A mesma xente de alí dicía: «Pero como levan ao Miguel ó carcere se non ardeu nada?». Choraban!”, conta ao tempo que recorda que parte do que ardeu foron os seus castiñeiros.

Sobre os detalles do acontecido naqueles dramáticos momentos, prefire levar a off the recordboa parte dos feitos que se sucederon até que informou do feito á Guardia Civil de Xinzo de Limia. De novo, a precaución emerxe de cara á estratexia do seu avogado.

O que si quere aclarar en público é que el mesmo se identificou aos axentes, aos que mesmo pediu, segundo a súa versión, que lle “fixesen unha fotocopia do DNI”, logo de explicarlles que tiña que volver a Vigo para levar a súa filla en coche a Santiago de Compostela, unha vez comprobado que a situación estaba controlada. E así foi. Miguel marchou a Vigo.

Pasado o domingo, o martes, di, recibiu unha “chamada privada” para que se presentase ante a Guardia Civil en Vigo. De novo, como explicou a Radio Cerna, dinos que quedou “flipando en cores”. “Non entendía por que me chamaba a Guardia Civil, cando o normal, aquí en Vigo, é que o faga a Policía Local ou, sobre todo, a Policía Nacional”, argúe antes de reiterar, como xa fixo trala súa saída do cárcere, que pensou que “se trataba dunha broma” como a que xa lle ten feito algún amigo, segundo el mesmo.

Así, acudiu ao cuartel da Guardia Civil, onde, di, preguntou: “Non será unha broma pesada? E dixéronme que non e que probablemente me tería que persoar alí ao día seguinte”, relata.

De volta na súa casa, afirma que chamou ao cuartel da Guardia Civil en Xinzo de Limia, identificándose como o “home que tivo un problema cun lume…”. Tras identificalo, a resposta, segundo este, foi: “Vostede preséntese mañá ás oito e media da mañá no cuartel da Guardia Civil en Vigo”. “E fun co can, porque pensei que só era para preguntarme algún dato que non estivese ben ou se había ou sabía algo máis…”, detalla o imputado.

De novo, neste punto da entrevista, Miguel pide levar a conversa ao plano da confidencia, cando tenta clarificarnos como foi detido por “cinco axentes da Guardia Civil”. A versión inicial dada por este home e a súa contorna é que, sen ensinarlle a orde xudicial, foi esposado e derrubado por estes. Agora, dinos, está tamén acusado de “atentado contra a autoridade e resistencia”, amais do xuízo que ten que enfrontar polo lume imprudente. A versión dos axentes da Guardia Civil é que mostrou unha actitude agresiva no momento da súa detención.

O que si ratifica abertamente é que, tras ser detido, tivo que ser levado “en dúas ocasións” a un centro hospitalario en Vigo polos problemas de corazón que padece. “Teño unha arritmia criminal”, confésanos.

“CABEZA DE TURCO”

O certo é que malia que a Xunta mantivo a hipótese do “terrorismo incendiario” como a principal causa daqueles devastadores lumes de mediados de outubro pasado —o Goberno galego mesmo encheu as arcas da vella prensa galega pagando unha polémica campaña propagandística para tentar convencer á sociedade desta suposición—, ninguén foi detido por un presunto vínculo cunha trama terrorista até o de agora e a única persoa que ingresou en prisión foi Miguel, por un lume imprudente que queimou un minúsculo 0,002 por cento do total que ardeu en Galicia aqueles negros días. A Miguel, por susposto, isto —e “outras cousas”, di— non se lle escapa. Pero aquí a súa opinión pasa a off the record para evitar males maiores aos que xa padeceu.

Con todo, non dubida nin un só segundo en autocualificarse como un “cabeza de turco”. Así o teñen expresado tamén 18 grupos ecoloxistas do país que apoiaron a Miguel dende o principio e os seus familiares e amigos, que consideran que Miguel foi un “chibo expiatorio” nun momento de grande alarma social no que, presuntamente, as autoridades necesitaban personificar nun individuo e nunha imaxe nos medios de masas esa teoría do “terrorismo incendiario” e da efectividade das Forzas e Corpos de Seguridade na loita contra os que provocan lumes

Fontes consultadas por GC tamén apuntan a unha suposta “estrataxema da Xunta de Galicia” para tentar desprestixiar os grupos ecoloxistas do país —moi críticos coa política forestal e antilumes do Goberno galego—, usando o caso de Miguel como “arma arroxadiza”, xa que este home estivo vencellado ao ecoloxismo galego durante catro décadas, sendo membro fundador do Movemento Ecoloxista da Limia.

O 21 de outubro pasado, 18 agrupacións ecoloxistas xa adiantaban as súas sospeitas:

“Agardamos que en xustiza non se convirta a Miguel nun chibo expiatorio desta catástrofe ecolóxica, para desviar a atención criminalizando o movemento ecoloxista e así eximir das súas responsabilidades a quen ten as competencias sobre as políticas forestais, agrarias e de xestión do territorio”, advertían.

As mesmas fontes consultadas por este xornal apuntan ao ministro do Interior do Goberno de España, Juan Ignacio Zoido, como a presunta man que dirixiu directamente a Miguel a prisión. “Sabemos que Zoido enviou unha mensaxe na que dicía que Miguel tiña que entrar en prisión si ou si”, aseguran estas fontes. Foi entón unha decisión política?

O certo é que Zoido foi quen anunciou, na súa conta persoal en Twitter, o 18 de outubro, a detención de Miguel. Un feito que, cando menos, é sorprendente e case inaudito para un caso coma este —un pequeno lume de apenas unha hectárea—, polo medio utilizado e, especialmente, cando o propio ministro recoñecía que se tratou dunha “imprudencia”, non dunha acción terrorista ou dun lume intencionado e de grandes proporcións.

“La @guardiacivil ha detenido a un hombre en Vigo por causar presuntamente un incendio por una imprudencia el pasado domingo en Os Blancos”, anunciaba o ministro Zoido ás 10:31 horas do 18 de outubro pasado.

Só o tempo dirá, ou talvez non, se Miguel é ou non un cabeza de turco vítima dunha presunta conspiración política.

CONTRA FEIJÓO E O SEU PASADO

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, non se salva das críticas. “Indignado” polas declaracións que sobre o seu caso fixo o xefe do Executivo galego a preguntas de Galicia Confidencial, nas que aseguraba que había “algo máis” neste caso que xustificaba o arresto —pero que nunca aclarou—, Miguel pregúntalle retoricamente: “Que algo máis hai?”.

Mais desta vez, lonxe de reprimirse como fixo trala súa saída de prisión, cando falou coa ecoloxista Radio Cerna —dixo que prefería resérvase a súa opinión sobre esas declaracións de Feijóo porque, argumentou, “neste momento calquera cousa que eu poida dicir pódeme prexudicar”—, Miguel agora non dubida en arremeter contra o presidente da Xunta e en lembrarlle a súa amizade co narcotraficante Marcial Dorado.

“Como pode dicir Feijóo que «hai algo máis» no meu caso? Precisamente el, que estivo con Marcial Dorado. Eu souben no cárcere que Dorado foi o capo máis capo de todos os capos que houbo en non sei canto tempo. O Don Corleone das Rías Baixas”, expresa en ton acendido Miguel, quen subliña que “se había «algo máis», como explica Feijóo que a Audiencia Provincial me soltase unha hora despois de celebrarse a vista?”.

Neste punto, non dubida en darlle corpo á hipótese da conspiración política contra os grupos ecoloxistas galegos. Sobre as declaracións de Feijóo, enfatiza: “Paréceme unha auténtica pasada e un ataque ao ecoloxismo. Cebouse con nós. E iso indígname; indígname moito”.

A colación, Miguel insiste en que é un “cabeza de turco”. “Fun o único arrestado e o único que deu a cara”, manifesta.

DESMENTE ANTECEDENTES POR QUEIMAS 

Medios como Faro de Vigo, El Correo Gallego, La Región El País, La Sexta, TVE, 20 Minutos, El Mundo ou El Español, entre outros moitos, destacaron trala detención de Miguel que este xa “tiña antecedentes por queima de restrollos”. Porén, tanto a súa familia e amigos coma el mesmo desmenten categoricamente isto.

Na nosa conversa, Miguel confirma o que xa comentara a Galicia Confidencial o seu compañeiro e amigo —”irmán”, chámao el— Manuel García, presidente do Movemento Ecoloxista da Limia, quen nos explicara que “iso é totalmente falso”.

Miguel recoñece ter no seu historial un par de condenas, pero que nada teñen que ver co lume. Dado que en Galicia Confidencial non consideramos que sexan de interese público os feitos polos que foi condenado, non imos aportar detalles sobre estes casos que nos aclarou o imputado e que teñen que ver, segundo el mesmo, cunha liorta cun veciño, ao que tivo que pagar 1.200 euros por un conflito cunhas obras e ao que o fillo de Miguel fixo unha pintada no seu muro; e logo, outro preito co seu irmán, orixinado nunha disputa económica familiar que derivou nunha denuncia e condena por acoso contra Miguel, con pena de seis meses de prisión; pero ningunha condena por queimas, asegura.

Sobre como se lle exhibiu coma un trofeo ante a prensa cando foi detido e trasladado ao xulgado de Xinzo de Limia, tamén se mostra moi amolado, xa que, asevera, foi “preparado para a foto”.

“Pararon antes e puxéronme as esposas para saír na foto. Até se me caían os pantalóns… Como non levaba cinto, caíanseme. E tiven que saír así, esposado e aguantando os pantalóns. E sacáronme así… Alí non había xente de Xinzo; todos os que estaban cando saín eran de prensa, vinte, trinta… Pero fun coa cabeza ben alta, porque non fixera nada malo”, lembra Miguel, quen afirma que o axente que o acompañaba lle ía “retrasando o paso”. El está convencido de que o xeito no que foi levado ó xulgado só tiña unha intención: “Que me visen ben”.

En todo este tempo, comenta que non viu apenas nada do publicado sobre o seu caso nos medios de comunicación, pero di ter un amplo dosier que empezará a repasar para ver como foi tratado o seu caso. E anúncianos que vai escribir un libro sobre todo o acontecido.

“Quero escribir un libro de todo isto, non centrado no lume, senón sobre a miña experiencia no cárcere e de todo o que padecín e pasei, e do que agora estou pasando no psquiátrico”, confésanos Miguel, quen espera poder pasar un tempo de asueto —”talvez un mes”— en Alemaña, onde reside o seu fillo, para “desconectar”.

Alberto Quián

Fonte: Galicia Confidencial