Para quen acompañou medios como GARA non serán unha sorpresa os datos desta reportaxe; para moitas outras persoas, por contra, seguramente constituirán unha revelación macabra. Entre as moitas achegas das case 500 páxinas do Relatorio sobre a tortura encargado por Lakua destaca loxicamente a de como se torturou, en que consistiron os malos tratos, con números e percentaxes tiradas dos 4.113 casos censados. Unha radiografía do horror que revela pormenores especialmente sádicos como a utilización de ameazas con animais en catro casos, a imposición de masturbacións forzadas noutros catro, o oito episodios de tortura por esmagamento ou os nada menos que 465 en que se obrigou a persoa detida a ver ou ouvir malos tratos a outras persoas…

En cantidade, por cima diso sobrancean dous modos de tortura: o 69,8% dos casos detallados refiren pancadas (case todos eles, o 65% do total, máis concretamente «malleiras»), e o 69,8%, ameazas. Este último bloque inclúe simulacros de execución nun de cada dez casos. Resulta volumosa igualmente a percentaxe de «interrogatorios constantes» (52,3%) ou de «privación do sono» (31,2%).

Asfixia e violencia sexual

En menor cantidade mais de xeito destacado aparecen no estudo dúas prácticas en que é obrigado deterse: a asfixia e a violencia sexual.

As técnicas de asfixia, sob diferentes denominacións, son un clásico nesta lacra da tortura a nivel mundial. No período analizado (1960-2014) e na Comunidade Autónoma Vasca (CAV) algunha destas técnicas foi aplicada a unha de cada catro persoas detidas, o 25%. O equipo do Instituto Vasco de Criminología diferencia a «asfixia seca» (máis coñecida como «a bolsa»), que atinxe unha percentaxe do 19,5%, e a «asfixia húmida» («a bañeira»), sufrida por un 8,4% das vítimas. Hai un 1,1% engadido de formas de asfixia «non especificadas».

A violencia sexual foi revelada nun 22,3% dos casos denunciados. Toma diferentes formas: nudez forzada durante a incomunicación (18%), humillacións sexuais de carácter verbal (10,3%), pancadas en xenitais (9,7%), tocamentos (5,4%), utilización de eléctrodos nos xenitais (1,4%), introdución de obxectos pola vaxina (0,8%) ou polo ano (0,9%)… Estes dous últimos exemplos de violación foron denunciados por un total de 36 persoas.

Dado que cada caso está documentado exhaustivamente, podemos tirar outras múltiplas clasificacións: por corpos policiais, por idades das persoas detidas, por épocas… Esta última variábel, por exemplo, leva Paco Etxeberria e o seu equipo a constatar que no apartado de violencia sexual nos anos 80 e 90 foron empregados eléctrodos mentres desde o ano 2000 sobrancearon os tocamentos, humillacións ou violacións. Nesa fronteira temporal, di o estudo, «confírmase unha mudanza cualitativa e unha preocupación crecente que emerxe no relato das denuncias por deixar menos sinais físicos como hematomas»,

Na páxina 167, o traballo certifica que «as mulleres, comparativamente cos homes, soportaron máis empurróns e puxóns de cabelo, maior utilización do ‘plantón’ [obrigación de estar de pé], máis asfixia seca coa bolsa, maior exposición a diferentes formas de violencia sexual (máis nudez forzada, máis tocamentos, máis humillacións verbais e outras formas de violencia sexual), peores condicións de detención (máis exposición a ruídos constantes, deficiencias de hixiene no espazo), maior exposición a impedimento da visión a través do uso de carapuchas ou outros elementos, máis humillacións, máis ameazas…». Pola súa banda, aos homes foron aplicadas «máis malleiras, máis sometemento a posturas anómalas e forzadas e máis pancadas nos xenitais que ás mulleres».

De eléctrodos a ruídos constantes

A antes citada utilización de electricidade como tormento refírea o 8,3% dos torturados e torturadas. O estudo citaa xunto con formas de malos tratos como «uso de tabús» (5,3%), drogas (2,4%), queimaduras (6%) ou lesións penetrantes (0,3%).

Entrando noutros datos do relatorio, no relativo aos malos tratos físicos case un de cada catro persoas torturadas detalla «tortura por posición» (imposición de posturas forzadas ou extenuantes) e o 13,1% foron obrigadas a facer flexións. Entre as prácticas psicolóxicas, aparecen a «confusión con comportamento contraditorio dos axentes de seguranza (benevolente ou pretendidamente protector versus agresivo)» no 22,8% dos casos, a «obrigación de validar confesións falsas» no 20,7%, e, xa en menor medida, a achega de información falsa, a oferta de beneficios por colaborar cos corpos policiais…

Canto ás condicións de detención, o 18% das vítimas foron obrigadas a permanecer espidas, o 12,4% foron sometidas a ruídos constantes, o 7,5%  castigadas con hixiene deficiente na zona de arresto e o 7% padeceu o que se denomina como «tensión climática».

 

Resultado de imagem para unai romano

 

 

27,15 anos de idade media

Aínda que entre tantos casos aparecerán sen dúbida xentes de todas as idades, a idade media da persoa da CAV vítima de tortura nestas máis de cinco décadas é notabelmente baixa: 27,15 anos. E chama a atención que o 2% do total era menor de idade cando sufriu os tormentos.

Por procedencia xeográfica, é a poboación de Gipuzkoa a máis castigada, dado que case a metade dos casos (49,3%) corresponden a veciños e veciñas deste herrialde. O 38% das vítimas son vizcainas e os 7,6% arabesas. Está pendente un traballo similar en Nafarroa.

Canto aos corpos policiais responsabeis, o dato xa foi subliñado na presentación do relatorio, primeiro oficial relativo á tortura: á cabeza deste ranking macabro están Garda Civil e Policía española case empatados (43%), encanto á Ertzaintza corresponde un 8,1% dos casos, é dicir, 336. A Policía autonómica tamén incomunica menos que as españolas tomando exclusivamente os 4.113 casos do estudo: 79,3% fronte a 96,5% da Policía española e 96,4% da Garda Civil.

Protocolo de Istambul a 202 casos

Na presentación do relatorio na pasada segunda-feira en Donostia, Etxeberria apuntou que talvez en ningún sitio fora aplicado o Protocolo de Istambul, creado para medir a credibilidade dos testemuños de tortura, a tantos casos: 202 (un relatorio presentado en Madrid en 2014 recollía 45).

Após explicar profusamente como se articula o protocolo e como se desenvolveu nesta investigación, o resultado final obtido é o seguinte: o 5,9% dos casos foi valorado como «de máxima consistencia», o 41,1% como «moi consistente», o 48,5% como «consistente»;e unicamente un 4,5% (9 dos 202) revélase «inconsistente».

Para chegar a obter esta nota final, en función do Protocolo de Istambul adoptado pola ONU no ano 2000, non só se míde o «relato de suposta tortura», senón as reaccións psicolóxicas producidas, os informes médicos ou forenses, a congruencia entre a descrición de feitos e as emocións con que son expresados, o diagnóstico clínico, as mudanzas funcións posteriores (traballo, estudos, relacións…) atribuíbeis aos feitos, as mudanzas de personalidade xeradas… Así, na desagregación percíbese que o 98,5% dos casos son relatados de forma consistente, o 86,5% mostran congruencia entre a descrición de feitos e as emocións con que se expresan e o 83,2% deixaron secuelas igualmente congruentes. Mais, por contra, unicamente no 13% existen informes médicos ou forenses que acrediten o testemuño.

Nos casos que finalmente son declarados «inconsistentes», o relatorio matiza que iso non implica necesariamente que sexan falsos, senón que simplesmente poden ser tipificabeis non como tortura senón como uso excesivo da forza.

Como se observa, a realización deste relatorio pioneiro do Instituto Vasco de Criminología requiriu a intervención dun amplo equipo multidisciplinar: forenses, psicólogos, administrativos… O seu director, Paco Etxeberria, apuntou na presentación que terminaron participando dunha ou outra forma unhas 50 persoas. Para cumprimentar o encargo do Goberno de Lakua empregáronse uns tres anos.

AI DENUNCIA A IMPUNIDADE E eh BILDU CRITICA O NEGACIONISMO

Amnistía Internacional cre chegada a hora de «acabar co círculo vicioso da impunidade» após este informe, cuxa exhaustividad destaca, tanto polo traballo realizado como pola aplicación do Protocolo de Istambul. Precisa a que se refire coa alusión ao círculo vicioso: «Non só é difícil que as denuncias sexan atendidas, senón que moitos dos informes forenses son deficientes, e cando se leva a cabo unha investigación, hai moitas probabilidades de os responsabeis seren indultados, e volta a comezar». A ONG lembra as recomendacións que emitiu en setembro, e que comezan coa demanda ao Goberno estatal dun recoñecemento público da tortura.

Na esfera política, EH Bildu considerou «inaceptábel» que o PSE continúe no Goberno de Gasteiz despois de negar a tortura. Para Maddalen Iriarte, a reacción deste partido «debería significar automaticamente unha crise de goberno, mais o que vimos na comparecencia do señor Erkoreka foi un intento de banalizalo». O portavoz de Lakua admitiu onte en Radio Euskadi que o sorprendeu a reacción do PSE na segunda feira e destacou que foi emitida antes mesmo de presentarse o relatorio, mais descartou de modo tallante que o tema vaia a repercutir en Lakua.

Fonte: Gara.