A Asociación Pro Derechos Humanos de Andalucía (APDHA) mostrou o seu máis profundo rexeitamento á denuncia presentada contra os 602 migrantes que saltaron o cerco de Ceuta o día 27 de xullo. A denuncia, interposta polo Bufete de Abogados Nuria de Madariaga dous días despois de os migrantes teren cruzado a fronteira, solicita prisión incondicional sen fianza e impútalles un delito de atentado contra a autoridade nun dos seus supostos agravados.

A asociación andaluza sostén que, en termos xurídicos, ‘trátase dunha resposta racista e inhumana. Este tipo de denuncias supoñen a criminalización e persecución das persoas migrantes’. A ollos da entidade, resulta extremadamente preocupante que ‘o despacho de Nuria de Madariaga decidise aplicar o dereito penal do inimigo, apesar das continuas vulneracións de dereitos recoñecidos na lexislación que sofren as persoas migrantes, entre elas a prohibición de solicitar asilo, a falta de asistencia xurídica e tradución, detencións ilegais, ausencia de protección á infancia e a vítimas de tráfico de persoas, entre outras.

Segundo a APDHA, esta denuncia supón un precedente moi preocupante en tanto que ‘xustifica o xiro punitivo e a tendencia á criminalización das persoas migrantes’ nun contexto en que, tal e como lembra a asociación, ‘a inmigración por puntos non habilitados non é un delito e continúan producíndose devolucións en quente apesar de teren sido condenadas polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos’ na súa sentenza de outubro de 2017 contra o Goberno de España [2].

Por último, no comunicado, a organización denuncia a crecente militarización da Fronteira Sur. ‘Non só fechamos as nosas fronteiras, como vimos en Turquía en 2015, ou este ano en Libia’, ademais, ‘militarizamos e bunkerizamos a Unión Europea’, denuncian. A asociación andaluza fala, como así sinalaron xa numerosos relatorios [3], dunha ‘industria do control migratorio’.

Neste sentido, APDHA lembra que a Declaración Universal de Dereitos Humanos -ratificada polo Estado español- especifica nos seus artigos 13 e 14 que ‘toda persoa ten dereito a circular libremente e a elixir a súa residencia no territorio dun Estado e ademais a buscar asilo’ e que, segundo un relatorio da Fundación porCausa, desde 2006, o Goberno español destinou case 743 millóns de euros ao control e protección das súas fronteiras [4] e do cal, critican, un reducido lobby de empresas internacionais fan negocio co sufrimento destas persoas.

Fonte: APDH