O xuíz da Audiencia Nacional José de la Mata arquivou a denuncia policial contra unha moza que participou nunha queima de fotos do rei en Banyoles (Girona) ao considerar que non cometeu un delito de inxurias á Coroa, senón que foi un acto encadrado no dereito á liberdade de expresión.

 

 

O maxistrado abriu unha investigación por ese delito por mor dun informe policial sobre a concentración que se celebrou na localidade xerundense de Banyoles no pasado 13 de marzo, en que se queimaron fotos do rei para celebrar a sentenza do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos que determinou que este acto entra dentro do ámbito da liberdade de expresión.

Logo após analizar os feitos, Da Mata decidiu arquivar a causa ao entender que, en aplicación desa sentenza e doutras da propia Audiencia Nacional sobre a liberdade de expresión, neste caso o acto ampárase nese dereito e non transgrede os seus límites.

“Precisamente cando se expoñen ideas que molestan, ofenden e cuestionan a orde establecida é cando a liberdade de expresión é máis valiosa”, di o xuíz no auto de arquivo.

Abunda en que o “espazo permisíbel da crítica, aínda da que se expresa de maneira acerba e ferinte, mesmo falsa se non houber mala fe, é portanto maior” cando “o obxecto da crítica é un político, o Goberno ou, como acontece neste caso, a Coroa”.

De la Mata subscribe que, tal e como estableceu o tribunal de Estrasburgo, o feito de que o rei sexa unha figura neutral no debate político “non o ampara ante calquera crítica no exercicio das súas funcións oficiais”.

Contodo, recoñece que hai límites ao dereito á liberdade para expresar pensamentos, ideas ou opinións, concretamente os da violencia nos actos, o “discurso do odio” (a transmisión de mensaxes que incitan á discriminación ou á exclusión) e a presenza de expresións innecesarias “absolutamente vexatorias”.

Ningunha deste tres cosas, di De la Mata, ocorreu en Banyoles.

Ao contrario, esa e outras concentracións convocadas esa noite (en Xirona tamén houbo una) producíronse para celebrar a sentenza de Estrasburgo, o que “impide aínda máis considerar os feitos un ataque persoal dirixido contra o Rei de España, que tivese como obxecto menosprezar e vilipendiar” este.

Para o xuíz, non existe ademais “o máis mínimo elemento na denuncia policial de que o acto denunciado incitase ao odio ou á violencia, nin que fose acompañado de condutas violentas nin de alteracións da orde pública”.

Neste caso, engade, a manifestación simbólica do rexeitamento e da crítica política da Coroa “estaba ademais moi diluída, mediatizada e condicionada por unha reivindicación prevalente”, a de celebración da sentenza.

“A conclusión -di o xuíz- é forzosamente que o acto denunciado foi expresión simbólica dunha insatisfacción e dunha protesta (ou máis ben dunha satisfacción), que non incitou ao odio ou á violencia, e que non constitúe unha manifestación do discurso do odio”.

Fonte: Insurgente