Máis de dous millóns de persoas que foxen das guerras ou a persecución uníronse ao enorme continxente de refuxiadas este ano. Con todo, a resposta internacional foi a posta en marcha de políticas máis restritivas, sobre todo en Europa e os Estados Unidos, segundo declarou o Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados, Filippo Grandi, durante a súa intervención na 68 Sesión do Comité Executivo de ACNUR que se está celebrando en Xenebra (2-6 de outubro).

Destes dous millóns de novas persoas que procuran refuxio 650.000 proceden de Sudán do Sur e 500.000 son rohingyas de relixión musulmana que escaparon da violencia en Myanmar buscando asilo en Bangladesh durante o últimas cinco semanas. A maioría delas son apátridas.

“A miúdo chegan doentes, con traumas e fame, en lugares fronteirizos remotos, en comunidades afectadas pola pobreza e o subdesenvolvemento, e moitas teñen necesidades de protección urxentes: crianzas separadas das súas familias, homes, mulleres, nenas e nenos expostos a violencia sexual”, dixo. Grandi lembrou na súa intervención as súas visitas máis recentes a Bangladesh, Centroamérica e Sudán do Sur, onde coñeceu de primeira man “nenos e nenas gravemente traumatizados, separados das súas familias, homes e mulleres que sufriran atrocidades, algúns con graves lesións físicas”.

Máis de 17 millóns de persoas refuxiadas

A finais do ano pasado, 17,2 millóns de persoas refuxiadas estaban sob o mandato de ACNUR, aínda que os datos non están actualizados porque unhas regresaron e outras foron reasentadas. Tan só da Palestina hai cinco millóns de persoas consideradas como refuxiadas.

Grandi expresou a súa preocupación porque a cuestión dos refuxiados foi cada vez máis instrumentalizada nas políticas locais e nacionais.

“A cooperación internacional foi substituída por respostas fragmentadas, que deron como resultado medidas restritivas de inmigración e asilo, mesmo en países cun pasado de exilio e migración, e unha orgullosa tradición de benvida”, dixo.

Os fechos fronteirizos, as medidas para limitar a entrada, os procedementos restritivos de asilo, a detención indefinida en condicións espantosas e o procesamento en alto mar aumentaron. Tamén denunciou a “crecente xenofobia”.

“Observamos que o ambiente de protección deteriórase en moitas partes do mundo, mesmo nos países industrializados -na Europa, nos Estados Unidos ou na Australia”, dixo Grandi.

Case 1,2 millóns de persoas necesitan reasentarse globalmente en terceiros países, dixo.

“Por tanto, é unha cuestión de grande preocupación que se espera que menos de 100.000 lugares de reasentameento estean disponibeis este ano, unha queda do 43 por cento en comparación con 2016”, dixo.

O goberno de Trump propuxo a semana pasada a admisión dun máximo de 45.000 persoas refuxiadas o ano que vén, a cifra máis baixa en décadas, alegando razóns de seguranza. Esta proposta foi rexeitada polo Partido Demócrata e as organizacións humanitarias. O goberno de Trump tamén anunciou un corte dun 25 por cento dos fondos do programa de reasentameento de persoas refuxiadas.

Hector Alonso

Artigo publicado por Actualidad Humanitaria (03/10/2017)