A Asociación Pro Derechos Humanos de Andalucía apoia a denuncia presentada contra a Oficina de Rehabilitación Cartuxa-A Paz-Almanjayar da Axencia da Vivenda e Rehabilitación de Andalucía (AVRA) por violación de dereitos fundamentais, após a súa decisión de negarse a proporcionar unha vivenda digna e segura a unha muller vítima de violencia de xénero e ao seu fillo discapacitado, que nestes momentos atópase baixo ameazas por ser homosexual.

A organización considera “detestábel” que a AVRA desatenda de maneira reiterada as reclamacións desta familia e non facilite unha permuta de vivenda nunha contorna segura, estando en coñecemento das condicións de especial vulnerabilidade en que se encontran estas persoas e do risco para a integridade física do mozo, que xa foi agredido nunha ocasión e que sofre unha discapacidade do 54% recoñecida pola Consellería de Saúde da Xunta de Andalucía.

Segundo a denuncia presentada, a Administración recoñece a existencia de perigo real para a familia, ao punto de ter autorizado de forma excepcional mudarense a que é a súa vivenda actual, tamén propiedade de AVRA, indicando verbalmente que sería de maneira provisoria até a concesión dunha nova vivenda que cumprise as condicións de seguranza para a familia. No entanto, este domicilio está na mesma rúa e a tan só 100 metros do anterior, polo que as ameazas continúan. “Vannos matar”, denuncia a muller denunciante.

Dáse a circunstancia, ademais, de que se trata dunha vivenda “en precario”, que non reúne no momento da entrega as condicións mínimas de habitabilidade: non ten seguranza eléctrica, hai humidade na cociña, baño e corredor, buracos no teito con cabos pendurando, ausencia de interruptores e enchufes no salón, portas rotas e sen sumidoiro no prato de ducha, entre outros.

A APDHA esixe que as administracións cumpran coa súa obrigación de velar pola seguranza, a vida e integridade física e moral da cidadanía, en especial daquelas persoas máis necesitadas de protección.

Por iso, a asociación demanda da Axencia da Vivenda e Rehabilitación Social encontrar unha alternativa inmediata e digna, que garanta a seguranza da familia demandante. Ademais, a APDHA considera esencial amparar a seguranza das persoas titulares de contratos das vivendas públicas fronte a ameazas ou expulsións, que tales vivendas teñan as condicións básicas de habitabilidade, incluíndo o mantemento das zonas e instalacións comúns, e que se apoien as permutas de vivendas adecuadamente motivadas, utilizando criterios transparentes.

Fonte: APDHA