A autora* describe a precaria situación de desamparo sociosanitario que padece o preso vasco Ibon Iparragirre, que ten diagnosticado VIH en grao 3 e un tumor cerebral, nun contorno carcerario que motexa de “lugar hostil, desoacializante e regresivo” (Gari Garialde).

Sinto a profunda necesidade de pronunciarme en calidade de psicóloga, mais sobretodo de persoa. Pronunciarme fronte a unha situación dantesca que ningún dicionario ousaría definir, e non por iso deixa de acontecer nun Estado que, dia sí e dia tamén, gasta saliva en falar e defender os chamados dereitos humanos.

Por medio destas palabras querería informar todo o persoal sanitario sobre unha historia real. Unha persoa con nome e apelidos e unha infinidade de etiquetas aniquiladoras (non reparadoras), que aboia nun mar sen auga e sopra con sobreesforzo as velas do seu navío, foi obrigado a lanzar a áncora, anulando as súas forzas e oxidando o seu movemento.

Sen máis preámbulos, querería preguntar a todos os profesionais da saúde, a aquelas persoas que traballan arduamente na salvagarda da vida dos seus pacientes, que medidas adoptarían se se lles notificase que un deles está por completo falto da atención que necesita.

Sí, esta persoa, un ser sumamente vulnerábel que padece unha doenza grave e irreversíbel, está exposta a agresións físicas e psíquicas que poñen en risco a súa vida, pola simples razón de ser un preso político vasco. O talvez pola súa etiqueta de inadaptado, de antisocial?

Que pensarían da falta de comprensión do seu cadro? Como se dirixirían a quen correspondese para que comprenda que algúen que padeza VIH en grao 3 e que ten o cerebro tumoralmente preso, presenta inevitabelmente transtornos de conduta? Que sentirían se se lles informase que o seu paciente perdeu case por completo a vista e non está en condicións de facer case ningún movemento de maneira segura e, portanto, necesita axuda?

Creo que a resposta é obvia: unha persoa en tales circunstancias tería de recibir unha asistencia médica e psicoterapeútica exhaustiva e de calidade, e os profesionais da saúde haberian velar por ela.

Mais, infelizmente, o poder hexemónico contrataca e as infantis leis estatutarias embazan a maturidade humana por medo de perder o orgullo. Orgullo enquistado que teima en non ceder diante do dereito de toda persoa a ser asistida en condicións mínimas. Actitudes que colonizan coa morte, arrasando corpos que loitan pola súa vida. Ibon Iparragirre é un destes corpos, é unha destas vidas.

Unha vez sentín dicir que “a conformidade é carcereira da liberdade e inimiga do crecemento”. Pois ben, non serei eu quen sexa cómplice do silencio e non podo omitir estes feitos sen faltar ao xuramento ético polo que me formaron: o de asistir a toda aquela persoa que o necesite.

Se Ibón pudese manifestarse, explicaríanos que solicitar asistencia a alguén de confianza na prisión é un exercicio cheio de dificuldades, xeralmente inherentes ao feito de practicar psicoterapia en un lugar teoricamente orientado á rehabilitación social, mais que en realidade non ultrapasou ainda as finalidades de custodia e orde.

Neste lugar hostil, desocializante e regresivo, por moita vontade e interese que se teña en dar apoio ao proceso de curación e realizar un tratamento en condicións mínimas, resulta sumamente dificultoso (por non dicir imposíbel) chegar a esa meta.

Só agradecería de corazón que a este navegante lle fose permitido sentir a caricia das augas do seu mar, e pudese danzar com ela a súa fráxil e inestábel presenza, en lexítima liberdade.

 

  • A autora é psicóloga do preso politico vasco gravemente doente Ibon Iparragirre. Por respecto ao segredo profesional e a petición súa, preservamos a identidade.

Fonte: La Directa