A maioría da suposta esquerda israelí componse realmente de quen negan a Nakba, a ocupación e roubo a sangue e lume de 1948.

Unha das características negativas da “esquerda” israelí é como denomina o réxime militar de Cisxordania e a Faixa de Gaza: “a ocupación”. Mesmo acusa os palestinos que afirman non haber diferenza entre Petah Tikva e Ariel de seren como a dereita, porque “iso é o que afirma a dereita israelí”. Con todo, para a maioría de palestinos, este esaxerado e orwelliano lengalenga acerca da “ocupación” difumina a verdadeira vergoña de Israel e o esqueleto enterrado profundamente no armario: a ocupación brutal e criminal de 1948.

A limpeza étnica e a expropiación masiva de terras e logo a ocupación desa terra, son a nai de todas as desgrazas, mesmo se os israelís se negan a recoñecelo como tal en público, e mesmo se tratan forzadamente de facer caso omiso do que a maioría dos árabes din. Coa designación da ocupación do 67 como “a ocupación”, os israelís pretenden, entre outras cousas, tanto obscurecer como evitar calquera compromiso coa Nakba. A maioría da suposta esquerda israelí componse realmente de quen nega a Nakba.

Unha das afirmacións máis gastadas utilizadas para evitar referirse aos crimes do 48 como unha “ocupación”, é que a Nakba ou a “Guerra de Independencia” -para usarmos a lavada expresión sionista- eran necesarias para o proxecto nacional de establecer un Estado para o pobo xudeu despois da Segunda Guerra Mundial.

Outra pretensión, presentada na súa maioría pola dereita israelí, é que os palestinos rexeitaron o plano de partición da ONU de 1947. Esta afirmación sempre me pareceu baleira de calquera fundamento ou lóxica básica e por tanto non vale a pena abordar. Imos ver se os que apoian esta afirmación están de acordo en compartiren os seus lares e terras con persoas que chegaron do estranxeiro para os desposuíren e despois poderemos falar diso.

 Un proxecto nacional?

O argumento de que era necesario establecer un Estado a expensas da poboación nativa, que xustifican debido á persecución sufrida polos ocupantes, é patética no mellor dos casos. Moitas boas persoas xa falaron da cínica explotación polo sionismo da memoria das vítimas do Holocausto. Mais para os ouvidos dos palestinos, estas autoxustificacións xunto coa esaxerada verborraxia sobre “a ocupación”, como se non houbese ningún outro desastre que deixara unha ferida aberta, soa máis que patético.

Estas declaracións están destinadas a difuminar a responsabilidade dos israelís por eses feitos de sangue. É importante para os corazóns sanguentos dos sionistas esquerdistas que proclaman que os árabes e os xudeus non necesitan ser inimigos, escoitaren e entenderen os palestinos que traumático é aínda o acontecido no 48 – e canto impacta até hoxe- mesmo para a terceira xerazón despois da Nakba.

Non é só a diáspora de millóns de refuxiados da Nakba cuxa maioría vive en condicións precarias nos acampamentos. É tamén a falta de recoñecemento da inxustiza máis grande xamais feita ao pobo palestino. Cando ti non recoñeces a túa responsabilidade directa da catástrofe doutro [nin devolves o que roubaches], como se pode esperar que vivan contigo en paz ou crea nas túas consignas de convivencia?

 Vivir no pasado

Por lonxe, son demasiados os israelís que tratan de eximírense dos reclamos dos palestinos polo non recoñecemento dos feitos do 48, que segue sendo unha ferida aberta, e senten a gusto predicando aos palestinos que deben “deixar de lado o pasado”. E este discurso vén das persoas que se xustifican co regreso á terra dos seus antepasados de hai millares de anos. A hipocrisía non ten límites.

Ignorar e esquecer o pasado é outra característica negativa da “esquerda israelí”. Os israelís fan uso constantemente do seu dereito bíblico sobre Palestina e continuamente lembran ao mundo a súa persecución no pasado, así que son precisamente os esquerdistas de quen se esperou que comprendesen a insistencia dos palestinos en lembraren os crimes do seu pasado. Especialmente cando esas mesmas persoas perseguidas son os que causaron estas inxustizas.

Mentres non se atope unha solución ao sufrimento dos palestinos -que aínda está en curso co aumento dos roubos de terra- a Nakba nunca vai desaparecer do discurso palestino. Os árabes aínda están a ser expulsados dos seus fogares para entregalos aos colonos e non só alén da Liña Verde (véxase, por exemplo, Umm ao-Hiran e como as cidades mixtas están a ser xudaizadas).

A triste verdade é que o recoñecemento da Nakba require o recoñecemento da ocupación orixinal de 1948 e os israelís teñen medo de se enfrontaren a iso. Poden berrar consignas de paz eternamente, mais en tanto se ignoren os dereitos dos refuxiados de 1948 a recuperaren a súa terra a expensas dos colonos en Ein Hod, por exemplo [en toda Palestina, en realidade], esas palabras non teñen sentido.

Queres colaborar cos palestinos como iguais? Queres insistir en que te negas a velos como inimigos? Queres afortalar os valores reais da esquerda [aínda que perdas os teus privilexios de ocupante]? Entón comeza a repetir: a ocupación leva 69 anos, non 50. Cantos máis israelís se uniren ao redor desta liña de pensamento e deixaren de negar a Nakba, talvez daquela máis e máis palestinos comezarán a negarse a velos como inimigos.