Merece unha reflexión o dos últimos días -rapeiros condenados, libros secuestrados, obras de arte retiradas-, o dos últimos meses -a represión en Cataluña- e o dos últimos anos -as reiteradas detencións de libertarios e independentistas-.

Vou partir da presunción -da certeza, por mellor dicir- de que a represión máis eficiente non é a que se revela através de realidades como as apuntadas. É, así a todo, a que cobra corpo, a miúdo sibilinamente, nos centros de traballo, nas escolas e nas manipulacións abxectas a que se entregan os medios de incomunicación. A eficiencia desa represión corre en paralelo co feito de os seus efectos se instalaren indelebelmente nas nosas cabezas e impidiren que tomemos conciencia de onde estamos e quen servimos.

De sempre pensei que esa farsa que é a seudodemocracia liberal servíase intelixentemente do anterior, de tal sorte que as máis das veces non precisaba recorrer a formas de represión máis duras, máis evidentes e, seica por iso, menos lucrativas. Á luz do que acontecee nestes tempos, un está convidado a recear, contodo, desa conclusión e a propor a respecto diso, como pouco, dúas explicacións diferentes. Encanto a primeira suxire que, apesar de todo, quen nos goberna e oprime, en todas as ordes da vida, estima que a andrómena que montaron é moito máis fráxil do que puidese parecer, a segunda anota que lles pode o espasmo represivo que alimentou de sempre os seus proxectos -cantos deles non procederán do fascismo máis enferruxado-, e iso ao extremo de embazar a conciencia do que convén aos seus intereses. Hai que agradecer, iso si, que sexan tan francos e rotundos na súa acción, e que nin sequera se incomoden en ocultar, en paralelo, o xenerosos que son cos seus, e en particular cos que sucumbiron, de novo sen disimulo, ao xogo da corrupción.

Aínda que a represión destas horas xera un visíbel sofrimento -non podía ser doutra maneira- nas súas vítimas inmediatas, parece razoábel aducir que na súa articulación os elementos simbólicos son tanto ou máis importantes: constitúen un aviso do que nos espera se nos empeñarmos en repetir que o rei está nu. Pola contra sería difícil explicar por que se empeñan en condenar ás galés un rapeiro e pouco lles preocupa, en troca, que nas redes sociais se reproduza unha e outra vez a letra da canción que provoca a condena. En máis dunha ocasión sinalei que un indicador, desgrazado, de que, tamén nisto, os opresores están a conseguir levar a súa avante é o feito de tantas xentes que protestan contra a represión ben se coidaren, antes, de explicarnos que non simpatizan co que din rapeiros e marionetistas. Outro proporciónalo, sen fisuras, un patético partido socialista que non dubida en procurar acomodo no fascismo de baixa intensidade que despunta por toda a parte. Non falta, en fin, o temerario silencio de tantos intelectuais e artistas decididos a sortear as causas incómodas. Menos mal que nos queda a UE, que, coas súas constantes admonicións contra os nosos gobernantes, é neste momento a última trincheira de resistencia fronte á barbarie. A ninguén lle escapa.

Orixinal: Kaos en la Red