Nora Miralles

 

O doloroso proceso de tentar asumir, procesar e entender o que aconteceu en Catalunya a última semana deu lugar a multitude de debates. Afortunadamente, a postura social maioritaria deixou o racismo fóra deles, polo que se centraron sobretodo en como previr novos ataques como os que deixaron 15 vítimas en Barcelona e en Cambrils. Se parte desta discusión foi dominada por temas técnicos como que tipo de obstáculos se poden colocar nas rúas transitadas para evitar atropelos, outros quixemos abordar unha das raíces do problema: os conflitos armados, as guerras, a violencia local e global.

A negativa dun partido catalán a asistir á manifestación contra o terrorismo prevista para hoxe sábado* se era encabezada polo rei Felipe V e polo presidente Mariano Rajoy, fixo aflorar a cuestión do comercio e venda de armas españolas a países que contribúen decisivamente á inestabilidade e á inseguranza das súas rexións e, especialmente, con Arabia Saudita. A ditadura árabe, que o ano pasado executaba 157 persoas, batendo a súa marca do últimos vinte anos, é un dos principais países importadores de armamento do Estado español, á súa vez o sétimo país exportador de material militar no mundo. Arabia Saudita adquiriu, no período que vai de 2010 a 2014, armamento español -a través de empresas de titularidade pública como Navantia- por valor de 744 millóns de euros. No primeiro semestre de 2015, o volume da venda de material español ao réxime saudita disparouse até os 447 millóns de euros, en canto que en 2016 o volume das exportacións de empresas estatais a ese país foi de 116,19 millóns de euros. Rastrexar o destino dese material militar adquirido por Arabia Saudita, á súa vez país exportador de armamento a outros países de Oriente Medio, é difícil. Non o é, con todo, imaxinar o papel que este armamento puido ter nos conflitos que libra Arabia Saudita, autoerixido en árbitro e gardián da súa rexión. Neste sentido, o Centre Delàs d’Estudis per la Pau denunciou en repetidas ocasións, por exemplo no relatorio Arabia Saudita e os bombardeos no Iemen: A responsabilidade do Estado Español, o risco de o material español ser utilizado na ofensiva contra o Iemen, que unha coalición liderada polo réxime saudita iniciou hai dous anos, e que xerou xa 12.000 vítimas mortais -segundo datos de Amnistía Internacional-, o desprazamento de máis de 3 millóns de iemenitas e outras consecuencias catastróficas, como a peor epidemia de cólera das últimas décadas, que afecta 250.000 persoas. En canto a poboación iemenita sufría as consecuencias da guerra, España exportaba a Arabia Saudita máis de 900 millóns de euros en dous anos. Un feito que supón, por parte do Estado español, unha clara violación do dereito humanitario e da lexislación nacional sobre exportacións de material de defensa e dobre uso, ademais da vulneración da normativa europea e do Tratado internacional sobre o Comercio de Armas. Á súa vez, a probabilidade de que as armas exportadas estes últimos anos fosen utilizadas nos bombardeos a cidades kurdas, sirias ou iraquíanas, que xeraron o deslocamento masivo da poboación deses territorios, é moi alta. No seu rol de exportadora de armas e pretendida gardiá de Oriente Medio, Arabia Saudita foi acusada de financiar e armar grupos da oposición siria como o Exército Libre de Siria i Jeish o Islam, na súa carreira contra o Irán e Qatar por manter e expandir a súa influencia política na rexión. Unha filtración de Wikileaks especulaba, ademais, sobre a posíbel contribución desta ditadura árabe ao financiamento do Estado Islámico, a pesar de que o grupo integrista ameazou Arabia Saudita en varias ocasións. Se non existen, neste momento, evidencias suficientes para soster esta afirmación, si é certo con todo que a monarquía que goberna o país e as súas familias ricas contribuíron de forma substancial á promoción e expansión do wahabismo, unha corrente tradicionalista, radical e puritana do Islam, co financiamento de escolas coránicas afíns e a “exportación” de imáns formados no país, como defende Jaume Flaquer, xesuíta responsábel da área Teolóxica de Cristianisme i Justícia.

O caso de Arabia Saudita, aínda que é o máis flagrante no que se refire a as relacións comerciais con países que promoven violacións de Dereitos Humanos e interveñen en conflitos, non é o único. España, cuxo valor de exportacións de material militar alcanzou a marca en 2016 con 4.052 millóns de euros, mantén relacións comerciais co Marrocos, Exipto, Paquistán, Turquía, Ucraína, Colombia, Venezuela, México, Afganistán ou Iraque, todos eles en conflito aberto ou tensión interna ou con outros países nos últimos anos. Alén do feito concreto que puxo de novo no centro do debate quen exporta as súas armas o Estado Español, e neste caso a figura de Felipe V como facilitador e representante de contratos militares con este tipo de países, consideramos que de ningún modo é aceptábel que o armamento español sexa utilizado como ferramenta de intervención militar e de política exterior e, aínda máis, se iso supón provocar violencia e danos irreversibeis sobre as vidas e corpos de millóns de persoas.

A autora é investigadora do Centre Delàs d’Estudis per la Pau

*Artigo publicado en Noticias de Navarra – 26/08/2017