O lume xa entraba no casco urbano de Vigo. 2 persoas morreran en Nigrán. Desde a mañá do domingo os incendios inzaban Galiza. Mais a programación da televisión pública galega permaneceu inmutábel até perto das once da noite. “Houbo unha resposta tardía, insuficiente e patética, e só cando as críticas anegaban as redes sociais”, sinalan fontes do comité interempresas da CRTVG, que esixen a demisión do director xeral do ente Alfonso Sánchez Izquierdo.

Imaxe da sede da compañía pública de radio e televisión. Foto: cedida

Imaxe da sede da compañía pública de radio e televisión. Foto: cedida

 

Entre a sexta feira e a mañá desta segunda, e conforme aos datos da Xunta, houbo 260 incendios. Porén, ningunha das catro mochilas -equipos portátiles que permiten facer información en tempo real- estaba dispoñíbel. Nin sequera o domingo pola tarde, cando a vaga de lume estaba a cobrar dimensións preocupantes.