Non é a primeira vez que desde esta tribuna defendemos que as persoas privadas de liberdade o único dereito que teñen limitado é precisamente o da liberdade deambulatoria, mantendo o resto intactos e sendo a administración penal a que debe ser garante de que sexa así.

Tampouco é a primeira vez que denunciamos que isto non é así, posto que de forma sistemática hai outra serie de dereitos que ven cerceados, limitados ou directamente vulnerados. Falamos neste foro da vulneración dos dereitos das persoas LGTB en prisión, do afastamento dos seus seres queridos, das limitacións do dereito que teñen ao acceso á sanidade etc….

Neste ámbito quero centrarme hoxe nun asunto que pode pasar desapercibido, e é a vulneración que se produce de forma sistemática do artigo 53 da Lei Xeral Penal e o artigo 45 do regulamento penitenciario que regula, entre outras, as comunicacións íntimas. Comunicacións íntimas de que as persoas presas gozan coas súas, neste caso, parellas.

Os artigos 45.1 e 4 din:

Artigo 45:

1.-Todos os establecementos penitenciarios disporán de locais especialmente adecuados para as visitas familiares ou de achegados daqueles internos que non gocen de permisos ordinarios de saída.

4.- Previa solicitude do interno, concederase unha comunicación íntima ao mes como mínimo, cuxa duración non será superior a tres horas nin inferior a unha, salvo que razóns de orde ou seguranza do establecemento o impidan.

O problema vén, como costuma ser, da interpretación que Institucións Penitenciarias ou o propio Centro Penitenciario fai deste dereito que teñen todas as persoas presas con respecto á persoa coa que pode comunicar de forma íntima. Esta interpretación, que restrinxe o que o propio Regulamento Penitenciario establece, recóllese en dous lugares:

1.- A páxina Web de Institucións Penitenciarias, que describe as comunicacións íntimas como aquelas que se teñen “coa parella, para internos sen permisos de saída”.

2.- A Circular 24/1996 de Institucións Penitenciarias, atención á data 1996, que establece precisamente cales son as persoas que poden acceder a estas comunicacións. Recóllense no apartado A.3.c:

“Con carácter xeral non se concederán comunicacións íntimas aos internos con persoas que non poidan acreditar documentalmente a relación de afectividade ou que celebrase outras con anterioridade con persoa distinta á solicitada, nese caso será necesario que exista, polo menos unha situación de estabilidade, de 6 meses de duración”.

INTERPRETACIÓN RESTRITIVA
Esta interpretación, claramente restritiva dos dereitos das persoas presas, supón unha evidente vulneración dos mesmos e converte o cárcere nunha especie de “carabina” que tutela as relacións sexuais entre persoas até eles consideraren que esa relación se estabilizou.

Esta restrición levouse en ocasións a límites insospeitados e situacións rocambolescas, como o feito de que o cárcere non considere como documento válido para acreditar unha relación un certificado de voda polo rito cigano, a pesar de que a parella tiña mesmo cinco fillos en común, ou non considere parella dúas persoas presas en prisión provisional a pesar de teren sido detidas no domicilio común, constar como parella nas dilixencias previas e teren un fillo común que ademais estaba no domicilio no momento da detención e que foi deixado ao cargo do irmán dunha das persoas detidas; ou restrinxe as relacións sexuais entre persoas que se coñecen dentro de prisión e inician unha relación (persoas neste caso de distinto sexo en módulos separados dentro do mesmo centro penitenciario) e aos que até pasados seis meses non é concedida comunicación íntima.

Neste sentido, é claro que as restricións marcadas pola circular 24/1996 vulneran claramente o principio de xerarquía normativa, posto que por medio dunha circular son restrinxidos os dereitos recoñecidos no Regulamento Penitenciario que non pon límite ao concepto parella ou achegado, e ademais é claramente anacrónico, paternalista e moralista pois non é acorde co actual concepto social de relación de parella. Hai que ter en conta que estamos a falar dunha Circular redactada nunha época en que aínda non estaba nin aprobado o matrimonio entre persoas do mesmo sexo, polo que estas en ningún caso podían acceder a comunicacións íntimas xa que nunca ían poder acreditar documentalmente unha relación anterior.

AUDIENCIA PROVINCIAL DE MADRID

Xa a Audiencia Provincial de Madrid no seu Auto 939/04 de 15 de abril de 2004 estableceu unha interpretación máis acorde coa realidade resolvendo que:

“As comunicacións íntimas, como sostivo moitas veces este Tribunal, teñen un contido predominantemente sexual e o seu sentido é precisamente non privar do exercicio da sexualidade as persoas privadas de liberdade. Normalmente as persoas casadas e con familia terán esa comunicación íntima co seu cónxuxe e tamén co devandito cónxuxe terán lugar as comunicacións de convivencia e aínda as familiares. Mais hai unha enorme riqueza de situacións posibeis que non teñen por que coincidir co antes exposto, que responde a un patrón ideal de relacións familiares que non sempre se dá na realidade”.

E continúa o Auto: “No presente caso, o interno alega que a súa compañeira sentimental non é a súa esposa, e esa alegación sobre cuestión tan íntima debe ser crida sobre todo se vén reforzada polo feito de esa muller ter visitado en moitas ocasións o preso. Pode ser este un caso en que o interno poida manter comunicacións íntimas cunha persoa (Art. 45.4 do Regulamento, que non especifica quen sexa esa persoa) e comunicacións familiares e no seu caso de convivencia con outras (e os n°5 e 6 do art.45 do regulamento se especifica con quen). Estimarase o recurso e recoñecerase o Dereito do interno a manter comunicacións íntimas coa que considera a súa compañeira sentimental.”

Por tanto é urxente a revisión da circular 24/1996 posto que é claramente anacrónica e restritiva dos dereitos das persoas presas, e a súa substitución por unha máis acorde ao marcado polo propio Regulamento Penitenciario e sen limitacións á hora de decidir por parte da persoa presa quen é a súa parella ou con quen e en que momento da relación quere manter relacións sexuais.

Mikel Armendariz Barnechea