Resultado de imagem para centro penitenciario a lama pontevedra

Unha resposta a súa resposta

A Dirección do cárcere de A Lama restrinxe dende inicios de 2017 as visitas de integrantes da asociación Concepción Arenal a persoas presas nese centro penitenciario. O pasado 30 de novembro o Goberno do Estado deu resposta a unha pregunta no Congreso dos Deputados sobre esta cuestión. Para contextualizar o significado deste asunto é preciso aclarar que a inmensa maioría desas visitas eran a xente con pouca ou ningunha rede familiar ou social. En máis dunha ocasión foi a única visita recibida por algunha persoa en anos. Extractamos agora dous fragmentos dese escrito para a continuación darlle á súa vez outra resposta (esta non será escoitada polo Goberno, evidentemente).

(…) se necesita que la actividad ofertada por la ONG se valore como positiva y útil para los internos por la Junta de Tratamiento y, en segundo lugar, que los voluntarios (…) no tengan algún impedimento (…) por razones de seguridad (…).

(…) la Junta de Tratamiento del Centro Penitenciario de A Lama (…) no consideró que pudiese ser de utilidad la actividad que oferta a los internos esta ONG ya que dicha actividad no proporcionaba ningún elemento de utilidad que pudiera ser de interés en la programación de las actividades de intervención y tratamiento diseñadas en dicho centro penitenciario.

Fica bastante claro que o concepto importante aquí, descartadas as razóns de seguridade, é o da utilidade. A palabra repítese como argumento nun esquema interpretativo simple, un binomio actividade-útil. A definición desta utilidade non está por suposto en mans das persoas que participan na actividade, senón na Xunta de Tratamento. Podería pensarse que isto é algo normal dentro duna pena de privación de liberdade, mais, galeguizando a frase feita, anda o demo nos detalles. O fundamental é comprendermos que é o que se está a impedir e a quen. Dende a Dirección do cárcere e agora dende o Goberno poñen o acento na actividade dunha asociación. Pola contra, se mudamos a perspectiva topamos de fronte cos dereitos das persoas presas. Porque, de que estamos a tratar? Non dunha actividade recreativa ou terapéutica, son visitas. Ao falarmos de visitas no caso dunha persoa presa estamos a tocar dereitos básicos. Quen é suxeito de dereito aquí é quen visita, pero sobre todo a persoa presa. O tipo de dereitos en xogo neste caso son precisamente os menos útiles de todos, os dereitos humanos. A dignidade, que forma parte do primeiro artigo da súa Declaración Universal, debe concretarse non só nun enunciado, senón en accións encamiñadas á súa defensa e respecto.A asociación Concepción Arenal basea boa parte do seu labor en manter contactos postais e desa relación xorde en ocasións a posibilidade, solicitada pola persoa presa (como indica o regulamento), dunha visita. Esta fíxose sempre no réxime ordinario e en locutorio, que está indicado para familia e amizades. Así foi durante os máis de dez anos en que o colectivo actuou sen maior problema e co pleno coñecemento das anteriores direccións. E foi nesta forma por tres motivos:

* Non é unha actividade tal como semella entender o Goberno. Non está feita por profesionais ou un corpo de voluntariado formal dunha ONG ao uso. A asociación está legalmente constituída pero o seu tamaño e características non lle permiten realizar unha actividade dese tipo, na que ademais é a Institución quen selecciona ao grupo e que conta cunha periodicidade e obxectivos prefixados.

* Non existe no Estado unha regulamentación específica para a figura da visitadora ou visitador de cárceres, como o foi a propia Concepción Arenal. Se cadra este si podería ser un formato máis acaído para esta situación, pero a realidade impide empregalo como alternativa.

* Estas visitas xorden dunha relación persoal previa, de tipo postal, e o feito de pertencer a unha asociación non anula esa relación, só a contextualiza.

O importante de todo isto é que impedindo estas visitas, para alén de afectar a asociación, estase a cortar un dereito básico das persoas presas, sen unha motivación expresa e concreta en cada caso. A postura da Dirección nese sentido foi xeral na súa negativa argumentando en dúas liñas: a actividade non é de utilidade como tal e a visita en réxime ordinario non está pensada para unha asociación. Deste modo, ao apropiarse do monopolio da interpretación, é quen de determinar non só o que é útil, senón tamén o que é unha relación de amizade para cada unha das persoas internas. Para iso ampárase no regulamento de visitas, que lle concede certa discrecionalidade en casos en que non se trate de familia obxectiva. Porén, non debería derivarse dun regulamento a súa interpretación máis estrita sen máis, especialmente nun tema tan sensíbel. O regulamento non prohibe as visitas en base á pertenza das persoas a unha asociación e cando menos debería facerse unha valoración caso a caso, por exemplo pedir a asociación unha xustificación da relación previa, pero iso non sucedeu. Por outra banda, as queixas dalgunhas persoas presas a Vixilancia Penitenciaria foron denegadas sen entrar no fondo do asunto, confirmando só a postura da Dirección (algo habitual).

Segundo a propia lóxica do sistema legal e penitenciario, as persoas presas non deben ter más recortes aos seus dereitos básicos que os que se deriven da sentenza ou en todo caso de aspectos relacionados co mantemento da orde e seguridade no centro. A posibilidade ou non de acceder a visitas do exterior afectan á función de reinserción que xustifica legalmente a existencia da propia institución penitenciaria. A finalidade que ten unha visita é evidente se a ollamos dende un punto de vista humano e de dereitos e non meramente administrativo. Consideramos que o Centro Penitenciario de A Lama, na figura do seu Director, está a exercer neste caso un control excesivo sobre a vida das persoas, sen que haxa razóns de seguridade nin argumento xurídico que o xustifique. A concepción do Director sobre isto pode quedar máis clara cunha frase pronunciada por el nunha xuntanza con representantes desta asociación, algo así como (a memoria pode mudar algunha palabra, pero non o seu sentido): “os presos non necesitan visitas, xa poden falar cos funcionarios”.

Asociación Concepción Arenal