Mohamed fala coa súa filla através dun dispositivo electrónico.

 

En Melilla hai un pai que ve no Reino de España a única oportunidade que ten de poder reunirse coa filla e a muller en Francia. Trátase de Mamadou Mohamed, un mozo de Guinea Conakry que leva quince meses “apañado” na cidade autónoma como represalia por negarse a “ser alcagüete” da Garda Civil, segundo contou ao xornal La Marea após a publicación do seu testemuño nun vídeo da ONG Prodein. “Conseguín cruzar a Melilla pola fronteira de Farhana. Fíxenme pasar por pintor cun cubo de pintura e cando cheguei ao posto saín correndo. Cando estaba preto do CETI, gardas civís detivéronme e espancáronme ben. Leváronme en coche a Farhana para preguntarme se cruzara por aí”, narra Mohamed. Un relato que confirma José Palazón, defensor de dereitos humanos premiado polo Consello Xeral da Avogacía Española en 2016 polo seu labor con Prodein.

Aquel día, como tantos outros, Palazón estaba nas inmediacións do Centro de Estadía Temporal de Inmigrantes (CETI) cando viu como a Garda Civil detiña Mohamed e o levaba de volta á fronteira. “Pensei que o ían a devolver”, lembra. Mais non foi así. “De alí leváronme ao seu edificio e tivéronme dúas horas falando só con eles, sen avogado nin nada. Eu faláballes, aínda que non tiña información, porque en Melilla non hai lei. Iso aprendino a primeira vez que entrei aquí e me devolveron a Marrocos”, engade Mohamed.

Fixérono mediante as chamadas devolucións en quente, polas que o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos condenou o Reino de España por seren ilegais ao tratarse de expulsións de carácter colectivo que, ademais, vulneran o dereito ao recurso efectivo, o que incumpre o Convenio Europeo de Dereitos Humanos. Apesar diso, estas prácticas continúan efectuándose de maneira regular tanto en Ceuta como en Melilla, segundo confirma Prodein e Caminando Fronteras.

“Pedíanme información sobre como entra a xente aquí en coche, quen a trae, a matrícula”. Mais eu non entrei en coche! Sempre me din o mesmo, que se non falo non vou volver ver o meu bebé e a miña muller, que me van deportar ao meu país”, explica Mohamed por teléfono nun discurso que é un torrente de desespero.

Aos dous meses de estar en Melilla, segundo o seu relato, traballadores do CETI notificáronlle a súa saída nun dos ferrys que semanalmente transportan persoas á Península. Salvo as solicitantes de asilo de países como Siria, a maioría reciben no instante de embarcar a orde de expulsión que as condena a pasar, polo menos, tres anos de clandestinidade na Península. Moitas delas terminarán nun CIE. Destas, un 30%, son deportadas. O resto, sometidas ao temor de seren detidas durante batidas policiais baseadas no seu perfil étnico -batidas consideradas ilegais polas Nacións Unidas por seren discriminatorias- e, moitas, explotadas laboralmente sen posibilidade de denunciar pola súa situación administrativa irregular.

Cando aquel día Mohamed se dispuxo a partir cara ao porto para apañar o barco, descubriu que o número que lle entregaran non estaba na lista de saídas. “Ti xa sabes por que”, conta que lle contestaron no CETI cando preguntou. É a mesma resposta que obtivo, unha e outra vez, Taffou Nyame Renaud.

O caro prezo de negarse a ser informante

“O mesmo pasoume a min. O mesmo”, subliña Renaud por vía telefónica desde Madrid, onde reside na actualidade. O caso do camerunés Renaud, coñecido na súa contorna como Belleti, fíxose coñecido en febreiro de 2015, cando publicou unhas gravacións de audio en que se escoitaban as coaccións a que o sometía un axente do Instituto Armado de Melilla para que se convertese en confidente. En troca, conseguiríalle os papeis de residencia como -dicía- xa fixera en moitas outras ocasións. Ante a súa negativa, o axente -coñecido polo alcume de Willy- advertíalle que, daquela, nunca sairía da cidade fronteiriza. De feito, Renaud, pasou nove meses alí, encanto a maioría dos migrantes do África subsahariana costuman pasar non máis de tres ou catro meses antes de seren transportados á Península. Nunha ocasión chegaron a levalo ao ferry para a súa saída á Península. Mais unha vez alí foi detido e levado de volta ao CETI. “Cando preguntaba ao director e ás traballadoras sociais que pasaba comigo, sempre me dicían que fose falar coa Garda Civil. Eu dicíalles que eran eles os responsabeis do centro e que debían axudarme se tiña un problema. Mais alí trátanche fatal”, conta Renaud.

“O CETI, máis que un centro de retención, é un espazo de estudo de quen son os inmigrantes, que queren, se algún é terrorista”. Non digo que non teña que controlarse iso, mais nese labor de intelixencia colaboran todos”, opina Palazón. De feito, tanto el como a fotoxornalista Teresa Palomo, grande coñecedora da realidade nas fronteiras de Ceuta e Melilla e parella de Renaud, coinciden en que as coaccións para que os migrantes se convertan en confidentes son unha práctica habitual. “Elixen mozos ao acasp. Adoitan levalos ao soto da a Comandancia da Garda Civil. Alí poden ser máis agresivos para sacar información ou máis persuasivos, comprándolles calzado, telemóbeis”. É normal que moitos accedan porque levan moito tempo en Marrocos esperando poder cruzar. Mais non é só que non os deixen pasar, é que lles dan pequenos sinais de esperanza de que van poder marchar e no último momento impídenllo, como lle pasou a Belleti ou a Mamadou. É unha guerra psicolóxica”, conclúe Palomo.

Unha mañá de febreiro de 2015, chamaron ao apartamento en Melilla de Palomo, onde estaba Renaud. Detivéronno e leváronno ao CIE de Barcelona. “Foi unha represalia por non querer ser alcagüete. Advertíranmo”, asegura. Grazas á publicación dos audios en que se escoitaban as coaccións, á interposición dunha querela contra a Garda Civil pola devolución en quente que sufrira meses antes -e que documentou gravando o seu salto ao valado- e a unha campaña á que se sumaron decenas de organizacións sociais, Renaud foi posto en liberdade após ter sido admitida a trámite a súa solicitude de asilo por silencio administrativo. Quer dicir, por non ser respondida nos prazos legais. “Ese día iamos entrar no CIE de Barcelona cunha visita parlamentar. Foi un éxito colectivo por todas as accións que fixeramos”.

Hai un terceiro caso de persoas que foron retidas en Melilla como consecuencia de non quereren converterse en informante das Forzas e Corpos de Seguranza do Estado. Trátase de Farah (omitimos os seus apelidos por razóns de seguranza), unha muller alxerina á que esta xornalista coñeceu cando cociñaba á intemperie para logo vender os seus doces. Vivía cos seus cinco fillos nas chabolas que algúns migrantes construíran nas inmediacións do CETI ante as súas condicións de ateigamento e cansas de pasaren anos encerradas nun lugar en que non gozan de ningún tipo de control sobre a súa vida cotiá: o que comen, a que hora se levantan ou deitan, con quen compartillan cuarto… Condicións propias do sistema penitenciario devastadoras en termos psicolóxicos.

Ao contrario do que acontece coa inmensa maioría de mulleres que chegan a Melilla soas cos fillos -que adoitan ser transferidas en poucas semanas á Península-, Farah pasou anos apañada en Melilla pola súa negativa a ser confidente, segundo asegurou en 2012 e confirma Prodein, que seguiu o seu caso durante anos. “Gardas civís advertíronlle que nunca ían saír e que os seus fillos nunca conseguirían papeis”, explica Palazón. “E así foi. Despois de anos malviviendo, dous dos seus fillos terminaron caendo na droga. Foi nesa altura cando decidiu volver a Alxeria”, engade.

Segundo a fotoxornalista Teresa Palomo “é lícito que a Garda Civil pida colaboración para destapar unha mafia. Mais ten que ser dunha maneira voluntaria e mediante a asinatura de documentos acreditando que vas ofrecer esa información en troca de protección e dereitos. Mais non coaccionando, como o están facendo agora con Mamadou”.

La Marea tentou contrastar estas declaracións coa Garda Civil, que declinou facer comentarios. Tampouco no CETI de Melilla atenderon ás nosas preguntas.

 

 

“Son inmigrante, non policía”

Mamadou Mohamed ten 27 anos e saíu do seu país aos 20. Pasou catro anos en Marrocos antes de conseguir entrar en Melilla. Alí sufriu agresións por parte da policía marroquina, cuxas secuelas se poden ver nesta fotografía. Pasou fame e traballou en distintos labores por menos de sete euros ao día. Foi no reino alauí onde se reuniu coa súa muller, que partiu despois que el de Guinea Conakry, e onde tiveron a bebé. A nena non paraba de chorar e gritar polas noites, polo que o equipo de relixiosos que atenden as persoas inmigrantes na fronteira marroquina a levou ao hospital de Nador para lle facer probas. A nai, desesperada pola falta de melloría da nena, decidiu que xa non esperaría máis e que tomaría unha patera desde esta cidade até Melilla, segundo conta Mohamed.

El non era partidario polo arriscado da viaxe, mais ela estaba determinada e conseguiu que familiares que viven en Albania lle mandasen diñeiro. Non conseguiron suficiente para a pasaxe dos tres, así que partiu ela coa cría previo pago de 800 euros. Cando Mohamed conseguiu chegar a Melilla, elas xa estaban na Península. Separados desde hai quince meses, agora o agardan en Francia.

“Estou desesperado, eu non vin para vivir no CETI. Cando vexo marchar outros guineanos que chegaron hai dous meses, é algo que me volve tolo. Non podo durmir e estou cansado da miña vida”, explota Mohamed, que envía numerosas fotos coa filla e a nai. As mesmas que mostra aos gardas civís cada vez que lle lembran a súa oferta. “E eles sempre me din que se non acepto nunca vou estar con elas. Mais eu non son un policía, son un inmigrante”, conclúe.

Mohamed decidiu facer público o seu caso pola seguinte razón: “Se me acontece algo cando tente chegar a Francia por Libia, quero que saiban por que foi”.

Patricia Simón

Fonte: La Marea