A Audiencia Nacional condenou os oito xovens de Altsasu xulgados por unha disputa con dous gardas civís e as súas noivas a penas que oscilan entre os 2 e os 13 anos de prisión. Son as penas máximas por delitos de «atentado» a axentes da autoridade, «lesións, desordes públicas e ameazas». Descarta que houbese «terrorismo».

 

Juicio-altsasu                                   Os mozos de Altsasu, sentados diante do tribunal que os xulga. (@MartxeloDiaz)

 

O tribunal impuxo as penas máximas polos delitos de «lesións, desordes públicas e ameazas» aos mozos de Altsasu. Condenou a 13 anos de prisión Oihan Arnanz e Iñaki Abad; Jokin Unamuno e Adur Ramírez de Alda foron condenados a 12 anos, Jon Ander Cob, Julen Goikoetxea e Aratz Urrizola a 9 anos, e Ainara Urkijo, a dous. O oito foron xulgados a finais de abril na Audiencia Nacional pola disputa con dous gardas civís e as súas parellas nun bar, de madrugada, en outubro de 2016.

Excepto Ainara Urkijo, os outros sete foron condenados polos delitos de «atentado aos axentes de autoridade e lesións». No caso de Abad e Arnanz son tamén castigados por «desordes públicas».

A Sala rexeita as acusacións de «delitos terroristas» ao considerar que «non ficou acreditada a finalidade terrorista» da pelexa e tampouco a vinculación dos mozos a unha «organización terrorista», como sostiñan as acusacións. Apesar diso, as condenas impostas son as máximas previstas e chegan até os 13 anos de prisión. O tribunal aplicou as agravantes de «abuso de superioridade e de odio» e porque «se cometeron por motivos ideolóxicos e de animadversión á Garda Civil».

Xunto ás condenas de cárcere, a Audiencia Nacional impón indemnizacións de 9.200 euros por lesións ao tenente; ao sarxento deberán pagarlle 3.750 euros e ás súas noivas 6.100 euros a cada unha por lesións. Ademais, a Sala fixa 45.000 euros para a noiva do tenente e 25.000 euros para a noiva do sarxento por «secuelas e danos morais».

O tribunal aprecia as agravantes de «abuso de superioridade e de odio» e considera probado que os mozos «actuaron movidos pola animadversión e menosprezo cara á Garda Civil» e «por motivos claramente ideolóxicos» mais entende que «non ficou plenamente acreditada a finalidade terrorista da súa acción e tampouco a súa vinculación ou pertenza a ETA». Do mesmo xeito, dá por probado «a vinculación dalgúns dos acusados» a Ospa Mugimendua.

Fonte: Naiz