Varias persoas resultaron feridas na carga policial contra as persoas concentradas en apoio a este centro social autoxerido e que levaba vivo no antigo Campo da Estrada desde finais de 2016. 
Varias persoas resultaron feridas na carga policial contra as persoas defensoras do CSOA A Insumisa que tentaban recuperar este centro social da Coruña, que horas antes fora despexado pola Policía Local, pondo fin así a máis de ano e medio de autoxestión e asemblearismo no que popularmente se coñecía como Campo da Estrada. Segundo diversos medios, resultaron feridas dúas persoas que apoiaban o CSOA, un policía e un cámara de TV.A carga tivo lugar despois de dúas rapazas conseguiren acceder ao tellado da Insumisa e desde alí dar maior visibilidade ao protesto contra o despexo deste espazo do común. O avogado de A Insumisa anunciou que van recorrer o despexo por entenderen que decorreu sen se esgotar o prazo legal e sen ter sido comunicado á persoa que debía ser notificada. O goberno de Marea Atlántica indicou que os okupas recibiron a notificación de despexo o 27 de abril e que tiñan oito días para facelo voluntariamente.

 

“Que mellor nome para un cuartel okupado”
A Insumisa comezou a actuar a finais de 2016, cando un grupo de persoas ocuparon a antiga Comandancia de Obras, que fora utilizado polo exército español mais levaba tempo en desuso e abandono. Mediante a autoxestión e o asemblearismo, este espazo realizou toda una manchea de actividades, desde concertos até obradoiros e clases.A Insumisa tomou o seu nome dun movemento antimilitarista que axudou a acabar coa mili no Estado a finais dos noventa. “Que mellor nome para un cuartel ocupado”, di unha das mozas habituais do “espazo” nesta crónica publicada en Sermos Galiza en xuño de 2017.

A Insumisa era un gromo nesa tradición libertaria que A Coruña ten no seu ADN como cidade. E que abroullou ao longo da súa historia en mil e un proxectos,desde ateneos até sindicatos de mariñeiros, pasando por escolas e, tamén, por centros sociais autoxeridos.

Á tarde da pasada cuarta-feira, o edificio volveu estar ocupado por este colectivo, que se resiste a marchar, en canto crecía a tensión pola chegada de varios furgóns da Policía Nacional con axentes antidisturbios. Ás 20 horas celebrouse unha nova concentración ante a Comandancia para protestar contra o despexo. Efectivos antidisturbios da Policía Nacional cargaron contra os manifestantes, como recollen as imaxes recollidas por Radio Coruña.