Se sente “antipatía e aversión cara a alguén e lle desexa o mal”, quer dicir, se sente odio, tal e como o define a RAE, non se preocupe. Non comete ningún delito. Odiar non é delito. É máis, V. ten mesmo dereito a odiar. Ten dereito a sentir “antipatía e aversión” cara o seu xefe, cara os homófobos, cara o colectivo LGTB, cara os machistas e as feministas, cara o clube de fútbol da cidade rival, cara o seu propio cando perde, cara o mundo dos touros ou os antitaurinos, mesmo cara o seu cuñado. O odio é libre e, sobre todo, é humano.

 

El ministro del Interior, Juan Ignacio Zoido.- EFE

 

Con todo, se V. segue a información diaria nos medios de comunicación pode ser que acabe confundido. Ou polo menos poida que se sinta un chisco inseguro. Sobre todo se ve títulos como os seguintes: “Fiscalía investiga por delitos de odio e ameazas a expulsión dos policías dos hoteis”; “A Fiscalía investigará por delitos de odio quen presione alcaldes non independentistas”; ou “A Fiscalía de Barcelona investiga os chíos sobre a morte de Maza como supostos delitos de odio.”

Comete un delito por odiar? A resposta é ‘non’, mais é lóxico que se sinta aparvado. Nos últimos meses proliferaron nos medios de comunicación noticias sobre diferentes denuncias por delitos de odio. Das dereitas contra as esquerdas e ao contrario. De ultracatólicos contra ateos e destes contra católicos ultras. De españolistas contra independentistas e viceversa.

Mais daquela, o que é un delito de odio e o que non o é? Como se diferencia un pensamento odioso dun delito de odio? Para que foron concebidos os delitos de odio?
Acusar o rival político de cometer “delitos de odio” está de moda. Proba diso é a actitude do ministro do Interior, o ex xuiz Juan Ignacio Zoido. Súa foi a decisión de crear un gabinete para as denuncias de axentes de policía por supostos delitos de odio en Catalunya e o seu Ministerio é o que difunde através do seu portal unha definición errónea e non axustada ao Código Penal español do que é un delito de odio.

“Imos perseguir e axuizar os delitos de odio para que, sobre os culpabeis, caia o peso da lei, que é o que pasa nos países libres e democráticos e onde prima a división de poderes e o Estado de dereito”, subliñaba Zoido, que advertía que o Executivo non pararía até “todos os que faltaron ás Forzas e Corpos de Seguranza do Estado pagaren xudicialmente por iso”.

E cumpriu. Só entre o 1 e o 18 de outubro Interior tramitou 125 denuncias por delitos de odio e desobediencia no cadro do 1-O. Despois chegaron moitas máis. A semana pasada, sen ir máis lonxe, Interior anunciou aos catro ventos a detención dun tuiteiro por dicir que a morte de dous gardas civís lle parecía unha boa noticia.

Mais neste dislate de denuncias cruzadas non só está Interior. A asociación Drets, por exemplo, levou ante a Fiscalía decenas e decenas de chíos e mensaxes en redes que faltan o respecto de maneira evidente a cataláns polo simples feito de seren cataláns. Consideran que son constitutivos dun delito de odio. Recentemente tamén vimos o caso dos entroidos de Cádiz e a chirigota que coloca Puigdemont na guillotina. Uns sinalan co dedo e unha multitude clama para que condenen o rival político por delitos de odio.

 

Un Puigdemont guillotinado en una chirigota, primera polémica carnavalera                                          Un Puigdemont guillotinado nunha chirigota, primeira polémica do entroido

“É moi preocupante a deríva que estamos a vivir cos delitos de odio. E non só na Catalunya. Faise unha utilización perversa que está a pór en xeque a liberdade de expresión. A desnaturalización deste tipo de delitos é moi perigosa”, advirte a avogada penalista e defensora dos dereitos humanos, Laia Serra.

Mais daquela, o que é un delito de odio e o que non é? Como se diferencia un pensamento odioso dun delito de odio? Para que foron concebidos os delitos de odio? O catedrático acreditado de Dereito Penal da Universidade Carlos III Jacobo Dopico explica que o primeiro erro é utilizar a expresión de “delito de odio”.

“A formulación correcta debe ser de delitos de incitación ao odio e o que busca este tipo penal é protexer grupos e minorías discriminadas que están nunha situación en que os seus dereitos son obxecto de discriminación, agresión e/ou violencia, polo que a expresión de ideas dirixidas a incitar a continuar ou expandir esa discriminación, violencia ou odio debe ser reprimida”, explica Dopico en conversa telefónica.

Por tanto, para que podamos falar dun delito de odio o primeiro que hai que ter en conta é se o discurso fomenta o odio contra un grupo vulnerable/discriminado ou unha persoa determinada por razóns da súa pertenza a ese grupo e non por argumentos exclusivamente individuais. Pero os motivos dese ataque non son xenéricos. O artigo 510 do Código Penal establece que o ataque debe estar motivado por razóns de tipo “racista, antisemita ou outros referentes á ideoloxía, relixión ou crenzas, situación familiar, a pertenza dos seus membros a unha etnia, raza ou nación, a súa orixe nacional, o seu sexo, orientación ou identidade sexual, por razóns de xénero, enfermidade ou discapacidade?.

Por tanto, alegrarse da morte dun Garda Civil, insultar a un policía ou atacar duramente un toureiro son condutas constitutivas dun delito de odio? A resposta dos expertos consultados polo xornal Público é rotunda: “Non”. Nin os delitos de odio recollen como motivo discriminatorio a “profesión” de garda civil ou policía nin estes colectivos estiveron discriminados tradicionalmente nin tampouco poden acollerse á discriminación por ideoloxía, xa que se recolle especificamente que os Corpos e Forzas de Seguridade non teñen ideoloxía.

“Cando falamos de fiscais, policías ou toureiros, por exemplo, non estamos a falar de minorías desprotexidas que están discriminadas. Tampouco estamos a falar de mensaxes que incitan á comisión de delitos. Sinceramente, sorpréndeme que os poderes públicos afirmen que son casos que necesitan ser estudados cando o estudo necesario para saber que isto non pode ser un delito de odio é moi breve”, incide Dopico, que sinala que estes ataques contra a honra individual das persoas poden ser denunciados a través das figuras das inxurias ou a calumnia.

O TC sinalou que se produce incitación ao odio cando hai unha incitación directa ou indirecta á comisión dun delito

“É importante distinguir cando o ataque é persoal, a un individuo, xa que entón estariamos a falar, en todo caso, dun delito de inxurias ou calumnias. Os delitos de incitación ao odio teñen que ver coa incitación masiva á comisión dun delito e non protexen unha única persoa senón que se utilizan para protexer todo un colectivo. Atácase unha persoa en tanto que membro dun colectivo máis amplo”, incide.

Así mesmo, o catedrático acreditado de Dereito Penal Dopico lembra que a idea fundamental neste tipo de delito “non é a expresión de ideas odiosas ou reprimir a expresión desas ideas” senón evitar un discurso que anime o resto a cometer algún delito. Neste sentido, o profesor da Carlos III lembra que o Tribunal Constitucional, nunha sentenza de 2007, xa sinalou que a figura de incitación ao odio só pode ser punibel cando supoña unha incitación directa ou indirecta á comisión dun delito.

“O Constitucional díxonos xa que a Constitución ampara mesmo quen nega a propia Constitución. Protexe os intolerantes que expresan a súa intolerancia. Teñen dereito a expresar a súa intolerancia e só se pode castigar penalmente cando as ideas expresadas busquen incitar directa ou indirectamente á comisión dun delito. Ese é o núcleo fundamental”, engade o catedrático da Carlos III.

E atacar ou desexar a morte ou atacar un catalán polo feito de ser catalán? É un delito de odio? Responde Laia Serra: “Entendo que poida defenderse que se poida incluír nesta categoría os ataques contra cataláns por motivos ideolóxicos ou nacionais xa que cataláns ou vascos poderían ser consideradas como minorías discriminadas dentro do Estado, non tanto por razón de territorio como por cuestión de identidade cultural. Mais creo que ante a dúbida, é preferibel interpretar o Código Penal en termos restritivos”, explica Serra, con máis de 15 anos de experiencia profesional no terreo dos delitos de odio.

Alegrarse da morte dun Garda Civile é un delito de odio? A resposta dos expertos consultados por Público é rotunda: “Non”

Neste sentido, Jacobo Dopico denuncia que os delitos de incitación ao odio están a ser obxecto dunha “interpretación absolutamente incompatibel coa Constitución”.

“Vemos como por parte de diferentes audiencias, onde sentan maxistrados con galóns e longa traxectoria, se ordena reabrir procedementos por delitos de odio cando noutra instancia foran encerrados ou arquivados após valoracións perfectamente razoabeis sobre a irrelevancia penal da conduta investigada. E esta tendencia é perigosa. A amplificación da interpretación destes delitos non só parece dificilmente compatibel coa Constitución, xa que camiña en dirección contraria á marcada polo Constitucional, senón que é extraordinariamente inoportuna, porque supón unha interpretación expansiva precisamente dun precepto que está a producir un número crecente de sentenzas non aceptabeis da perspectiva dos límites do Dereito penal nunha democracia”, avanza o catedrático.

A dúbida a estas alturas do texto parece evidente. Se os insultos a policías ou gardas civís non constitúen un delito de odio nin os ataques a toureiros ou a Maza ou aos cataláns e, ademais, o Constitucional sentou doutrina sobre que é e que non é a incitación ao odio… por qué non paramos de ver denuncias practicamente a diario pola comisión de supostos delitos de odio? Por que fan esta interpretación institucións públicas, como Interior ou Fiscalía, cando o Constitucional se situou nun sentido contrario?

A Garda Civil detén a un tuitero e investiga a outros dous por dicir que a morte de dous axentes é unha ‘boa noticia’

A xurista Laia Serra responde que se trata dun problema de “formación”, de “ideoloxía” e dun intento de “salientar a denuncia”. “É verdade que o artigo 510 é controvertido e a súa indefinición pode levar ao expansionismo penal. Mais, doutra banda, non se pode confundir a interpretación dos delitos coa política criminal. No Estado español asistimos a unha persecución por delitos de odio con criterios políticos e non de interpretación xurídica. Mascárase nun debate técnico o que en realidade é unha represión aos críticos co sistema”, prosegue Serra, que salienta que “é moito máis rechamante acusar alguén dun delito de odio, que ten un vilipendio social engadido, que por inxurias ou calumnias. “Simbólicamente é moito máis potente o delito de odio”, engade.

A desnaturalización do artigo 510 do Código Penal e dos delitos de odio apréciase claramente se se atender aos principios polos cales foi introducido no Código Penal. “Está a facerse demasiado fincapé na palabra odio e non. É un delito discriminatorio que busca protexer aquelas minorías que poden ser atacadas por razón da súa orixe, orientación ou identidade sexual, etc. Mais insisto: trátase de minorías”, explica ao xornal Público a avogada, que asegura que o Código Penal xa ten outras figuras como “as inxurias”, as ameazas ou as coaccións para castigar as ofensas.

“Afacémonos a que os políticos acusen de delito de odio aqueles que os insultan nas redes e non. Iso pode ser unha inxuria, mais non un delito de odio”, engade Germán Teruel, profesor de Dereito Constitucional na Universidade de Murcia.

A interpretación desviada de “políticos”, “xuíces” e “xuristas” da incitación ao odio é cualificada por Laia Serra como “unha irresponsabilidade” e “unha falta de respecto”, outra máis, aos colectivos tradicionalmente discriminados. “No Estado español pasaron e pasan cousas moi graves contra a comunidade LGTB, os dereitos sexuais das mulleres ou as minorías étnicas e, con todo, vemos como unha figura penal que se creou para defender os desprotexidos está a ser utilizada polo poder para atacar os críticos”, denuncia Serra, que lamenta que a loita contra os delitos de odio estea a utilizarse “para facer mordaza” á crítica política.

Enésima deriva interpretativa
A desviación na interpretación dos delitos de odio súmase a outras realidades que tamén provocaron un aumento dos límites penais á liberdade de expresión. Un exemplo diso é a mudanza de doutrina da Audiencia Nacional á hora de xulgar cando se comete enaltecemento do terrorismo e/ou humillación ás vítimas. Esta mudanza de doutrina permitiu que persoas que non teñen nada a ver con ningunha organización terrorista e que son abertamente pacíficas sexan condenadas por enaltecemento. Outro exemplo é a reactivación do delito de ofensa contra os sentimentos relixiosos ou a mudanza de criterio da Audiencia Nacional sobre as apitadas ao himno español. En 2012 non eran delito e, en troca, en 2015 si constitúe un delito de ultraxe a España e de inxurias contra a coroa.

“Temos motivos para estar preocupados. Iso é unha realidade que dificilmente pode ser negada. A única boa noticia é que todo isto en 2010 non pasaba, polo que estamos ante unha deriva sen consolidar que debe ser interrompida e revertida. Se en 2010 dinnos que dous marionetistas ían ser encarcerados de maneira preventiva por uns monicreques de trapo en que se exhibe unha pequena faixa de Gora Alka Eta pensaríamos que é unha broma. Mais foi realidade e, por certo, aos marionetistas tamén os acusaron dun delito de odio… e foron absolvidos”, sentenza Jacobo.

Fonte: Público.