Os casos de represión e vulneración de dereitos humanos por parte do Estado na operación para frear o 1-O continúan chegando a Europa. Un ex membro da Sindicatura de Contas xa elevou ao Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos (TEDH) unha denuncia en relación ás represalias recibidas como membros deste órgao electoral e hai poucos días foi a vez do ex secretario xeral do departamento de Vicepresidencia e Economía e Facenda, Josep Maria Jové, quen denunciou o Estado no Tribunal de Estrasburgo por vulnerar seis dereitos blindados pola Convención Europea dos Dereitos Humanos.

 

 

O avogado do ex-secretario xeral da Vicepresidencia da Generalitat sinala sobretodo a opacidade das actuacións do 20 de setembro, con intención “intimidatoria”,  e o papel confuso do xulgado núm  13 de Barcelona e o Tribunal Constitucional.

Segundo relato do avogado, Andreu Van den Eynde, o Estado non respectou o dereito á liberdade e a seguranza, sobretodo polo que se refere ás dúbidas en torno á “legalidade do arresto e a detención” e a vulneración do “dereito a ser informado dos motivos da súa detención”, xa que, segundo sinala, “parece que o motivo do arresto era intimidatorio en vez de basearse na lei”, entre outras cuestións porque o Colexio de Avogados de Barcelona  non foi informado da detención, nin o ministerio fiscal, nin se deu a Jové acceso ao seu avogado.

A maiores, foi detido durante 50 horas, un período que o letrado considera excesivo. Se ben o termo máximo de detención podería chegar a ser de 72 horas, a normativa tamén fixa que este ha de ser o mínimo imprescindibel e o período de reclusión só pode ser prolongado cando é “necesario” para efectuar a investigación parcial do caso. Unha casuística que Jové non cre que sexa a que se daba neste caso. Durante este período, ademais, o detido “non recibiu ningunha información adecuada sobre os motivos do seu arresto e detención”.

Asi mesmo, a denuncia ao TEDH tamén apunta que non foi respectado o dereito  a un proceso imparcial, xa que, en canto Jové se encontraba detido por orde do xulgado de instrución 13, o Tribunal Constitucional (TC) ditou unha multa de 12.000€ diarios, até que este mesmo tribunal considerase que o ex alto cargo cumpría a orde de parar o referendo, mantendo as súas contas bloqueadas até ese momento. Todo isto, afirma, sen ser notificado dos procedementos que inician o proceso, aqueles cos que determina que se desobedece a orde de parar o 1-O, nin daqueles seguidos para impor a sanción. “En consecuencia, [Jové] non estivo presente nin foi escoitado polo tribunal en ningún momento”, antes de ser multado e, portanto, non pudo apelar ás proteccións previstas na Convención Europea. “Compre acrecentar que, ademais, o Tribunal Constitucional non podía ser un tribunal independente e imparcial no que di respecto á determinación do cumprimento, xa que a orde que declarou incumprida foi emitida por el (era xuiz e parte na súa propia causa)”, insiste.

Unha multa desproporcionada

Así mesmo, segundo continúa a denuncia, “o enorme tamaño desta multa diaria e os poderes de confiscación anexos” supoñen para Jové “un grave risco de sofrer un dano irreparábel que afecta o seu dereito á vida”, á “súa vida privada e familiar” e ás “súas propiedades”, tres dereitos tamén protexidos pola Convención. “Está en risco de, en calquera momento, sofrer confiscación dos seus bens por parte das autoridades fiscais, con perdas potenciais do seu lar e a creación de ansiedade permanente”, explica, unha medida que “é claramente desproporcionada para calquera obxectivo lexítimo”. Finalmente, o feito de o TC demandar ao ministerio fiscal a interposición dun procedemento contra Jové polo mesmo asunto que o alto tribunal lle impuxo unha multa podería vulnerar o principio de ne bis in idem, que prohibe a dobre imposición de pena por un mesmo feito.

O TEDH regula o cumprimento dos dereitos recoñecidos na Convención Europea de Dereitos Humanos -O Convenio Europeo para a Protección dos Dereitos Humanos e as Liberdades Fundamentais, segundo o seu nome oficial- e os seus sucesivos protocolos. O texto orixinal foi adoptado polo Consello de Europa en 1950 e entrou en vigor en 1953 e, por iso, non depende da Unión Europea- apesar de esta recoñecer a Convención no seu Tratado de Roma-, que xa dispón do seu Tribunal de Xustiza da Unión Europea, outra instancia europea onde ERC xa traballa para presentar denuncias contra a represión do Estado. Neste caso, Jové apela directamente ao TEDH xa que, como o TC é o último órgao para presentar recursos no Estado e é un tribunal implicado na causa contra el, entende que xa foron esgotados os pasos no nivel estatal e, portanto, pode dar o salto ás instancias europeas.

Secretismo no xulgado número 13

Sexa como for, no relato dos feitos, Jové tamén lembra que o xulgado número 13 abriu en marzo a investigación sobre o caso Santi Vidal despois dunha denuncia do partido ultra Vox e, ao abrigo desta causa, foron levadas a cabo moitas actuacións contra o referendo. Durante todo este período, no entanto, non se levantou o segredo de sumario e, portanto, o seu alcance é descoñecido, excepto polo feito de que en xullo o xuiz afirmou que “este procedemento non ten como finalidade a organización política nin o anuncio dun referendo nin é ningún tipo de investigación xeral contra quen tiver algún interese directo ou indirecto nel”. De feito, Jové non fora requerido en ningún momento no cadro desa causa, até a súa detención, o 20 de setembro, xunto con outros 13 membros do goberno.

Durante aquela operación, a denuncia relata que “algunhas inspección levadas a cabo en casas foron iniciadas, e mesmo completadas, antes de os avogados dos detidos seren convocados ou teren chegado aos locais para asistiren á revista”. “De feito, o xuiz negouse a dicir aos avogados defensores onde estaban os seus clientes”, insiste, e critica que Jové “foi informado de forma ambigua e xenérica das acusacion contra el” e “non recibiu información pormenorizada sobre a acusación no momento da súa detención”, nin sobre en que momento a súa eventual actuación fora vinculada coa investigación do xulgado número 13 sobre o caso Santi Vidal.

Un habeas corpus con escasas garantías

Así mesmo, o ex alto cargo solicitiou un habeas corpus, para dirimir a legalidade da súa detención, mais “sorprendentemente” foi o xuiz do tribunal número 13 quen ditaminou sobre a regularidade das actuación ordenadas por el mesmo.

Igualmente, en canto estaba detido, o TC impuxo unha sanción de 12.000 euros diarios até que parase calquera actuación sobre a organización do referendo, mais mesmo así sen escoitar ou notificar nada a Jové, quen “non foi informado de que o tribunal lle dera tres días para formular unha declaración sobre o cumprimento” da suspensión do 1-O ordenada polo alto tribunal. Para evitar a multa, a Generalitat cesou Jové, mais, apesar diso “non está claro que as multas non continuarán”, e a dia de hoxe o TC non ditou ningunha orde sobre se considera que a orde foi cumprida e, portanto, xa non sofre sancións.

Roger Tugas

Artigo publicado en Nació Digital (09/10/2017)