No pasado 30 de xuño, B.B.D.C., veciño da Merca, estaba na Alameda de Ourense axudando un compañeiro a facer a mudanza de fin de curso cando, no momento en que baixaba un colchón do seu coche, se aproximou del un axente da Policía Local da cidade e sen dar máis explicacións conminouno a subir de inmediato ao vehículo. Á pregunta de B.B.D.C. sobre a razón desta orde, o axente respondeu agarrándoo con forza polo brazo e, con violencia desproporcionada e inxustificada, insistiu en forzalo a subir ao vehículo con frases iradas (“Que montes! monta!”, “Por mis huevos!”). Nesa altura chegou ao lugar dos feitos unha patrulla da propia policía e os axentes aproximáronse para averiguar o que acontecía. Despois de ouviren as explicacións do axente actuante e de B.B.D.C., pediron a este que os acompañase para o identificar, non “en condición de detido”, esclareceron. No camiño mostráronse críticos coa a actuación do seu compañeiro e con intervencións anteriores (que non precisaron).

 

 

Posteriormente, tanto o axente como B.B.D.C. formularon denuncia na comisaría da Policía Nacional. Os compañeiros do axente negáronse a asinar en calidade de testemuñas o escrito presentado por este.

B.B.D.C. xuntou á súa denuncia parte de lesións emitido polo Dr. Miguel Ángel Justo Fernández, do Centro Sanitario de Celanova. O facultativo sinala que no momento da exploración o paciente “presenta hematomas e excoriacións en tórax parte lateral, esquerda e pescozo, cara anerior de membros inferiores, pulsos, costas, hematomas en cránio en vértex e parietal esquerdo”  e indica como causa das lesións “probábel agresión”.

Noticia anterior.